Rosalía fai 70 anos na Praça da Galiza do Porto

Chus Pato recita ante a escultura de Rosalía de Castro no Porto en presenza do alcalde da cidade e do presidente da Fundación Rosalía, este 14 de outubro © Fundación Rosalía

Un acto poético e musical celebra as sete décadas da escultura portuense da poeta galega

No verán de 1954 o Porto incorporaba aos símbolos da cidade unha estatua en homenaxe a Rosalía de Castro. O daquela alcalde portuense, Machado Vaz, presidiu o acto de inauguración desta estatua, realizada polo escultor modernista Salvador Barata Feyo, e deitou unhas flores na base do monumento, na compaña da filla da escritora, Gala Murguía de Castro, e outras autoridades galegas.

Setenta anos despois a Câmara Municipal do Porto acolleu un novo acto de irmandamento galego-portugués a través da figura de Rosalía de Castro. Este luns, 14 de outubro, as flores volveron ao pé da estatua e houbo unha lectura de poemas a cargo das escritoras Chus Pato, recentemente recoñecida co Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura, e Sofia Bodas de Carvalho.

Machado Vaz, alcalde do Porto en 1954, coloca flores no monumento a Rosalía durante a súa inauguración en 1954 en presenza da filla da poeta, Gala Murguía de Castro © Arquivo Municipal do Porto

A cidade do Porto celebrou con varios actos os 70 anos da inauguración da estatua de Rosalía de Castro na Praça da Galiza. Trátase dunha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro e que estivo organizada pola Câmara Municipal en colaboración coa Xunta, o Parlamento galego e a propia Fundación.

Unha filla da Figueira de Rosalía quedou platada nos xardíns do Palácio de Cristal nun evento ao que asistiron os presidentes da Xunta, do Parlamento e da Fundación Rosalía xunto ao alcalde do Porto

Tras o recital de poesía na propia Praça da Galiza (que pronto se converterá tamén nunha parada da nova liña de metro da cidade, como amosan as obras á vista durante o acto), as autoridades plantaron unha filla da Figueira de Rosalía, declarada como Árbore Senlleira, nos Xardíns do Palácio de Cristal. 

A xornada clausurouse cun acto na Capela de Carlos Alberto, nos xardíns do Palácio de Cristal, no que interviron o alcalde do Porto, Rui Moreira; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices; e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. E finalizou cunha actuación de Amancio Prada e a súa interpretación dos versos da poeta galega universal. 

Representantes institucionais no acto polo 70º aniversario da escultura de Rosalía no Porto, este 14 de outubro © Fundación Rosalía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.