Roi Casal: "Galicia trata moito mellor os seus músicos que outros países"

Imaxe promocional do disco © Roi Casal

Roi Casal (Catoira, 1980) reborda entusiasmo ao falar. Curtido nunha das mellores canteiras musicais posibles, o grupo Milladoiro, atópase inmerso na promoción do seu terceiro disco en solitario, Donos do noso destino, que toma o nome prestado dun verso de William Ernest Henley, historicamente asociado á figura de Nelson Mandela. "Non importa que estreito sexa o camiño", di o poema, unha filosofía que Casal aplica a un traballo tradicional pero non folk e que non quere saber nada de laios. O disco e a banda, advirte, acadan a súa plenitude en directo e, moi especialmente, nas festas.

Un músico galego editando un novo disco en galego... Xa só por iso é noticia?
Non, será máis complicado agora que hai tempo, cando había máis axudas. Eu nunca as tiven, pero habíaas. Nunca me influíu iso para sacar un disco e non é ningún mérito. Hai máis artistas que o fan, isto está dentro da normalidade, nada máis alá da dificultade económica xeral. Tamén por un motivo tecnolóxico, a día de hoxe é moito máis doado sacar un disco con mellor ou peor calidade. Eu graveino nas condicións que sempre soñei: cun estudo profesional, unha banda, un técnico... Pero quen ten vontade, ilusión e un produto de calidade é quen de sacar un disco. Non creo que iso en si mesmo sexa un mérito reseñable. O máis reseñable é que o disco estea ben ou mal, teña calidade ou non.

Vas polo terceiro e a traxectoria é ascendente... E iso tamén se nota na madurez da propia música.
O proxecto está máis rodado. Temos máis madurez e todos os parámetros nos que se pode medir unha carreira musical son ascendentes. Ese é un dos aspectos que dan forzas para seguir sacando discos e para seguir traballando duro, para que a música que un fai teña viabilidade. Agora mesmo estamos no momento máis doce da nosa carreira en todos os aspectos, na consolidación do proxecto. Tivemos, como moitos outros, que traballar duro.

Como lle explicarías que vai atopar neste novo traballo a alguén que nunca escoitase a Roi Casal?

"Temos unha visión da música cunha perspectiva galega, sen que iso sexa condicionante nin límite ningún"

Vai atopar unha visión da música cunha perspectiva galega sen que iso sexa ningún condicionante para poñerse límites na ambición e na sonoridade. Poden escoitar un disco no que se ve reflectido o espírito da cultura e da idiosincrasia galega; hai textos dende Rosalía de Castro ata Díaz Castro, de letras tradicionais a achegas propias. E no plano musical hai temas con fragmentos tradicionais como en Rosa, ata o resto de temas que son compostos por min. É un compendio que é unha perspectiva da música, da literatura e do país pero non necesariamente folk. O folk ten un percorrido grandísimo, pero non é o que eu fago. 

É unha batalla aínda pendente desligar a música galega no seu conxunto da etiqueta da música folk?
En Galicia faise, obviamente, moita música. O que pasa é que ás veces, se colles algo tradicional xa é folk. Mesmo dende a música clásica se pode facer cousas relacionadas coa música tradicional e iso non é folk; Milladoiro teno feito, por exemplo. Eu téñoo claro, aínda que hai moita xente que ve: arpista e ex Milladoiro... Branco e en botella: folk [ri]. É unha etiqueta que non se corresponde co que estou facendo, non é mellor nin peor, pero non é o que estou facendo. Eu non renego en absoluto do folk, que o fixen moitos anos e me gusta moito. E dentro do folk hai moitos proxectos que fixeron moito polo país, por iso é un xénero máis consolidado. Nós tentamos plantar unha nova árbore.

Son malos tempos para as industrias culturais en Galicia ou xa os houbo peores?

