"Se tivesen certa conciencia poética, non pasarían cousas coma a dos bancos e as preferentes"

María Lorenzo Miguens e Manuel Lorenzo Baleiron © Xerais

Gañar o premio Xerais con só 26 anos e sendo unha escritora ocasional é algo extraordinario. Que a obra gañadora estea escrita a catro mans con teu pai engádelle aínda máis interese á historia. E que ademais se trate dunha novela que reivindica a lingua, a prosa poética, e a poesía como un xeito de enfrontar o mundo, comprendelo e, se cadra, transformalo, pois mellor aínda. María Lorenzo Miguens e Manuel Lorenzo Baleiron -o irmán de Eusebio- gañaron o Xerais con Tonas de Laranxa, unha narración coral con arrecendo a froita e ronsel cunqueirán. E quen mellor para contalo ca eles mesmos.

Tonas de Laranxa nace dun conto escrito por María hai xa uns anos. Como foi?

Manuel: Si. A miña filla escribiu un conto hai xa tres ou catro anos. A min gustoume moito, pola súa frescura, a súa linguaxe nova... María estudou Comunicación Audiovisual e o conto tiña algo de relación co mundo do cine, cunhas imaxes moi impactantes... Eu quería que ela o pulise. Insistín ano tras ano, ata que lle dixen que ou o facía ela ou me poñía eu con ela ao lado. E así fixemos. Fomos dándolle forma entre os dous, nun proceso de intercambio e diálogo. Os dous faciamos propostas, chegabamos a acordos...

O conto está influenciado polo que María estaba lendo daquela: Cunqueiro, Eusebio -irmán meu e tío dela-, polas novelas de Anxo Angueira... É prosa poética, que cremos que é tan válida ou máis para enfrontar o mundo ca calquera outro medio. É un xeito de tentar comprender o mundo e transformalo. Eu non quería traizoar o espírito do conto, a súa frescura. De todos os xeitos penso que as obras son sempre de todos, e non é falsa modestia: o galego que usamos é da xente..., e os escritores son tamén os lectores...

"O conto está influenciado polo que María estaba lendo daquela: Cunqueiro, Eusebio -irmán meu e tío dela-, polas novelas de Anxo Angueira..."

María: Foi hai tres ou catro anos cando escribín o conto, si. Fíxeno en quince ou vinte días, e aí quedou. Desde aquela non volvín escribir moito: escribo de xeito ocasional, e para min, textos pequenos. Si nos influenciaron lecturas comúns, como Cunqueiro. De feito o libro comeza cunha cita de Se o vello Simbad volvese ás illas. Eu acababa de ler Merlín e Familia cando o escribín, e interésame moito esa mestura súa do imaxinario co real.

O xurado salientou especialmente a lingua da novela, que definiu mesmo como "un acto de amor á lingua".

Manuel: A min non me gustan as novelas de dicionario, creo que a lingua ten que ser viva. A novela utiliza unha lingua literaria, e un léxico real, que fomos escollendo entre os dous. É moi importante afondar no léxico patrimonial galego, que está nas nosas aldeas... Iso faino moi ben por exemplo na súa obra Anxo Angueira. Ademais, a lingua é o que nos identifica, o que somos.

Coa toponimia ten que ver, precisamente, o libro que tes publicado, e que non é de fición: Toponimia de Dodro e Laíño. Os nomes da auga, non si?

Manuel: Se cadra foi por iso polo que din feito con María o traballo lingüístico desta novela. Non son filólogo, pero botei varios meses traballando coa toponimia. Eu escribira algo hai moitos anos, de novo. Pero nada máis. Levaba trinta anos sen escribir.

E ti, María? Como é iso de gañar o Xerais con 26 anos e sendo escritora ocasional?

María: Pois eu gañara cando tiña doce ou trece anos un accésit no certame Contos para a Mocidade de Ourense por Cabalos azuis, que está editado pola Xunta, e no 2007 o accésit do premio de microrrelatos Carlos Casares por O limoeiro. Gañar o Xerais foi algo sorprendente, inesperado, estamos moi contentos e moi agradecidos. Eu estaba moi nerviosa no acto de entrega dos premios... É certo que fun algo preguiceira coa escrita, e agora escribirei máis, pero con calma, que despois deste premio non sei o que podemos esperar...

