Poesía e música na homenaxe a Paco Souto, "a personificación do verbo dar”

Homenaxe a Paco Souto no Teatro Colón © Deputación da Coruña

Artes plásticas ao vivo, poesía e música protagonizaron o espectáculo colectivo organizado pola Deputación da Coruña e coordinado pola poeta Rosalía Fernández Rial para homenaxear o poeta Paco Souto nun ateigado Teatro Colón na cidade herculina. 

O espectáculo 'Atesourando a palabra' homenaxeou no Teatro Colón o poeta e artista Paco Souto, falecido hai oito meses no mar

Co título Atesourando a palabra, a homenaxe, organizada pola área Cultura da Deputación da Coruña, oito meses despois da tráxica morte do poeta e político nacionalista no mar, contou cun importante número de artistas, pertencentes a diferentes ámbitos culturais, reunindo a poetas e artistas que formaron parte do universo creativo de Paco Souto, e que mantiveron unha estreita relación, persoal e profesional, co poeta.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, e a viúva do poeta, Enma Abella, abriron o acto lembrando a "xenerosidade" de Paco Souto e o seu "compromiso con proxectos colectivos culturais e sociais e a súa man sempre tendida para o que fixera falta". Fixérono xa cun escenario no que poetas, artistas visuais e o piano de Aída Saco daban comezo ao espectáculo. 

Nesta primeira homenaxe nacional a Paco Souto, presentada e coordinada pola poeta Rosalía Fernández Rial, participaron representantes da poesía galega como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano; artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, músicos como Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, ou persoeiros do eido audiovisual como o cineasta Xosé Bocixa, cuxas intervencións contribuirán a lembrar a figura dun escritor que promoveu unha gran de cantidade de inicitivas culturais nas diferentes artes.

“Paco Souto foi a personificación do verbo dar”, destacou Fernández Rial

Fernández Rial destacou de Paco Souto -concelleiro do BNG en Malpica no momentono que faleceu- que sempre foi  “un grande axitador cultural”, subliñando a súa “continua vontade para promover actos e iniciativas culturais”, así como para organizar actividades formativas. “Paco Souto foi a personificación do verbo dar”, engadiu, lembrando a actitude “voluntariosa e colaborativa” do homenaxeado.

En "coherencia coa personalidade e o discurso artístico do homenaxeado", o espectáculo tivo unha posta en escena na que a poesía, a música e a artes plásticas dialogaron arredor da figura dun escritor que deixou a súa obra e a memoria da súa xenerosidade tamén á hora de promover proxectos colectivos, tal e como destaca a Deputación da Coruña. 

 

Paco Souto e o arte de crear cultura

Nado na Coruña en 1962, Paco Souto morreu en exercicio do seu traballo de percebeiro en Razo o 30 de marzo deste mesmo ano. Poeta, editor e promotor cultural, obtivo, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do Concello de Bueu 2006 por As horas de María. Participou en exposicións colectivas e individuais, ilustrou libros e colaborou en diversas montaxes teatrais. En 1993 realizou xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América; en 2001 creou Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizaron Como augas de maio e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A. C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reunía pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira. En 2016 publicou o seu último libro individual, e Caín.

Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á música e a fotografía de Peter Schneider asinou Tempo escuro. En 2015 daban ao prelo Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editaron o CD Proxecto Barro, parte dun espectáculo multidisciplinar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño. Dirixiu con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón, onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas. Neste mesmo ano, o seu poema Terradentro gañou o premio aRitmar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.

Homenaxe a Paco Souto no Teatro Colón © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.