Pontedeume prepara o seu 'Cortexo Cívico', "a maior festa cultural das Letras fóra do acto oficial"

Claudio Rodríguez Fer recita a Pimentel na praza da Angustia de Pontedeume nunha edición anterior do Cortexo Cívico ©

No Cortexo Cívico, autores e autoras -e con eles e elas a veciñanza local- percorren as rúas da vila con dez paradas noutros tantos espazos históricos para homenaxear unha decena de figuras das letras galegas

O Día das Letras é unha festa de celebración da lingua e da cultura galegas, un festexo que se estende por todos os recunchos do país. Nese día hai conmemoracións de todo tipo, dende as máis institucionais e rituais ás máis sociais e populares. Dentro destas últimas destaca o Cortexo Cívico de Pontedeume, que dende uns anos se celebra na vila eumesa organizado polo Ateneo Eumés Fernán Martís co apoio da Deputación de Coruña e o Concello de Pontedeume.

O evento reivindícase como "a maior festa cultural do Día das Letras Galegas, fóra do acto oficial". "Velaquí un día para camiñar na procura de lugares da memoria. Lugares que nos permiten conectar o noso tempo co tempo pasado, o local co nacional. O enxebre co universal. Ábrense as fiestras e os balcóns e coa palabra dos novos creadores lembramos tamén aqueles que co seu bo facer acrecentaron o patrimonio cultural do país, aquí en Pontedeume", destaca Pepe Barro, vicepresidente do Ateneo Eumés Fernán Martís.

Anxo Angueira lembra a Novoneyra ao pé do Torreón, nunha edición anterior do Cortexo Cívico ©

Este ano o Cortexo Cívico das Letras conmemora a estadía de Rosalía De Castro en Breamo no verán de 1864, onde se achegou coa súa familia "procurando os ares do mar para curar unha afección pulmonar"

Nesta xornada autores e autoras chegadas de distintos lugares de Galicia -e con eles e elas a veciñanza local- percorren dende as 12 do mediodía ata as 14 horas as rúas da vila con dez paradas noutros tantos espazos históricos ou que marcan a profunda relación que dende hai séculos Pontedeume mantén coa lingua e a cultura do país para, de paso, homenaxear unha decena de figuras das letras galegas. O programa pode consultarse neste enlace.

Este ano o Cortexo Cívico das Letras conmemora a estadía de Rosalía De Castro en Breamo en 1864, un ano despois de publicar o Cantares Gallegos cuxo centenario supuxo o inicio da celebración do Día das Letras Galegas. Hai 160 anos Rosalía, acompañada de Manuel Murguía, achegouse en agosto ata Pontedeume "procurando os ares do mar para curar unha afección pulmonar da escritora".

Os actos comezarán no Xardín de Lombardero, onde o académico Xosé Luís Axeitos prantará unha figueira filla da que medra na Casa de Rosalía en Padrón

Murguía deu noticia desta estadía nun artigo publicado en Los Lunes del Imparcial en 1881. Pararon "nunha casa con patín onde se sentía a moenda dun muíño, o rechouchío dos pardais, o balbordo da aldea e a corrente do Breamo", tal como o conta Diego Rodríguez González no número 6 da revista Follas Novas, que propón a aldea de Vizús como lugar no que morou a parella.

Os actos comezarán no Xardín de Lombardero, onde o académico Xosé Luís Axeitos prantará unha figueira filla da que medra na Casa de Rosalía en Padrón. Na segunda parada, no Torreón dos Andrade, Silvia Penas lembrará a Uxío Novoneyra no mesmo lugar no que o poeta ofreceu en 1960 un histórico recital, organizado polo Concello.

Carme Blanco no xardín de Lombardero nunha edición anterior do Cortexo Cívico ©

No Cortexo participarán Xosé Luís Axeitos, Covadonga Carrasco e Xoán Creus, Silvia Penas, Teresa Moure, Casilda Alfaro, Xavier Alcalá, Manuel Vilar, Miguel Anxo Fernán Vello, Dores Tembrás e Xulio López Valcárcel

A seguir, os arquitectos Covadonga Carrasco e Xoán Creus homenaxearán o tamén arquitecto Antonio Tenreiro diante do Mercado Municipal, unha das súas creacións, que data de 1942. Na Rúa de Santiago Teresa Moure falará de Xohana Torres, que en 1954 foi nomeada encargada da Oficina de Telégrafos de Pontedeume, tres anos antes de publicar o seu primeiro poemario, Do sulco. Tamén nesa rúa, a actriz e directora teatral Casilda Alfaro falará de Galo Salinas, clave no pulo que deu ao teatro galego no Rexurdimento, un tempo no que tiña unha escola en Pontedeume.

Serán homenaxeados Uxío Novoneyra, Antonio Tenreiro, Xohana Torres, Galo Salinas, Manuel Molares, Couceiro Freixomil, Ramón Regueira, Ramiro Fonte ou Luís Pimentel

Na Rúa da Inmaculada Xavier Alcalá homenaxeará a Manuel Molares, "inconformista republicano e luterano". E na Rúa Santo Agostiño será a quenda de Manuel Vilar, que falará do erudito e académico Couceiro Freixomil, que naceu neste lugar. Xa na Praza do Convento, ante a casa familiar de Ramón Regueira, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello afondará na figura deste funcionario municipal que a partir da súa amizade con Manuel María, Roberto de Andrade e Novoneyra, en 1959 compuxo un poemario en galego, aínda inédito.

Para rematar, Dores Tembrás falará na Praza da Angustia sobre Ramiro Fonte, que pasou a súa infancia nesta casa. E, finalmente, no mesmo lugar Xulio López Varcárcel homenaxeará a Luís Pimentel, que pasaba os veráns en Pontedeume

Lois Diéguez fala desde a antiga vivenda de Ramón Regueira ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.