Rui Veloso e Chico César protagonizan Cantos na Maré, que celebra o seu décimo aniversario

última edición de Cantos na Maré, con Aline Frazão, Uxía e Guadi Galego © www.alinefrazao.com

Cantos na Maré chega aos dez anos de historia. Unha década de concertos que permitiron que o público galego coñecese ducias de artistas e grupos que chegaron dos outros paises da lusofonia por riba do Océano Atlántico. Foi e segue sendo un espazo para a o coñecemento mutuo de Galicia, Brasil, Portugal, Angola, Mozambique ou Cabo Verde, e para a fusión e creación colectiva de artistas de todas as beiras. Hai dez anos celebraba a súa primeira edición na Praza da Praza da Ferrería e durante este tempo foi crecendo pero mantivo o seu obxectivos de ser "unha festa da lingua, unha fusión de ideas e de ritmo, unha mostra da nosa identidade", en palabras de Uxía

Esta décima edición celebrarase este sábado 12 ás nove da noite no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os protagonistas serán Rui Veloso (Portugal), Chico César (Brasil), Cheny Wa Gune (Mozambique) e Sés (Galicia) baixo a dirección artística de Uxía e a musical de Paulo Borges. As súas catro voces, xunto coa de Uxía, sonarán no escenario acompañadas por unha banda de músicos tamén internacional formada por: Paulo Borges (Azores, Portugal), director musical do certame e pianista; Berg (Portugal), guitarrista habitual de Rui Veloso; José Manuel Díaz (Cuba), contrabaixista; Joaquim Teles "Quiné" (Portugal), batería e percusión; e Sérgio Tannus (Brasil), guitarra, viola caipira e cavaquinho.

Coma sempre haberá duetos entre os artistas e moitas sorpresas, coma a intervención especial de Dani Black, que vén acompañando a Chico César e que con só 25 anos xa se converteu nunha das revelacións musicais do Brasil. A deste sábado será a primeira actuación de Rui Veloso en Galicia, malia estar tan preto de contar con máis de trinta anos de carreira. O prezo da entrada anticipada é de 25 euros e pode mercarse a través de Servinova (www.servinova.com e 902 504 500). No despacho de billetes poderanse adquirir a 30 € o mesmo día do concerto.

Para celebrar este décimo aniversario Chico César, Lenine, Xoán Curiel, Sérgio Godinho, Xabier Díaz, Manecas Costa, João Afonso, Sés, Cheny Wa Gune, Rui Veloso e Uxía gravaron vídeos con saúdos para Cantos na Maré

Rui Veloso Dominio Público Praza Pública
última edición de Cantos na Maré, con Aline Frazão, Uxía e Guadi Galego © www.alinefrazao.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.