Poesía, Blues e viño con Yolanda Castaño e Lucía Aldao

Yolanda Castaño © Alberto Pombo

Poesía, blues e viño. Ese é o menú que ofrecerá Enocións by Ribeiro na Coruña o vindeiro xoves 27 de xullo, día no que a Sala Moom 57 recibirá unha nova cita deste ciclo que, organizado polo Consello Regulador da Denominación Orixe Ribeiro, brinda ao púbico unha maridaxe entre os sabores e texturas do viño con diferentes expresións artísticas. Nesta ocasión, Enocións by Ribeiro contará coa poetas Yolanda Castaño e Lucía Aldao, que presentarán a sesión na que o público poderá catar caldos de seis adegas diferentes mentres escoitan os versos destas dúas referencias da poesía actual e escoitan o concerto de blues de Marian Ledesma & Los Tiniquero Brothers.

O ciclo Enocións By Ribeiro regresa así á Coruña, tras as primeiras sesións que ofreceu no outono pasado coa participación do cociñeiro Pepe Solla, da actriz Lucía Regueiro, da DJ Analís ou do músico Adrián Costa. Enocións iniciara a súa andaina en 2015, ano no que ofreceu as súas primeiras sesións con cantantes como Guadi Galego ou intérpretes como Carlos Blanco. Tras ese paso polo Gaiás, o ciclo quixo medrar e espallarse, escollendo como primeira parada a cidade da Coruña.

Así, Enocións by Ribeiro pretende ser moito máis que unha simple cata de viño, xa que é un programa de actividades que quere reflectir as emocións que xorden ao degustar os viños da denominación de orixe máis antiga de Galicia, ao tempo que se goza con distintas expresións artísticas. A música, a gastronomía ou a escena son algunhas das manifestacións culturais nas que o ciclo centra a súa atención.

Nesta ocasión, Enocións opta por ofrecerlle ao público un encontro no que a poesía e o blues se mergullan nas texturas e sabores da D.O. Ribeiro. As entradas para esta sesión con Lucía Aldao, Yolanda Castaño e Marian ledesme & Los Tinaquero Brothers xa están á venda a través da plataforma Ticketea.

Cartel da nova edición de Enocións By Ribeiro Dominio Público DO Ribeiro
Yolanda Castaño © Alberto Pombo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.