Pontevedra e Lugo abren ao grande un Ano Castelao inzado de actos

Parte do cartel da Academia Galega de Belas Artes © RAGBA

1 de abril e arranca de vez o Ano Castelao. Neste Día das Artes Galegas, instaurado desde 2015 pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), a institución conmemora o escritor, debuxante, político e artista rianxeiro coa inauguración no Museo de Pontevedra dunha exposición dedicada á súa obra pictórica. Será a primeira cita grande para este 2016, no que a Deputación pontevedresa e a de Lugo lideran unha programación que levará a súa figura a unha morea de concellos galegos. 

Unha exposición sobre a primeira obra pictórica de Castelao abre os grandes actos do Ano Castelao en Pontevedra

Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920). Ese é o título da exposición que abre este venres no Museo de Pontevedra, coa presenza das autoridades a partir das 19 horas, e na que se poderán ver 96 obras ata o vindeiro 5 de xuño. A mostra fai un percorrido polos inicios da traxectoria pictórica do autor de Rianxo desde a súa primeira obra ata a publicación do Álbum Nós. Ademais, inclúense unha serie de materiais documentais para apoiar as obras achegadas logo dunha intensa labor de recuperación e restauración por parte do Museo.

Xa o sábado, os actos trasládanse a Rianxo, localidade natal do autor, que acolle ás 12.30 horas un acto público e unha conferencia do debuxante Miguelanxo Prado sobre Castelao Artista no Auditorio Municipal da vila. 

Un total de 62 concellos da provincia pontevedresa acollerán exposicións, obradoiros ou concertos dedicados ao autor rianxeiro

Será esta da cidade do Lérez a gran primeira mostra pero non a primeira deste Ano Castelao que xa botou a andar a multitude de actos programados pola Deputación de Pontevedra. Desde este pasado xoves, Porriño acolle a exposición De Castelao ao mañá: Unha ollada ao cómic galego, onde se afonda no interese do artista pola banda deseñada e onde se amosan os traballos do rianxeiro neste ámbito, percorrendo a evolución da devandita banda deseñada en Galicia ata hoxe. 

Serán 62 os concellos da provincia de Pontevedra que acollan actos co gallo do Ano Castelao. Así, a mostra Escenarios da Prehistoria para visitar revisará mámoas, castros e petróglifos a través de fotografías de Federico de la Peña, recollendo o interese do autor rianxeiro pola Arqueoloxía. No programa inclúese tamén unha exposición sobre o traballo de Luís Davila que aborda o humor gráfico e outra sobre bandas de música. Tamén haberá contacontos, cantares de cego, concertos de Alba María, Emilio Rúa, Tino Baz e Manoele de Felisa, obradoiros para os máis novos e ata unha app educativa. 

 

Castelao achegarase ás comarcas de Lugo

Ao tempo, e tamén este 1 de abril, comeza a programación do Ano Castelao organizado pola Deputación de Lugo. Os actos arrancan este venres coa representación de Que comerá o Rei?, unha sesión de historias e contos inspirados nos textos e debuxos de Castelao, a cargo de Cándido Pazó, ás 20 horas na Sala de Exposicións da institución provincial. Será o primeiro dun conxunto de actividades nas que se incluirán obradoiros, teatro, audiovisual e tamén conferencias ata finais de ano.

As obras 'Que comerá o rei?', 'Retrincos' e 'Os vellos non deben de namorarse' percorrerán varios concellos ata final de ano

Que comerá o rei? viaxará ata Monforte de Lemos o vindeiro 3 de abril, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro; o 10 de abril a Becerreá; o 24 de abril a Muras; o 30 de abril a Monterroso; o 4 de xuño a Fonsagrada; o 8 de maio a Chantada; o 14 de maio a Viveiro; o 15 de maio a Guitiriz; o 29 de maio a Pol; ou o 10 de xuño a Burela, entre outros como Mondoñedo ou Friol.

Na programación tamén se inclúe Retrincos de Castelao, do actor lucense Fran Rei e da actriz Isabel Risco, onde fan un achegamento ao humor na obra do importal autor de Rianxo. O espectáculo viaxará desde setembro por varios concellos, desde A Pobra do Brollón ata Ribas de Sil. Xa en novembro, a peza Os vellos non deben de namorarse, de Fantoches Baj, representa con monicreques a emblemática obra de Castelao no 75 aniversario da súa estrea en Bos Aires.

Por outra banda, tamén haberá obradoiros de gravado baseados na obra do artista rianxeiro, A lanterna máxica de Castelao -un proxecto cultural promovido pola asociación Juan Casaveteiro- ou o ciclo de relatorios Castelao, unha visión multidisciplinar que abordará desde o 27 de abril as diferentes faceas do autor e que contará con figuras como Uxío-Breogán Diéguez, Siro López ou Pilar García Negro. Tamén se abordará A obra de Castelao no Museo de Lugo. Unha visión didáctica da man de Xoán Ramiro Cuba, e, xa por último, Castelao e as cruces de pedra da man de Fernando Arribas.

O Museo de Lugo completará a obra xa exposta sobre Castelao cunha mostra de materiais bibliográficos e artísticas dos seus propios fondos, mentres que os centros de ensino da provincia tamén serán receptores dunha proposta dun total de 50 obradoiros que, baixo o nome de ContarNós, será dixidos ao alumnado de infantil, primaria e secundaria, para achegar tamén a figura de Castelao ás e aos máis novos.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.