O fotógrafo Amador Lorenzo (Bueu, 1976) leva preto de vinte anos retratando a maneira de estar no mundo da veciñanza da zona do Macizo Central de Queixa-Manzaneda. Nestes anos aprendeu moito, non só de fotografía, acompañando ao veterinario da zona. Desta experimentación coa cámara para mostrar a vida nace o libro de fotografías Nacenza, que edita Fabulatorio.
“Nacenza é un libro onde habitan, sen xerarquía e sen apriorismos, a vida animal e a persoas, o abismo da natureza e a seguridade do refuxio, a resistencia da vida e a inexorabilidade da morte”, resumen os editores de Fabulatorio. Acompañando a esta publicación está o conto Curro da Mosenda, que contén fotografías do tempo que o autor pasou neste acontecemento que se produce no verán.
Liberado de calquera convención, empregando cámaras antigas ou películas caducadas e coa serra ourensá como terreo de probas Amador Lorenzo debulla o proxecto de Nacenza, que aínda continúa. Ademais, o fotógrafo reivindica a necesidade de dispoñer de bolsas públicas para levar a cabo traballos de fotografía, a única maneira –asegura– de que poidan dispoñer do tempo necesario para realizar estas obras.
Cando comezou este proxecto xa sabía que ía converter en libro estas fotografías?
Non, realmente non. Deixeime levar ata que me decatei que había un mundo aí que me interesaba e me apetecía moito seguir retratando. Empecei pola amizade que teño con Manolo –Manoel Araúxo– facendo fotos na zona do Macizo Central de Queixa-Manzaneda, acompañándoo no seu labor como veterinario, co afán de arquivar porque sempre pensas que son cousas que van desaparecer. Aínda que hoxe en día xa non penso o mesmo.
"Se todo o que les sobre o rural é negativo, vas con esa idea; pero para rachar con iso hai que mostralo doutra maneira. De aí tamén o título do libro, Nacenza, que é como un nacemento"
Agora lle parece que ese pensamento de que os costumes van desaparecer é moi de mentalidade urbana?
Si, porque ao principio sempre te enfrontas as cousas con ideas previas e conceptos preconcibidos, e sobre o terreo dáste conta de que hai vida, hai moita enerxía e moita xente loitando para que iso poida seguir. Ao final, vas mudando o teu propio pensamento e creo que iso tamén é o bonito. Eu tamén fago fotografías por iso, para aprender, máis que para ensinar o que vexo. Se todo o que les sobre o rural é negativo, vas con esa idea; pero para rachar con iso hai que mostralo doutra maneira. De aí tamén o título do libro, Nacenza, que é como un nacemento. Dinme conta de que iso está vivo e este traballo vai na liña de mostrar que iso existe, que está aí, a pesar de que ás veces as administracións públicas non axuden a que permaneza.
É doado empregar ese enfoque de falsa superioridade e o discurso da extinción da vida no rural, pero aquí non está.
Eu penso que debes enfrontarte ás cousas da maneira máis libre posible, si con lecturas previas, non ir baleiro; pero si sacándote esas ideas de que o rural está morto porque acompañando a Manolo vexo un rural moi vivo. Unha vida dura, como moitas outras. Eu alí vexo vida, amor, xente que loita polo seu e polo dos fillos, xente que quere que as novas xeracións continúen o seu traballo, persoas que coidan dos animais e da terra con todo o cariño do mundo.
"É un retrato visual de algo que existe e está aí, non está inventado, por iso digo que está vivo"
Realmente, Nacenza é unha reportaxe visual de todo iso.
É un retrato visual de algo que existe e está aí, non está inventado, por iso digo que está vivo.
Leva desde 2014 tirando fotos para este proxecto?
A verdade é que puxen esa data como inicio porque aí foi cando racionalicei o traballo, pero realmente comecei antes, arredor de 2008 empecei a acompañar a Manolo coa gana de reter o que estaba vendo.
Cando apareceu alí coa cámara acompañando ao veterinario, cal foi a reacción da xente?
Conseguín facer amigos, case todos os gandeiros da zona xa me coñecen. Ao principio levaba a cámara pero non sempre disparaba, máis axudaba. Se había un parto axudaba a tirar... facía un pouco de axudante de veterinario. Pouco a pouco foron coñecéndome e xa me foron tomando como parte do equipo, así que agora podo fotografar libremente. Penso que confían en min, ensineilles o traballo a moitos e gustoulles, pareceulles moi digno.
Como foi ensinarlles o traballo? Porque ver retratado o teu día a día é un exercicio complicado para calquera.
Si, para calquera persoa. Este Nadal fun cos libros e gustoulles a todos, sentíanse moi identificados. Incluso se vían unha vaca que ao mellor xa morreu, serviulles para lembrala. Eles teñen unha relación cos animais moi próxima, son parte da súa familia, coñecen a cada cabra, cada ovella, cada vaca...
