Cancelado un concerto en Pardiñas tras protestas do público a prol de Palestina

Actuación do grupo Dobranotch en Pardiñas, pouco antes da cancelación do concerto CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O grupo ruso afincado en Alemaña, Dobranotch, non rematou a actuación que tiña prevista este domingo no Festival de Pardiñas en Guitiriz. A presenza de bandeiras palestinas e de proclamas a favor da súa causa acabou por provocar a cancelación do concerto por parte do grupo que interpreta música celta, balcánica e klezmer, xénero tradicional dos xudeus asquenacís de Europa central e oriental, con letras en yiddish ou hebreo.

Segundo relatan varias testemuñas, público presente que portaba unha gran bandeira palestina comezou a protestar ante a banda pola súa presenza recente (en 2025) nalgún concerto en Israel e recriminando que non apostase polo boicot que outros grupos e artistas fan ao Estado israelí polo xenocidio cometido en Gaza. 

Momento da cancelación do concerto de Dobracht en Pardiñas, nun vídeo cedido por un espectador a Praza.gal

Espectadores protestaron pola pasada presenza en festivais en Israel do grupo Dobranotch, que cancelou o concerto tras advertir que o conflito en Palestina era un tema "complicado"

Ante as protestas, insisten varios dos presentes, un dos membros do grupo dirixiuse ao público cun discurso "con bastantes lugares comúns" no que intentou explicar "que en todos os países hai cousas boas e malas". 

Posteriormente, e ante a presenza dunha espectadora no escenario cunha bandeira palestina e os berros de "Palestina vencerá", o líder da banda insistiu en que o debate non era tan sinxelo e que era un tema "complicado", entre as críticas e apupos dalgunhas das persoas asistentes ao espectáculo.

"Se non queren que toquemos, ok", respondeu en inglés antes de marchar e de que un dos membros de Dobranotch lamentase que lles tirasen cousas ao escenario. Case de inmediato, membros da asociación cultural Xermolos, organizadora do festival, explicaron que o concerto quedaba cancelado por cuestións de seguridade e lembraron o seu compromiso como colectivo coa liberdade do pobo palestino. ""Condenamos o xenocidio perpetrado por Israel (...); así o levamos demostrando ano tras ano", dixeron. 

O Festival de Pardiñas, malia esta anécdota, volveu ser un éxito de público nas dúas xornadas da pasada fin de semana, con actuacións destacadas de Maloa Brothers, Alana, Eskorzo ou Os Carecos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.