Trinta e nove proxectos para celebrar a música galega

Foto de familia na festa dos nomeados © Premios Galegos da Música

Xoel López, Narf, Dios ke te Crew, Caxade, Cantigas e Agarimos, Banda Crebinsky, Cuchufellos, Os da Ría, Os Modernos... e así, ata trinta e sete nomes. A primeira edición dos Premios Galegos da Música ten xa nomeados e nomeadas, case unha corentena de nomes que ben poden servir como mapa da música galega actual, dende a máis profesional ata a máis voluntariosa, conformando un mapa de enorme diversidade.

A web dos premios xa é "a plataforma de música galega máis importante do momento"

Nun marco pouco habitual, as bodegas de Martín Códax en Cambados, a Asociación de Músicos ao Vivo deu a coñecer unha lista de candidaturas na que, admiten, hai "nomes esperados, pero tamén moitas sorpresas". Xacobe Martínez Antelo, voceiro da organización e condutor da festa dos nomeados, subliña a "implicación dos músicos galegos neste proxecto ilusionante", que rodou polo país durante apenas un mes reunindo máis de 500 proxectos. A web dos premios, afirma, xa é "a plataforma de música galega máis importante do momento".

A lista de nomeados inclúe "nomes esperados, pero tamén moitas sorpresas"

Co apoio da Agadic, do Concello de Pontevedra e das propias bodegas os Premios Galegos da Música entran xa na "conta atrás para a gala" de entrega dos galardóns, o vindeiro 13 de decembro no pontevedrés Pazo da Cultura. O evento servirá para amosar que a música galega "reborda de creatividade" pero "adoece de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico". No caso de "ser dimensionado, asunto nada sinxelo", din dende a asociación, "moi probablemente se revelaría como o máis propdutivo e con máis potencial para a cultura galega.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.