O Entroido volve tornar en campo de batalla pola liberdade de expresión, agora en Santiago

Carlos Santiago, interpretando o pregón do Entroido compostelán xunto á figura do Meco © Concello de Santiago

Pero, que pasou no Entroido de Santiago? Con máis ou menos matices, algo moi semellante ao vivido en anos anteriores na Coruña, PontevedraMadrid, Ourense ou Canarias; ou este mesmo ano en Vigo. A festa subversiva por excelencia tornada en campo de batalla pola liberdade de expresión. O pasado día 10 o Pazo de Bendaña acolleu o tradicional pregón entroideiro ao carón do Meco, a figura tradicional do Entroido compostelán. Desta volta interpretouno o dramaturgo e actor Carlos Santiago encarnando un dos seus personaxes máis clásicos, unha sátira do apóstolo Santiago, versión contemporánea e retranqueira do fillo do trono coa que xa caricaturizara a actualidade política e social da cidade e do país en innumerables ocasións. Nos escenarios e tamén nalgunha praza da capital galega, caso por exemplo do verán de 2011.

O pregón de Carlos Santiago deu paso ao resto de celebracións previstas no Entroido da cidade sen maior alteración ata que, tres días despois, un diario impreso local divulgou o que describía como indignación de persoas asistentes ao acto, así como algunha "familia", por mor do que consideraran expresións "soeces" e "ofensivas" para a relixión católica. Os testemuños atribuídos a viandantes aseguraban que na representación se describiran condutas sexuais do Apóstolo e da Virxe, así como supostas ofensas a "empresas" santiaguesas e mesmo algunha "crítica" ao alcalde, pero "poucas" -agregaban-.

O actor e dramaturgo Carlos Santiago interpretou no acto un dos seus personaxes máis clásicos, unha sátira do apóstolo

Na xornada seguinte o PP de Zaragoza ofreceu unha rolda de prensa reclamando ao rexedor da capital aragonesa (Zaragoza en Común) que se dirixise ao seu homólogo compostelán para esixir desculpas polas supostas ofensas a "La Pilarica". Ao tempo, o Arcebispado de Santiago anunciou para este sábado unha sesión de oración en "desagravio" a ambas figuras relixiosas. Todas estas entidades se referían á información inicialmente publicada en Santiago e replicada por algunha outra publicación, se ben ningunha destas fontes reproducía exactamente o contido do pregón máis alá das expresións "ofensivas" que os devanditos viandantes dicían lembrar.

Días despois do acto, varias publicacións, o PP e a Igrexa atacaron o actor e o goberno local acusándoo de ofensas á relixión católica

Contra a final da semana, a controversia a respecto das indeterminadas ofensas xa chegara ao ámbito político. Noriega fora cuestionado pola prensa a respecto do acontecido e advertira de que o goberno local non estaba disposto a "ceder" ante quen reclama limitar a liberdade de expresión. Noriega abondou este venres en que non ten pensado "entrar" en se unha "intervención transgresora" propia do Entroido pode "ferir a sensibilidade" de alguén. "O que si digo -subliñou- é que non as fire de maneira natural", senón tras "unha campaña interesada" cuxo "lanzamento" é facilmente "demostrable". Semella, ironiza, a historia "viral" que nos anos 90 percorrera todo o Estado sobre unhas inexistentes escenas dun cantante nun programa de televisión: "todo o mundo sabía o que fixera Ricky Martin, pero ninguén o vira".

O Meco do Entroido compostelán © Concello de Santiago

Un chisco antes da intervención de Noriega o líder do PP local, Agustín Hernández, aproveitou unha comparecencia pública sobre o mediático acto no que guindou lixo ao río Sar como "denuncia" da súa "contaminación" para mergullarse tamén na polémica. O pregón foi, asegurou o ex-conselleiro, un "espectáculo soez, basto, de mal gusto" e "unha falta de respecto a moitísimas persoas". Non aclarou, así e todo, se o vira, xa fose en en directo ou nalgunha gravación.

Ameazas de morte e querelas

As protestas cidadás aludidas polos medios que as divulgaron non chegaron soas, así e todo. O alcalde compostelán tamén revelou, primeiro a través das redes sociais e despois en rolda de prensa, que o episodio derivou en ameazas, algunhas delas de morte, directas contra el e a súa familia. Tamén o actor que interpretou o pregón as recibiu. Tras tentar contactar co delegado do Goberno central en Galicia, Santiago Villanueva -máximo responsable institucional da Polícia e da Garda Civil-, Noriega explicou que está a "recompilar todo o material" recibido para poñelo en coñecemento das forzas de seguridade. Isto sucede apenas tres anos despois de que un militante de ultradereita tamén o ameazase e chegase  a perseguilo, accións polas que o acusado está pendente de xuízo, explicou.

Un colectivo de avogados ultracatólicos asegura que levará o actor aos tribunais, se ben admite que non viu o pregón

Case ao mesmo tempo á batalla sumouse un rexemento máis. Unha asociación ultracatólica denominada Abogados Cristianos, coñecida polas súas posturas antiabortistas ou contrarias á lei de memoria histórica, pero sobre todo por formular numerosas demandas xudiciais contra políticos ou artistas polos que se consideran ofendidos, asegurou estar a preparar unha querela contra Carlos Santiago que, insinuaron, tamén se podería estender a Noriega. Así e todo, admitiron, o primeiro que precisan é unha gravación do pregón ao que atribúen un ataque aos sentimentos relixiosos da comunidade católica. Tampouco o viron.

Xa este domingo, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy entrou na polémica e para facelo empregou a súa conta de Twitter, onde dixo: "Mi apoyo  a los vecinos de Santiago que quieren que las fiestas, como el pasado carnaval, sean momentos de respeto y convivencia, y esperan eso mismo de su ayuntamiento. Los pregones deberían servir para invitar a todos a la celebración, no para indignar a la mayoría. MR". O alcalde da cidade, Martiño Noriega, respondeu aludindo a un chío do líder do PP. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.