Pardiñas lamenta os "actos violentos" que provocaron a cancelación dun concerto tras protestas propalestinas

Bandeiras palestinas no escenario do Festival de Pardiñas tras a cancelación do concerto de Dobranotch CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Continúa a polémica pola cancelación da actuación do grupo Dobranotch no Festival de Pardiñas logo de protestas contra a banda, á que algúns espectadores reprochaban ter actuado recentemente en Israel malia o boicot de numerosos artistas. Durante a súa actuación, varios dos espectadores luciron bandeiras e berraron proclamas a favor de Palestina, pero tamén houbo quen lanzou obxectos e invadiu o escenario, provocando finalmente a suspensión do espectáculo. 

Xermolos, organizadora do festival, aclara que cancelou o concerto por "actos violentos" e ante a "imposibilidade de asegurar a integridade física" do grupo

A Asociación Cultural Xermolos, organizadora do festival, aclara agora nun comunicado que decidiron "dar por finalizado o concerto" logo de "actos violentos como o lanzamento de obxectos (pedras e vasos) ou o asalto ao escenario e zona de seguridade por parte de varias persoas" e pola "imposibilidade de asegurar a integridade física dos membros da banda e persoal de produción". "É unha situación que non toleraremos nunca no Festival de Pardiñas", insisten. 

Momento da cancelación do concerto de Dobracht en Pardiñas, nun vídeo cedido por un espectador a Praza.gal

Coa intención de "aclarar a situación" tras o ocorrido o pasado domingo, Xermolos reafirma o seu "compromiso inquebrantable" e o do festival "coa causa palestina" e, xa que logo, o seu "rexeitamento do xenocidio perpetrado por Israel" co pobo palestino. 

A organización reafirma o seu "compromiso inquebrantable" coa causa palestina e lembra varios actos realizados a prol dela

Así, a asociación lembra os encontros e actos organizados ou coordinados pola entidade, como o recital poético Palestina na mostra de artesanía do festival en 2024, o coloquio de Samir Ashou, presidente da Asociación galaico-árabe Jenin, en setembro do 2025; ou a presenza dun posto da Plataforma Comarca de Betanzos con Palestina nas últimas edicións, entre outros exemplos.

Ademais, lembra que a programación do festival "realízase acorde aos principios e valores da asociación, unha idiosincrasia de sobra coñecida polos asistentes e as bandas, entre elas o grupo Dobranotch".

O festival lembra que "en ningún momento"  recibiu "comunicación ou queixa da posible controversia" que podía xerar o concerto de Dobranotch

A organización do festival di "lamentar profundamente" os actos violentos acontecidos en Pardiñas e lembra que "en ningún momento desde que se deu a coñecer a programación" recibiu "comunicación ou queixa da posible controversia que podía xerar este concerto". "De aí dificultade de xestionar un boicot deste calibre", aseguran. 

"Resúltanos difícil de comprender tendo en conta a nosa traxectoria e a vontade de colaboración, que se organicen este tipo de actos sen un intento de diálogo previo para aclarar posibles malestares e evitar este tipo de acontecementos", remata a Asociación Cultural Xermolos. 

Actuación do grupo Dobranotch en Pardiñas, pouco antes da cancelación do concerto CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Segundo relataron varias testemuñas, o problema comezou cando público presente no concerto que portaba unha gran bandeira palestina comezou a protestar ante a banda pola súa presenza recente (en 2025) nalgún concerto en Israel e recriminando que non apostase polo boicot que outros grupos e artistas fan ao Estado israelí polo xenocidio cometido en Gaza. 

Protestas e discurso

Ante as protestas, insisten varios dos presentes, un dos membros do grupo dirixiuse ao público cun discurso "con bastantes lugares comúns" no que intentou explicar "que en todos os países hai cousas boas e malas". 

Posteriormente, e ante a presenza dunha espectadora no escenario cunha bandeira palestina ou o lanzamento de varios obxectos, como aclarou tamén a organización e denuncioua banda, o líder de Dobranotch asegurou que o debate non era tan sinxelo e que era un tema "complicado".

Dobranotch é un grupo ruso afincado en Europa que interpreta música celta, balcánica e klezmer, xénero tradicional dos xudeus asquenacís de Europa central e oriental, con letras en yiddish ou hebreo.

O Festival de Pardiñas, malia esta anécdota, volveu ser un éxito de público nas dúas xornadas da pasada fin de semana, con actuacións destacadas de Maloa Brothers, Alana, Eskorzo ou Os Carecos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.