"A ficción permíteme trasladar unha pregunta e poder explorala ata a fin sen ter que casarme coa realidade"

O escritor catalán Pol Guasch © María Ródenas

Pol Guasch (Tarragona, 1997) regresa a Santiago tras participar no festival de poesía Alguén que respira en 2020, un ano antes de gañar o premio Llibres Anagrama coa novela Napalm al cor, e faino á vez que a súa segunda obra de narrativa, Ofert a les mans, el paradís crema, chega ás librarías na súa edición en castelán. O autor participa esta semana nas xornadas poéticas multilingües Rosalía en Camiño, organizadas pola Fundación Rosalía coa coordinación da poeta Chus Pato, entre Padrón e Compostela.

“Non teño a sensación de que fixera un cambio, de que pasara da poesía á narrativa, internamente non o vivo así para nada. Quero pensar que os poemas que non estou a escribir ultimamente están dentro das miñas novelas dalgunha forma. O achegamento que eu fago a un texto é igual coa poesía que coas novelas. Só teño a sensación de que pasou o tempo e son máis maior, á parte diso, poucas cousas mudaron”, di Guasch sobre os catro anos que separan as súas visitas á capital galega.

Os poeta participantes no festival 'Rosalía en Camiño' na Casa da Matanza, en Padrón, este xoves CC-BY-SA Casa de Rosalía

Pol Guasch conta que ao adentrarse na narrativa descubriu que o texto lle esixe cousas distintas, comezando por unha temporalidade diferente. “Ao escribir poesía os poemas van aparecendo lentamente –debulla–, ao longo do tempo; o proxecto dun libro nace en retrospectiva, cando xa fixeches todo un camiño poético moi dubidoso e moi intuitivo hai un momento no que se pecha un círculo case de maneira orgánica. En cambio, a min a narrativa comprométeme desde un inicio a un proceso que esixe moitísima presenza. Esixe case estar vivindo unha realidade paralela á vida cotiá, e creo que é xustamente isto o que me fascinou cando escribín a miña primeira novela, á que cheguei accidentalmente, pero coa que descubrín que me gustaba demasiado ter outra vida paralela á miña”.

"A barreira lingüística é moitas veces ideolóxica e mental, e ten máis de prexuízo que de realidade: non hai mellor forma de entenderse que querer entenderse"

Guasch coñeceu a Chus Pato na sexta edición do Marpoética de Marbella, onde ambos dialogaron arredor dos conceptos de poesía e periferia, unha conversa que os uniu como artistas, pois Pato xa figuraba entre as lecturas recorrentes do catalán moito antes de coñecela en persoa. Este venres, no claustro do Museo do Pobo Galego en Santiago, Chus Pato modera Un mestrado en tesoiras e navallas: dime un nome, un son, un final, unha conversa-recital entre Pol Guasch e Andrea Nunes Brións que comezará ás sete da tarde. A continuación, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, modera o diálogo O arquivo da saudade e a gadaña da morte entre Bernardo Atxaga e Brenda Mondelo

O festival Rosalía en Camiño continúa o sábado 8 de xuño no auditorio do Museo do Pobo a partir das doce mañá cun recital no que participan Bernardo Atxaga, Andrea C. Faria, Pol Guasch, Brenda Mondelo, Andrea Nunes Brións e Miguel Rodríguez Monteavaro, seguido dun espectáculo deste último titulado A lluz Orión e a nova lluz.

Desde que comezou escribir poesía, Guasch asegura que tivo “o foco poético-lector” moi situado cara á Galicia. “Creo que hai aí unha sinerxía entre comunidades a nivel cultural, lingüístico e histórico: hai tantos paralelismos que se xera unha irmandade moi orgánica”, explica, para engadir que algo semellante lle ocorreu recentemente na súa viaxe a Eslovenia para presentar a tradución da súa primeira novela ao esloveno. “É fermoso cando pasa isto, tamén porque se xuntan dúas comunidades que teñen as súas diferenzas pero que, á vez, teñen a convicción e o desexo de querer lerse. Demóstrase que a barreira lingüística é moitas veces ideolóxica e mental, e ten máis de prexuízo que de realidade: non hai mellor forma de entenderse que querer entenderse”, asevera.

Vén de publicar a súa segunda novela, 'En las manos, el paraíso quema' (Anagrama, 2024) © María Ródenas

No volverá, te lo juro é o verso de Rosalía de Castro que escolleu Pol Guasch para escribir un poema propio, como é tradición entre os artistas que participan no Rosalía en Camiño. É un verso dun poema de En las orillas del Sar que para o catalán condensa “a poética sobre a despedida, o amor e o desexo”. “Resultoume moi inspirador e a partir de aí escribín o poema que aparece no libro do festival deste ano”, apunta. Na mesma publicación hai outros poemas de Guasch, traducidos ao galego polo tamén poeta Jesús Castro Yáñez.

