Despois dun mes de votacións e máis de 5.000 participacións do público xeral, a gala aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesas deu a coñecer as súas cancións elixidas como Mellor Música do 2025 en Galicia e Melhor Música de 2025 em Portugal.
'Será por Flores', de Uxía, e 'Menina', de MAR, foron elixidas mellores músicas de 2025 en Galicia e Portugal
Neste caso, as persoas usuarias acordaron que Será por flores, de Uxía, foi a Mellor Música do 2025 en Galicia. Pola parte lusa, Menina, de MAR, en colaboración con Carolina Deslandes, foi elixida como Melhor Música de 2025 em Portugal.
Será por flores, como explica aRi[t]mar, "é proba da sensibilidade dunha Uxía a cuxas costas atopamos unha extensísima carreira que non a impide mostrarse incansábel".
O público de aRi[t]mar elixiu como mellor música do ano na Galiza un tema no que a mosense "exhibe a súa
face máis achegada á canción de autor e á poesía, desenvolvendo a meirande parte do sinxelo con guitarras e unha voz limpa".
O ton de Uxía, explica a organización nunha nota de prensa, volve mostrarse "tan característico e cheo de matices", e enche unha canción que "mesmo ten certo aire crepuscular". "Xa é unha das grandes cancións dunha das grandes voces da música galega contemporánea", conclúe.
"Será por flores' xa é unha das grandes cancións dunha das grandes voces da música galega contemporánea"
Pola banda da música portuguesa, Menina é o sinxelo máis exitoso e destacado do primeiro traballo de longa duración da algarvía MAR, que editou a canción en colaboración con Carolina Deslandes. "Trátase dunha música que xunta unha base electrónica con aires a R&B contemporáneo coas voces de MAR e Carolina Deslandes,
nun tono máis cercano ao hip-hop", define o proxecto didáctico-cultural de aRi[t]mar.
"A canción fala, a través dunha historia en primeira persoa atravesada pola violencia machista e vicaria, da necesidade de amar e ensinar a amarse e defenderse", engade.
Ademais, as cancións que acadaron o podio en Galicia, en segundo e terceiro lugar, foron Todos contra min, dos Ulex, e Perdín a memoria, de MJ Pérez. No ámbito do territorio luso, a segunda e terceira clasificadas foron Brinde (16h00), de Carolina Deslandes, e Respirar, de Calema en colaboración con Sara Correia.
Ámbas as dúas gañadoras, Uxía e MAR, recollerán o seu premio na gala aRi[t]mar 2026, que será celebrada este outono en Santiago de Compostela.