"Houbo unha burbulla xeralizada en todos os ámbitos e na música, tamén; non estou esperando a que escampe para sacar a cabeza fóra"

Eu levo escoitando esa cantinela dende sempre. Ou levamos un século malo e hai que esperar a que chegue un bo ou é que é así. Hai alguén que coñecese algo mellor, que vivise un momento mellor? Eu o que lembro é unha burbulla xeralizada en todos os ámbitos e na música, tamén. Non estou esperando a que escampe para sacar a cabeza fóra. Non é que chova, é que o clima é éste, o que lle corresponde a Galicia como país, que nos dá moitas oportunidades como músicos. Galicia trata moito mellor os seus músicos e ten máis circuítos do que lle corresponde por tamaño. E iso hai que mantelo e melloralo. Entre os premios, circuítos, as asociacións culturais... Galicia ten unha actividade cultural e musical moi boa. Eu non sei que a que se refire moita xente cando di que está mal. A que se aspira, a que nos poñan unha paga por facer música galega? Eu síntome ben tratado polo público, polas administracións... non teño queixas, nunca vin dificultada a miña carreira. Síntome nun país no que podo desenvolver a miña carreira musical. É pequeno; se fose de Estados Unidos tocaría para un mercado de moitos millóns de persoas e se nacese en Kenia, se cadra non podería dedicarme a isto. Hai que ter un pouco de dimensión espacial, e iso non quere dicir que fagamos só múscia para Galicia, pero si dende Galicia. Galicia non trata peor os seus músicos que outros países do mundo.

Estamos instalados no laio?
En moitos ámbitos se di que nos vai mal, que que mágoa... Eu estou un pouco canso da mágoa. Por iso lle chamamos ao disco Donos do noso destino. Todos temos responsabilidade con nós mesmos e co país para que as cousas vaian mellor. O país non é o que un pensa unha noite na súa casa e, a continuación, pensar que todo o mundo está equivocado. Houbo moita xente antes ca nós e foi cambiando as cousas conforme á realidade do país. A moitos nos gustaría cambiar as cousas para que fosen doutro xeito: cambiémolas.

Pasamos dunha abundancia de axudas sen moito criterio a unha restrición coa mesma ausencia de criterio?

"Cando había cartos déronse sen ton nin son e agora non se dá nada"

Non temos que ser imbéciles e dicir que non pode haber ningunha axuda; non hai axudas para mercar un coche? Todos os sectores as teñen e a música non ten que renunciar a iso. Unha cousa é telas e outra que tipo de axudas son. Eu penso que algunhas foron prexudiciais, levadas pola inercia gobernase quen gobernase. Cando había cartos déronse sen ton nin son e agora non se dá nada. Cando houbo cartos chegouse a facer competencia desleal a proxectos consolidados. Subvencionábase independentemente de que houbese reclamo ou non e así esfarelouse o que era viable e o que non o era en moitos ámbitos, non só na música. Un non pode facer música baseándose en que outros asuman o risco e despois dicirlles aos nenos que teñen que pagar por comer no colexio. Fíxose de boa fe e hai que estar agradecidos ás caixas, ao Xacobeo, á Consellería de Cultura... Tratáronnos sempre moi ben, pero o problema foi que iso non se aproveitou para crear estrutura. Foi un erro de todos e agora tócanos xestionalo.

Falando de difusión, co novo disco tes unha primeira parada en Santiago e despois, a América...

"A xente poderá ver un espectáculo de continuidade pero con novos temas e máis madurez"

A primeira parada foi en Zürich e foi inesquecible. Xogabamos coa vantaxe de ter unha impresionante colonia galega, sentiámonos como na casa, tratáronnos de marabilla. Contamos moito co apoio dos galegos de fóra e temos que aproveitalo. Presentarémolo o día 2 en Compostela, que sempre é especial; a xente poderá ver un espectáculo de continuidade pero cos novos temas, con máis madurez. No escenario temos xa a nosa propia personalidade e coa estabilidade que dá facer 50 concertos en moi pouco tempo. Chegamos en plena forma, ao cento por cento. Despois iremos aos principais teatros das capitais que visitamos: Montevideo, Buenos Aires, La Habana no festival Cuba Disco, no Teatro Nacional de Bellas Artes... E volveremos aquí para o verán. Estou moi contento, teño moito que agradecerlle a todas as persoas implicadas no proxecto. Eu exerzo de voceiro dun grupo de persoas que temos a fortuna de vivir disto, este é o espírito colectivo, aínda que leve o meu nome. Aquí hai moitas almas.

O músico Roi Casal © Roi Casal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.