Queres ver 'Encallados' en Vigo? Depende de ti

Cartaz de 'Encallados' © Encallados

Encallados, o filme dirixido por Alfonso Zarauza, trata dous temas fundamentais: a catástrofe do Prestige e a crise da industria cinematográfica, a través das dificultades que un director e dous guionistas atopan para realizar unha película sobre esta traxedia medioambiental. Resulta curioso, polo tanto, asistir á loita da película (a real) para ser distribuída e vista, un camiño inzado de obstáculos para moitas producións pequenas, como destacaba por exemplo esta mesma fin de semana Marcos Nine en entrevista con Praza

Dende a súa estrea o pasado ano no Festival de Cans, Encallados traballa sen descanso para poder ser vista. Aínda que o acceso ás salas comerciais é sempre difícil, os responsables da produción foron sumando proxeccións en toda Galicia (e tamén en Londres, Madrid e Barcelona), grazas ao boca-orella e buscando todas as vías alternativas posibles para chegar aos espectadores e espectadoras.

Screenly é unha desas novas ferramentas sociais que abren camiños para o audiovisual, poñendo en contacto obras e audiencia, e demostrando que hai ganas de ver outro cine en pantalla grande

Screenly é unha desas novas ferramentas sociais que abren camiños para o audiovisual, poñendo en contacto obras e audiencia, e demostrando que hai ganas de ver outro cine en pantalla grande. Trátase dunha plataforma de cinema baixo demanda, do que se coñece como crowdticketing. O funcionamento é sinxelo: unha persoa ou grupo de persoas escollen un filme dende o catálogo de Screenly (ou incorpora un novo filme a ese catálogo). Despois, crearán un evento para a súa proxección nunha das salas afiliadas ao proxecto (salas comerciais pero tamén centros culturais ou sociais de todo tipo). Ese evento difundirase polas redes sociais e por outros medios, e cando se chegue a un número mínimo de espectadores que garantan o éxito e a rendibilidade da proxección, esta levarase a cabo. Ademais, os responsables da proxección quedan co 5% da recadación. En ocasións, a proxección pode complementarse con outras actividades (presentacións, debates...). En realidade, a iniciativa funciona como un crowdfunding calquera, pero neste caso o apoio económico (o custe da entrada) paga directamente un servizo e permite a proxección e distribución do filme.

Necesítase confirmar un mínimo de 51 espectadores e espectadoras antes deste xoves 5 de novembro. Polo de agora fixérono 31 persoas

Grazas a ScreenlyEncallados xa se puido ver en Barcelona o pasado 22 de outubro. Foi no Aribau Club, unha sala situada na Gran Via de les Corts Catalanes con capacidade para 265 persoas. Necesitábase un quorum mínimo de 102 espectadores e espectadoras, que se superou con creces, sumando un total de 159. Agora, o equipo do filme quere proxectalo en Vigo, nos Multicines Norte, unha proxección especial, ademais, pois está programada para o 12 de novembro, véspera do aniversario do inicio da crise do Prestige.

Necesítase confirmar un mínimo de 51 espectadores e espectadoras antes deste xoves 5 de novembro. Polo de agora fixérono 31 persoas e son precisas outras 20. Ademais da proxección, haberá un coloquio co director da película, Alfonso Zarauza, e presentarase a novela gráfica Encallados, a cargo do seu autor, Marcos Vigo. Será ademais a primeira proxección baixo demanda dos Multicines Norte con Screenly. Haberá quorum?

Un momento do filme © Encallados
Cartaz de 'Encallados' © Encallados
Web de screenly © Screenly

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.