Gardo baixo a lingua
este pensamento encapsulado
trágoo e acéndoo
cada noite mentres durmo
a cada noite mentres non durmo e abro a fiestra:
o seu alento álzase na brétema
dirixo co poder das miñas mans sobre as rédeas
as súas fauces máis aló das nubes
Oriana Méndez
O diálogo permanente coa obra de Rosalía de Castro permite que as e os poetas de hoxe sigan descubrindo o patrimonio cultural que nos legou a nosa poeta máis universal. A Fundación Rosalía promove e propicia ese diálogo de múltiples maneiras e unha delas é o certame Rosalía en Camiño, un encontro multilingüe entre escritores de diferentes territorios da Península que coordina Chus Pato, galardoada co Premio Nacional de Poesía por Sonora en 2024.
A sexta edición destas xornadas poéticas multilingües comezan este mércores 7 de maio en Padrón, na Casa de Rosalía, e rematarán o venres 9 no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Os protagonista esta volta son Castillo Suarez (Navarra), Maria Sevilla (Catalunya) e Juan Andrés García Román (Andalucía); alén dos galegos Gonzalo Hermo, Oriana Méndez e o cineasta Oliver Laxe, o primeiro non-poeta stricto sensu que participa neste evento, que para a semana compite no Festival de Cannes co seu filme Sirat.
Celebrarase na Casa de Rosalía (Padrón) e no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) e incluirá, alén de recitais dos autores convidados, conversas con eles guiadas pola xornalista Nieves Neira. O ciclo rematará cun espectáculo de música e danza protagonizado por aTorna (Gutier Álvarez, Adrià Grandia e Gabi Reboredo), un proxecto experimental que revisita a música de tradición oral e o baile tradicional galego a través da música electrónica.
Castillo Suarez, Maria Sevilla, Juan Andrés García Román, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez e Oliver Laxe son os protagonistas desta edición
Como cada ano, a Fundación Rosalía publica un libro con poemas de cada autor convidado, incluíndo un texto en diálogo con Rosalía de Castro. As e os poetas escollen uns versos ou un fragmento da obra da nosa poeta universal co que dialogan –precisamente– desde a súa lingua nai. María Ramos Salgado e Jesús Castro Yañez son os encargados de traducir estes poemas escritos en éuscaro e catalán ao galego.
Gonzalo Hermo inclúe nesta publicación poemas inéditos que pertencen ao seu próximo poemario, Un xesto de tenrura, co que gañou o XXII Premio Miguel González Garcés. Pola súa banda, Oliver Laxe escribe unha sorte de carta a Rosalía e selecciona poemas doutros autores e fotografías familiares que vincula coa obra da poeta compostelá. Oriana Méndez, autora dos versos que introducen este artigo, tamén inclúe unha serie de poemas inéditos e outros do seu último poemario, chairas sucesións (Chan da Pólvora, 2023).
As persoas que asistan ás xornadas, de acceso libre, poderán levar o libro de balde, que tamén pode consultarse no sitio web da Fundación Rosalía.
Programa completo
Mércores 7 de maio – Padrón, Casa de Rosalía
19.00h. “Unha pradeira na que se reflicte o Edén”: Oriana Méndez e Juan Andrés García Román conversan e recitan. Modera: Nieves Neira.
20.00h. Recital de Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Oliver Laxe, Castillo Suarez, Maria Sevilla e Juan Andrés García Román.
Xoves 8 de maio – Santiago de Compostela, Claustro do Museo do Pobo
18.30h. “Bilabial, rótica, ditongo para a fin dos días”: Oliver Laxe e Maria Sevilla conversan e recitan. Modera: Nieves Neira.
19.30h. “O pracer non se encontra nunca na casa: Elkar/Alaska”: Gonzalo Hermo e Castillo Suarez conversan e recitan. Modera: Nieves Neira.
Venres 9 de maio – Santiago de Compostela, Auditorio do Museo do Pobo
18.30h. Recital de Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Castillo Suarez, Maria Sevilla e Juan García Andrés Román.
19.30h. Actuación de aTorna (Gutier Álvarez + Adrià Grandia + Gabi Reboredo).