En febreiro de 2018, o actor e dramaturgo Carlos Santiago pronunciou o pregón do Entroido de Compostela. Fíxoo interpretando un dos seus personaxes máis populares, unha versión satírica do Apóstolo Santiago, personaxe coa que caricaturizou diversos aspectos da actualidade compostelá e galega en innumerables ocasións. Así o fixo tamén naquela ocasión aínda que, a diferenza de todas as anteriores, o espectáculo trouxo consigo unha intensa treboada política e mediática, ameazas contra o propio actor e tamén unha demanda do colectivo denominado Abogados Cristianos cuxo arquivo vén de ser ratificado pola Audiencia Provincial da Coruña.
A Audiencia da Coruña non ve acreditado o delito contra os sentimentos relixiosos polo que o colectivo ultracatólico acusaba o actor e dramaturgo e encadran a súa actuación na liberdade de expresión
Como xa fixera un xulgado compostelán a finais de 2019, a sección sexta da Audiencia coruñesa, con sede en Santiago, non ve rastro do suposto delito de ofensa contra os sentimentos relixiosos alegado pola devandita asociación ultracatólica, que xa daquela admitiran que se dispuñan a querelarse contra Carlos Santiago aínda que non viran o pregón polo que o denunciaban. Non en van, pedían gravacións da actuación, da que souberan por algúns medios, declaracións políticas e intervencións nas redes sociais que atribuían a Santiago supostos insultos á Virxe María.
No seu auto, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, os maxistrados non se limitan a desestimar o recurso contra o ditame de primeira instancia por non seren 'Abogados Cristianos' capaces de acreditaren o delito que denuncian. Tamén se deteñen a argumentar por que as pasaxes da actuación que algunhas das acusacións daqueles días identificaban como ofensas á relixión non son máis que parte dunha intervención en clave de humor.
"O dobre sentido é un recurso da linguaxe humorística, non dun discurso ofensivo", sinala o tribunal
Así, explican, "o pregoeiro" caracterizado como Apóstolo refírese á frase "dun terceiro, un coñecido, un personaxe popular, un tal Cholas" que "a pronunciou nunha disputa ou discusión con zaragozanos sobre a preeminencia da Virxe do Pilar e o Apóstolo Santiago". "Nesa situación -continúan- o tal Cholas tería dito 'vuestra pilarica se la chupa a mi Apóstol'. O sentido da expresión na linguaxe común non é necesaria ou principalmente indicar unha felación", senón "indicar que o Apóstolo Santiago ten maior importancia". "A interpretación da frase resta poder ofensivo ao dito. O dobre sentido é un recurso da linguaxe humorística, non dun discurso ofensivo", conclúen.
A Audiencia considera que "os límites da liberdade de expresión" non poden quedar "nas mans dos que se senten ofendidos" e desbota chamar a declarar a diversos cargos públicos e xornalistas
Nesta liña, a Audiencia tamén considera "relevante" que o pregón era un acto do Entroido. "Dende sempre, as comunidades utilizaron o carnaval como instancia de catarse programada" e "romper" por uns días co "ordenamento social". "Así se recolle", exemplifican, na web turística da Xunta, que define o Entroido como "a festa máis subversiva do ano". "O patrón de ofensividade para determinar a relevancia penal dunha conduta cambia na función do contexto" e as normas penais, agregan, non poden ser aplicadas de xeito "irracional", igual que "os límites da liberdade de expresión" non poden quedar "nas mans dos que se senten ofendidos". En calquera caso, conclúe, tampouco "se aprecia valor ofensivo" na actuación de Carlos Santiago.
Alén disto e dun punto de vista máis formal, a Audiencia desbota tamén outras peticións dos 'Abogados Cristianos' que, subliñan, nin sequera foron quen de achegar unha gravación do acto completo malia "anunciar" de xeito "reiterado" que o ían facer. Tampouco contemplou as súas peticións de chamar a declarar ao propio Carlos Santiago e, como testemuñas, "a quen era alcalde de Santiago na data dos feitos", Martiño Noriega, á concelleira de Turismo naquel momento, "ao director de El Correo Gallego e a unha xornalista". Eses testemuños, entende a Sala, só servirían para "incrementar a notoriedade da causa".
O dramaturgo celebra que o tribunal priorice a liberdade de expresión
Á luz do ditame, Carlos Santiago valora que o Tribunal considere "o pregón plenamente amparado polo dereito á liberdade de expresión, tanto polo contexto do Entroido como polo carácter humorístico e non ofensivo do seu ton e contido". A Sala, subliña, faino sinalando especificamente "a única frase que os demandantes foron capaces de aducir para xustificar a suposta ofensa contra os sentimentos relixiosos", a cal foi "extraída doutros monólogos realizados por min" co mesmo personaxe e sen daren probado "sequera que foi pronunciada no pregón". Isto, agrega, é "lóxico, tratándose dunha asociación con sede en Madrid" coa "misteriosa capacidade de se sentir ofendida por frases pronunciadas a seiscentos quilómetros".
Carlos Santiago valora que o ditame vexa "o pregón plenamente amparado polo dereito á liberdade de expresión" e ve "evidente" que a "única" intención daquela controversia fora "desgastar o anterior goberno municipal" da capital galega
Alén da derivada xudicial, o actor e dramaturgo ve preciso "lembrar que toda esta polémica foi iniciada por unha noticia publicada por certo xornal da capital de Galicia" que "me atribuíu frases que nunca pronunciei, entre elas a afirmación de que a Virxe era unha puta". "Foi ese suposto cualificativo o que provocou inicialmente o escándalo e incendiou as redes sociais, así como todo o ronsel de insultos, misas de desagravio e ameazas de morte", resalta. "O tal medio -subliña- citaba como única fonte as declaracións dun matrimonio anónimo".
Como daquela, Carlos Santiago ve "evidente" que a "única" intención daquela controversia era "desgastar o anterior goberno municipal" da capital galega e ao seu alcalde, Martiño Noriega (Compostela Aberta), a quen agradece o seu apoio, así como o resto daquel gabinete, ademais de a outros dirixentes políticos ou á Asociación de Actores e Actrices de Galicia e diversos compañeiros de profesión. "A liberdade de expresión é un dereito que só está garantido polo seu exercicio permanente, e nesa loita seguiremos", subliña Carlos Santiago.