Premio do público á Casa de Rosalía no Culturgal, unha feira para "facer negocio e país"

A Casa de Rosalía, en Padrón Dominio Público Casa de Rosalía

A recentemente anovada Casa de Rosalía é este ano a entidade galardoada co premio do público do Culturgal, a feira das industrias culturais que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro e que nesta ocasión tiña tamén como candidatas a este galardón á rede cultural da Deputación da Coruña e mais ao Chanfaina'Lab. A nova desta distinción honorífica cadrou coa presentación oficial da feira, que nesta undécima edición trae consigo unhas 120 actividades ao redor das novidades do sector cultural do país nas súas múltiplas manifestacións.

"Un dos puntos clave do Culturgal son as sinerxias entre o sector de base, a Administración, os profesionais, as empresas e o público"

Un ano máis un dos eixo do Culturgal será a procura da conexión entre empresas e entidades culturais co público en xeral, que edición tras edición vén ateigando o recinto pontevedrés. "Un dos puntos clave do Culturgal son as sinerxias entre o sector de base, a Administración, os profesionais, as empresas e o público", resume no nome da Deputación de Pontevedra o seu responsable de Cultura, Xosé Leal, quen conclúe que na feira das industrias culturais "non só se fai negocio, tamén se fai país".

Coa vontade de ser "máis fresca e innovadora", o director da feira, Xosé Aldea, subliña que o programa do Culturgal inclúe dende "concertos especiais como o de Carlos Núñez", o sábado á noite, ata preestreas de espectáculos teatrais ou a confluencia en tres días "dos grandes nomes da escrita en Galicia", como Manuel Rivas, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Eli Ríos, María Reimóndez ou Iolanda Zúñiga, entre outros. No mundo do libro o Culturgal é tamén o punto de lanzamento das obras gañadoras dos principais certames literaios como os Xerais, o Repsol, o García Barros, o Torrente Ballester ou o Raíña Lupa.

Presentación do programa do Culturgal 2018 no Pazo da Cultura de Pontevedra / SXPL

A Fundación Praza Pública estará presente cun posto propio durante toda a feira, onde presentará as inminentes novidades de Praza.gal e novos proxectos asociados ao xornal a piques de comezar

Alén da ampla programación -xa dispoñible integramente na web da feira- Aldea destaca tamén algunhas das novidades das actividades paralelas do evento ou as facilidades para achegarse a el, como a venda anticipada de entradas a través de internet, a existencia de liñas de autobús dende Ourense, Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago ou "un cambio no concepto gastronómico da feira, imitando o modelo posto en marcha nos festivais de música, con máis restaurante e postos que ofrecen unha ampla variedade de opcións durante todo o horario do Culturgal.

A Fundación Praza Pública estará presente durante toda a feira cun posto propio no que presentará as inminentes novidades de Praza.gal, así como os proxectos asociados ao xornal a piques de comezar. Praza avanzará algunhas destas novidades no Espazo Foro do Culturgal o domingo, día 2 de decembro, ás 13:00.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.