Sábado máxico en Cans

Chimpín con algunhas das estrelas da edición 2015 de Canso © Alberto P. Barahona

O Festival de Cans celebra hoxe o seu día grande. Por esta pequena parroquia do Porriño pasarán milleiros de persoas ao longo do sábado, con actividades de todo tipo que comezaron xa pola mañá, con proxeccións, xogos e espectáculos pensados para os rapaces e rapazas. Filmes, concertos, homenaxes e entregas de premios irán alternándose ao longo da xornada. Este venres coñecemos xa os primeiros gañadores e gañadoras, nas categorías de videoclips, e tamén asistimos a momentos irrepetibles, coma o concerto que ofreceron Luar na Lubre na placa de Bugarín, que seguiu á estrea do documental Torre de Breoghán (Jorge Coira).

De igual xeito, cómpre destacar o encontro CREA, no que grandes nomes do audiovisual do Estado como Daniel Guzmán, Luís Tosar ou Javier Gutiérrez compartiron conversa, diversión e agroglamour con profesionais galegos, xente nova, veciños e público xeral. Tamén foi moi celebrada a presentación de Rey Gitano, de Juanma Bajo Ulloa, "un filme que naceu en Cans" e do que se amosaron as primeiras imaxes, coa presenza de Manuel Manquiña, protagonista da longametraxe e a actuación de Tony Lomba, autor da banda sonora.

Na programación deste sábado hai moito e bo. Se houbese que destacar un evento, pola súa orixinalidade, podería ser a presentación de Dos gaiteiros do Mar, de Xurxo Souto (Sala Multiusos) e a posterior actuación no Jaliñeiro Unplugged dos seus protagonistas, Manuel Sotelo Manoliño de Donón e Lito Pinténs, no que sen dúbida será un dos momentos máis emotivos desta edición. O Jaliñeiro Unplugged tamén acollerá a actuación de Davide Salvado, que proxectará o seu novo videoclip, Lobos, e ofrecerá un adianto do seu novo disco. O colectivo Poetarras tamén ofrecerá unha retrospectiva da súa webserie, que pechará cunha actuación no Jaliñeiro.

A música competirá co cinema polo protagonismo da xornada. Ademais das actuacións xa comentadas, en Cans escoitarase a Sés ou a Quempallou. E, sobre todo, a Def con Dos, que tomarán o Torreiro a partir das doce e media da noite. A actuación chega, ademais, nunha semana na que o líder da formación, César Strawberry, foi detido dentro da terceira fase da operación Araña da Garda Civil contra o "enaltecemento do terrorismo" e a "humillación ás vítimas" en Internet. Nin esta detención nin as críticas lanzadas este mesmo venres pola Unión Federal de Policía e la Unión de Guardias Civiles evitarán a actuación.

O propio director do Festival, Alfonso Pato, lembrou que a banda foi contratada hai máis de seis meses e que "a ninguén se lle pediu ata agora que diga que fai na súa vida privada ou se está investigado". "Os grupos e as persoas que veñen a Cans son de distintas ideoloxías e aquí a todo o mundo se lle trata con respecto e nunca houbo problemas en ningún concerto", sinalou. Ademais do concerto, César Strawberry presentará unha retrospectiva dos videoclips e o seu libro Margen de maniobra.

En canto ao audiovisual, ademais das distintas sesións de proxección das curtas inscritas na sección oficial, cómpre salientar a estrea de Funes, o inventor da lúa, documental de Enrique Otero. Ás 23.30 horas terá lugar no Torreiro de Cans a entrega de premios desta XII Edición do festival. 

 

Primeiros premios

O venres pola noite coñecéronse os primeiros gañadores desta XII Festival de Cans. O xurado dos videoclips decidiu premiar o do tema Magma y Trueno, de Guerrera, dirixido por Adrián González e Rafael Pérez, por conseguir un equilibrio perfecto entre a proposta estética e a música e por crear un ambiente cativador ao mesmo tempo que transmite a inquietante expesura da música a través dunha proposta moi arriscada pero efectiva. O público, pola súa banda, elixiu Floating, de Mequetrefe, dirixido por Xaime Miranda Méndez, en dura loita con Sonhos de raiva, de Liska!, dirixido por Paulo Bouzas Fernández. O público tamén elixiu a obra gañadora da edición 2015 da Can Parade, que foi a ideada por Roi Domínguez.

Encontro CREA, con Javier Gutiérrez, Gaspar Boullón, Daniel Guzmán e Jorge Coira © Alberto P. Barahona
Tony Lomba, na presentación de 'Rey Gitano' © Alberto P. Barahona
Presentación de 'Torre de Breoghan' © Alberto P. Barahona
Luar na Lubre. Concerto na placa © Alberto P. Barahona
Público no Festival de Cans © Alberto P. Barahona
Desfile de chimpíns © Alberto P. Barahona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.