Que nomes lle poñemos á crise?

Cartel sobre a crise, na pasada folga xeral CC-BY-NC-SA BNG

"Hipoteca lixo", "banco malo", "brotes verdes", "Troica", "desaceleración", "crecemento negativo". Nos últimos anos, dende o comezo da crise económica, numerosos termos comezaron a facerse habituais nos medios de conunicación e mesmo nas nosas conversas. Algúns designan conceptos novos, ou que até hai pouco non saían dos círculos financeiros, outros son eufemismos e trampas para agochar certas realidades. En calquera caso impóñense na fala cotiá moi rapidamente e tamén mudan con gran velocidade.

Investigadoras brasileiras e galegas, da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, participan nun proxecto de investigación conxunto que busca analizar que termos se empregan en Brasil e España para designar a crise e os seus efectos

Investigadoras brasileiras e galegas, da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, participan nun proxecto de investigación conxunto que busca analizar que termos se empregan en Brasil e España para designar a crise e os seus efectos. O estudo, que ao longo de 2014 permitirá manexar un dicionario da crise, complétase co traballo previo realizado polo grupo galego, dirixido pola profesora Iolanda Galanes, que hai tempo que vén analizando a linguaxe empregada dende 2009 polos medios de comunicación españois, portugueses, franceses e italianos.

"A idea de levar a cabo este estudo nace cando no comezo da crise comezan a aparecer termos antitéticos, como desaceleración ou crecemento negativo; decatámonos de que nese momento se está intentando ocultar o termo de “crise” detrás destes e outros eufemismos. Comezamos a analizar o que sucedía noutros países, para ver se iso tamén era así", comenta. "A terminoloxía non é neutra. Do mesmo xeito que un fillo fóra do matrimonio pode ser un fillo ou un bastardo, non é o mesmo usar un outro termo para falar de economía. A lingua sempre ten unha intención, e detrás desas intencións hai unha ideoloxía", subliña.

"A terminoloxía non é neutra. A lingua sempre ten unha intención, e detrás desas intencións hai unha ideoloxía"

Vémolo cando no canto de falar de "amnistía fiscal", se emprega "recargo dentro da regulación de activos ocultos"; ou cando se evita dicir "suba de impostos" e se opta por "recargo temporal de solidariedade das rendas do traballo e do capital"; ou cando se omiten as "débedas" dunha empresa e se fala do seu "apalancamento".

Ademais, cambia moi rapidamente. "Hai tres anos ninguén falaba da troica, e hoxe é empregado moi habitualmente. O mesmo que o escrache, que si era común en Arxentina, pero non en España. A lingua é unha actividade humana, e polo tanto é dinámica. E moito máis cando se relaciona coa economía, que tamén varía con moita velocidade", sinala. Tamén pode suceder que un mesmo termo mude completamente o seu sentido: "Preferente era un termo positivo, agora é algo negativo. Cambia a semántica", engade.

"A lingua é unha actividade humana, e polo tanto é dinámica. E moito máis cando se relaciona coa economía, que tamén varía con moita velocidade"

Hai diferenzas entre países, tamén. "En Italia adoptan directamente os termos anglosaxóns, mentres que en Francia evitar as palabras do inglés e desenvolven unha gran cantidade de palabras propias, e por exemplo teñen 20 termos distintos para os créditos subprime". Hai grandes diferenzas mesmo dentro da mesma lingua, entre distintos países en función do contexto, pois non é o mesmo como se ve a crise en Portugal, un país intervido, e en Brasil, que é un país emerxente, en crecemento. En Europa falamos da crise coma un "tsunami", e en cambio o concepto máis habitual en Brasil é o de "marola", unha onda suave.

En Europa falamos da crise coma un "tsunami", e en cambio o concepto máis habitual en Brasil é o de "marola", unha onda suave

Moitas veces utilízanse imaxes, pero non necesariamente as mesmas en cada país. Por exemplo, en España fálase moito das "hipoteca basura", o mesmo que en Portugal das "hipoteca lixo" en Portugal, pero de maneira máis coloquial; en cambio en Francia esta imaxe de "suciedade", que resulta moi "forte" non se aplica aos créditos, e si en certa maneira aos bancos ("banque poubelle", equivalente ao "banco malo"), pero máis relacionado co continente (papeleira) que co contido. Outras veces, certa terminoloxía que si é frecuente nuns países, coma os "préstamos ninja" dos que se fala moito nos Estados Unidos, non triunfan noutros, como España. A razón é que este termo (NINJA, "No Income, No Job, (and) no Assets") culpabiliza da situación á persoa que solicitou o crédito, unha interpretación que en España non é adminitida.

Ao longo de 2014 iremos coñecendo as primeiras conclusións deste estudo, unha foto fixa dos nomes da crise. "Daquela faremos as nosas interpretacións sobre por que se usan uns termos ou outros", sinala Galanes. E veremos como lle chamamos a esta cousa que nos envolve. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.