Manuel: Sentímonos moi contentos e honrados, polo premio e pola atención que en todo momento nos prestou Xerais. E agradecémoslle moito ao xurado a súa escolla, pois neste tempo tan prosaico no que parece que todo ten que ser pragmático, optaron por un libro de soños.

Saíuvos unha novela coral, unha historia tecida de historias... Contade.

"Hai moita mestura do onírico co real. Non sei se é iso que chaman realismo máxico, pero si que hai unha pegada de Cunqueiro e os outros autores"

Manuel: E iso foi o que máis traballo nos deu. Mesturamos moitas historias, a partir da historia dunha vila que se chama Moreira. Desde historias normais dunha vila, ata as máis inverosímis, con círculos e elipses... Hai moita mestura do onírico co real. Non sei se é iso que chaman realismo máxico, pero si que hai unha pegada de Cunqueiro e os outros autores que antes citaba, salvando a distancia. María estaba lendo daquela a Italo Calvino, Alejo Carpentier... sempre se fai literatura da literatura. Iso si, que ninguén espere na novela literatura de vangarda. Non é un relato lineal, pero a aposta vai máis polo poético que por unha estrutura rompedora. E fixémolo, claro, o mellor que soubemos.

María: Si, é unha historia que mestura moito o real co fantástico, con moitas historias que se cruzan. E moitos personaxes. Chamarlles secundarios a parte deles sería inxusto porque son igual de importantes que os outros.

Entre as personaxes está Uxío Oliveira, a súa avoa Aurora dos Santos, o inmigrante Amir Alfarat e a súa filla Oriana, o desaparecido Amaro e a peixeira Sofía Costa... Procurastes que houbese moito contraste entre eles?

Manuel: Hai xente que é da vila e xente que é de fóra, xente que ten que marchar nunhas determinadas circunstancias e que despois regresa, cando a novela xa está avanzada. Entón resólvense as dúbidas sobre o motivo de que marchasen... Así vai avanzando a trama. Si hai contraste nos caracteres, uns son xente máis ríxida e outros moi bohemios, e tamén algúns estrafalarios... Un deles, Tiroliro, está inspirado nunha persoa real.

María: Hai personaxes para todos os gustos, si. E non son as principais as personaxes coas que máis me identifico. Hainas moi entrañables... e os soños e as ilusións teñen moita importancia nelas.

Dicía xa non sei cal de vós no acto de entrega que o libro era como un convite ao soño nun mundo de pesadelos. É así?

"Se tivesen certa conciencia poética non pasarían cousas como o dos bancos e as preferentes, ese xeito de utilizar as palabras, como o eufemismo "preferentes". Na poesía hai tamén un compromiso ético"

Manuel: O libro ten que ver moito co mundo dos soños, si. E como che dicía antes co poético como un xeito de enfrontar o mundo, nun tempo de banqueiros, contables e mercadores. Creo que se podería transformar o mundo se tivesen un pouco de sentido poético. Se tivesen certa conciencia poética non pasarían cousas como o dos bancos e as preferentes, ese xeito de utilizar as palabras, como o eufemismo "preferentes". Na poesía hai tamén un compromiso ético, e é un xeito de enfrontar o mundo tan válido coma outro.

Co tempo xoga tamén a novela. E co arrecendo a laranxa. Como é iso?

Manuel: É como se non pasase o tempo na vila, por cousas extraordinarias que ocorren. Uxío Oliveira herda unha reloxería, nun lugar no que ninguén utiliza calendarios, senón que só se guían polos fenómenos naturais. No pobo hai un perfume a laranxa, que non se sabe de onde procede. Para descubrilo hai que ler a novela, e non podo contar máis...

Non creo que a reivindicación da lingua sexa casualidade, nun tempo de ataques e retrocesos, que ti verás ben na túa experiencia como mestre...

"Ten que haber unha aposta moi forte pola lingua, que non se está producindo. Ten que ser unha aposta política, poñendo medios..."

Manuel: Non é casualidade, non. Se somos algo é porque temos unha lingua, se somos galegos é pola lingua, e para nós o galego é un dereito irrenunciable. Cando eu comezaba unha inspectora veu preguntándome, ¿pero usted imparte las clases en gallego? Ten que haber unha aposta moi forte pola lingua, que non se está producindo. Ten que ser unha aposta política, poñendo medios...

María Lorenzo Miguens e Manuel Lorenzo Baleiron © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.