Piden instalacións dignas para o Arquivo Municipal de Vigo, que "debe saír do garaxe do Concello"

Casa do Concello de Vigo Dominio Público zarateman

"O Arquivo Municipal de Vigo debe saír do garaxe do concello e instalarse nun lugar con dependencias óptimas". Nos últimos días comezou a difundirse un manifesto, asinado por importantes expoñentes da cultura viguesa, que alerta do estado na que se atopa o Arquivo Municipal de Vigo e lle reclama ao Concello que tome medidas para mudar esta situación. O texto está apoiado, entre outras persoas, por Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Camiño Noia, Manuel Bragado, Xosé González, Ledicia Costas, María Xosé Porteiro, Marta Pérez ou Xurxo Martínez.

"O simple lugar onde se localiza, nos pés da casa do concello e ao carón do garaxe, denigra a cultura viguesa"

"O simple lugar onde se localiza, nos pés da casa do concello e ao carón do garaxe, denigra a cultura viguesa. Supón un verdadeiro demérito para o principal municipio galego que tanta brillantez ten dado ás letras e ciencias", explica o texto, que denuncia "a falta de persoal profesional, a ausencia dunha dirección, a escasa clasificación de papeis ciscados en arquivadores, a practicamente nula dixitalización do material obrante, o cativo espazo de traballo para as persoas usuarias, a falta de salas de lectura apropiadas, o descoidado material inmoble, o ruído dos automóbiles no garaxe ou a inexistencia dunha páxina web".

Os e as asinantes piden o seu traslado a "un lugar con dependencias óptimas para dar cobertura ás necesidades técnicas e ás solicitudes das persoas interesadas na nosa memoria"

"O arquivo dunha cidade é o sagrario da memoria municipal. Neste espazo custódiase a historia escrita. Os centos de papeis, libros, cartafoles, actas ou planos axúdannos a entender o desenvolvemento social, económico ou político", destacan. "Vigo debe manter vivo o coñecemento do pasado, a través do seu estudo e divulgación, para poñer en valor a identidade da súa cidadanía: aberta, culta, plural, progresista, dinámica… Trazos que nos serven de presentación e dos cales sentimos orgullo", engaden.

Os e as asinantes piden o seu traslado a "un lugar con dependencias óptimas para dar cobertura ás necesidades técnicas e ás solicitudes das persoas interesadas na nosa memoria". E subliñan que "o Pleno do concello debe procurar un inmoble de propiedade municipal que cumpra con estes requisitos".

 

Casa do Concello de Vigo Dominio Público zarateman

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.