"Interésame presentar a amizade como unha alternativa real para pensar noutras maneiras de estar no mundo"

Foron precisamente Jesús Castro Yáñez e Chus Pato quen acompañaron a Pol Guasch na presentación da novela En las manos, el paraíso quema (Anagrama, 2024) este mércores na libraría Numax de Santiago. Unha historia que sitúa a amizade como vínculo central entre dúas persoas persoas máis alá dos ditames do capitalismo, que van moito máis alá do económico, e como unha maneira de ‘saltarse’ o sistema.

“A nosa contorna di que quen nos vai soster ante as inclemencias da vida, xa aceptando que a vida ten algo de dor, vai ser a institución familiar ou a institución da parella, é dicir, ou a familia ou o amor romántico. O que pasa é que esiximos tanto á familia e á parella, diriximos aí todas as nosas esperanzas e posibilidades de salvación, que estas institucións necesariamente fracasan. Non porque sexan en si malas ou violentas senón polo que nós proxectamos nelas. En cambio, a amizade non se presenta nunca como alternativa, máis ben como complemento a eses sustentos reais, auténticos. Interésame presentar a amizade como unha alternativa real para pensar noutras maneiras de estar no mundo”, describe Guasch. 

Cartaz do festival Rosalía en Camiño 2024 CC-BY-SA Fundación Rosalía

O autor catalán sérvese da ficción pola súa dimensión “especulativa e oracular”. “Creo nas posibilidades de algo que funciona a través duns mecanismos que non só queren observar todo o tempo a realidade cun espello e copiala, representala e trasladala a un escrito. Interésame a ficción porque é unha forma de especular sobre formas que se intúen pero non están, que aparecen con sombras e matices pero que a través da ficción poden fixarse para profundar nelas. A ficción permíteme trasladar unha pregunta e poder explorala ata a fin sen ter que casarme coa realidade. Permíteme afastarme do imperativo de ter unha opinión sobre todo e unha opinión definitiva sobre todos os problemas da vida. Este espectro é xenial para facerse cargo de preguntas que non son fáciles”, defende.

Pol Guasch leva todo o ano acompañando a novela en catalán, na lingua na que a escribiu, e agora fai o propio coa tradución ao castelán. Ten claro que escribir non é só un momento de soidade nun escritorio e que os momentos para compartir as obras coas lectoras e lectores tamén lle aportan, ensanchan o seu mundo, e condicionan o que ten aínda por escribir.

"Teño a sensación de que o que non conseguiu o ataque directo e violento á cultura e á lingua durante a ditadura o está conseguindo un sistema de globalización moito máis sutil, aparentemente apolítico e máis silencioso"

Por outra banda, a situación do catalán preocupa cada vez máis pola perda acelerada de falantes nos últimos anos. Circunstancia ben coñecida en Galicia que protagoniza o debate en Catalunya, que busca manter a hexemonía da súa lingua propia. “Teño a sensación de que o que non conseguiu o ataque directo e violento á cultura e á lingua durante a ditadura, pero non só, tamén os anos previos e os que viñeron despois, o está conseguindo un sistema de globalización moito máis sutil, aparentemente apolítico e máis silencioso. Toda a modificación dun imaxinario do que significan unha lingua e unha cultura transfórmase non desde a violencia explícita senón case desde a desactivación política, pois ao non haber un ataque directo non se reacciona co mesmo activismo de resistencia súper activo e militante de antes. Explícome, que todo o cool e o contemporáneo se exprese tan só en castelán e en inglés; que pouco a pouco calase a idea de que unha lingua menor é sinónimo de algo provincial, pechado, antigo, de algo que non é presente é o imperativo de que o que triunfa ten que facelo con linguas que teñan un gran alcance, desde a literatura á música”, argumenta Guasch. 

“Todas estas ideas foron introducíndose paulatinamente con mecanismos que son moi violentos, pero non no sentido no que estamos acostumados: con imposicións e prohibicións moi sutís, combinadas á vez con políticas poderíamos dicir centralistas, por non dicir –en moitos casos– fascistas contra a lingua, a escola e a inmersión lingüística. Isto segue pasando, pero a resistencia tamén segue aí. A min o que me preocupa bastante é o movemento que está a cambiar as ideas de base e contra o que quizá non fomos quen de reaccionar dunha forma política activa”, engade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.