Como decide as fotos que van en branco e negro e as que van a cor?
Aquí non hai elección, unhas veces levo película en cor e outras en branco e negro. Gústame que o azar xogue as súas bazas e chegar a perder o control do que estou fotografando. Por iso ás veces uso cámaras moi vellas en sitios moi escuros, para que dalgunha maneira eu non teña todo o control e se produza esa maxia na imaxe. É unha forma moi persoal de ver as cousas, e non tiro fotos igual cando levo película en branco e negro que cando vexo en cor.
Nas fotos que están no libro non se esforza en mostrar o ‘bonito’.
Ao final quen se dedica á imaxe sempre está un pouco atraído pola beleza, eu trato de fotografar o máis sincero posible e buscando esa beleza no que retrato. No traballo de Manolo e no traballo da xente no campo e cos animais noto esa beleza, e trato de amosala nas imaxes. Pero incluso, tamén, tiven as miñas contradicións neste tempo porque traballo con cámaras analóxicas e ás veces collía cámaras moi antigas nas que case non podía mirar polo visor, quería que a propia cámara me falase do que eu estaba vendo.
"O libro é como un diario de viaxe, non lineal porque son fotos de moitos anos distintos, pero acabou sendo como un gran quebracabezas que fun montando coas fotos sen ter nada pensado previamente"
Entón, tamén se deixou levar polo ritmo de vida de quen retrataba?
Si porque alí o pulso non o leva un reloxo, senón a propia natureza, os animais e o clima. Hai que adaptarse continuamente a todo o que sucede. Ti non mandas nada, calquera cousa que te rodea manda máis ca ti. É un concepto do tempo totalmente diferente, pero iso dáche outra perspectiva de vida. Ademais, no Macizo Central aínda hai unha maneira de vida máis de autoconsumo. Noutras zonas de Galicia, como os Ancares, si tiveron esta forma de vida, pero agora hai máis cooperativas e xa están traballando doutra maneira diferente. Aquí manteñen unha economía moi de autoconsumo, non sei como explicalo ben, pero todo o mundo ten dúas vacas, un porco, unhas galiñas... pero non ten cen vacas e cincuenta porcos. Son como pequenas cápsulas de tempo, ou polo menos eu o vivo así. Todo vai mudando pouco a pouco pero eles manteñen esa raíz, que é algo que me chama moito a atención porque vexo moita dignidade aí. Ao final, o libro é como un diario de viaxe, non lineal porque son fotos de moitos anos distintos, pero acabou sendo como un gran quebracabezas que fun montando coas fotos sen ter nada pensado previamente.
E como foi a escolla das fotos que van libro unha vez que decidiu que xa tiña material abondo?
Creo que parar nunca vou parar. Como di a frase de Alexandra Pacheco que vai na primeira páxina do libro: Nace ao pé do Cenza... e non morre aquí. É un traballo que nunca vai morrer, eu creo que vou morrer con el. Á parte da amizade que teño con Manolo, que sempre vou poder ir estar con el, é como algo que te engancha. O proceso de edición foi moi duro porque tiven que facer varias seleccións e logo entraron os de Fabulatorio a ver as imaxes tamén, foi moi bonito ensinarlles as fotos e ver como eles tamén as entendían. Creo que Fabulatorio tiña que ser a editorial que se encargase do libro porque de aquí podía saír moitos libros diferentes e transmitir o que eu quería precisaba de xente como Suso e Cibrán, que quedaron cativados pola enerxía das imaxes e dese rural vivo que lles lembraba ao que experimentaran de nenos.
"Sempre ando coas cámaras, gústame a película e revelo eu as fotos. É a miña forma de estar no mundo"
Nacenza está acompañado dun conto, Curro da Mosenda, como fixo esta distinción?
Fabulatorio entendía que está dentro do mesmo punto, pero ten un ritmo distinto. Esas fotos xa son máis a miña vivencia con Álvaro de Palleirós e os seus irmáns no curro nas estadías que fun alí no verán. As fotos poderían estar xuntas, pero xa non tería a narrativa de diario de viaxe andando detrás de Manolo polo Macizo Central, entón pareceume ben separalos.
Tamén vén de publicar OU24112 coa editora Alauda Negra, como é este traballo?
É un pequeno ensaio fotográfico. Son un fotógrafo que anda sempre coa cámara enriba, entón vou retratando os momentos cotiás da miña vida, e este traballo sae de aí. O título é unha data que une á cidade de Ourense e as fotografías pertencen á experimentación que fun facendo na beira do Miño ao seu paso pola cidade.
Sempre leva unha cámara, non fai fotos co móbil, non?
Non, non utilizo o móbil para facer fotos, pero si para tomar apuntes. Sempre ando coas cámaras, gústame a película e revelo eu as fotos. É a miña forma de estar no mundo. A miña relación coa fotografía é máis no día a día, no plano persoal, que no profesional, aínda que tamén vivo dela.