Unha canción de amor para Alberto Gende

Alberto Gende Dominio Público Praza Pública

Alberto Gende faría 41 anos este venres. O falecemento do deseñador, o pasado ano, causou un enorme impacto entre os seus amigos e compañeiros de actividade, tanto no ámbito do deseño e das artes plásticas coma da música. E é que Gende ben podía ser considerado o cuarto integrante de Franc3s, banda á que dotou dunha estética orixinal e recoñecible. Parte dese traballo pode verse na exposición Esta canción atopeina tirada, que afonda na relación entre a música e as artes gráficas, e que permanecerá no Centro Torrente Ballester de Ferrol até novembro.

A partir das dez da noite actuarán Franc3s, Triángulo de Amor Bizarro e Lowcos

Os seus moitos amigos levaban tempo pensando en organizar unha homenaxe musical a Gende. Esta homenaxe xa está aquí e comezará este venres na Sala Dublín de Carballo, en forma de ciclo de concertos. A partir das dez da noite actuarán Franc3s, Triángulo de Amor Bizarro, Lowcos e Luis Mosteiro (Los Rufianes, Hijos de Rivera...). E en novembro e decembro será a quenda de Disco Las Palmeras, The Cobras, Fantasmage e Srasrsra

A homenaxe complétase coa publicación dunha canción en honor de Alberto Gende, El sentido de la lucha, que se incluirá no terceiro álbum de Franc3s, que se publicará a comezos de 2014. Alberto Martínez Vecino, un dos integrantes da banda, defínea como "unha canción de amor a un amigo", do que sinalan que "segue sendo para nós una fonte de inspiración absoluta tanto a nivel artístico como a nivel persoal".

Alberto Gende achegoulle a Franc3s algo que se segue botando en falta en moitas bandas: sentido estético, multidisciplinariedade... Alberto Martínez Vecino explica que "a nós sempre nos gustou a arte, e eliximos a música porque nos parecía a máis emocionante, e tamén porque dentro dela cabía todo o demáis. Está a música pero tamén o deseño, os vídeos, as letras… Alberto, que amaba tanto a música coma nós, tamén o vía así, pero sobre todo tiña o talento para levalo a cabo, algo que non todo o mundo ten".

"Sempre nos gustou a arte, e eliximos a música porque nos parecía a máis emocionante, e tamén porque dentro dela cabía todo o demáis. Alberto, que amaba tanto a música coma nós, tamén o vía así, pero sobre todo tiña o talento para levalo a cabo"

Destaca que Gende "era moi recoñecido como deseñador" e que "os seus logos e deseños foron moi premiados a nivel nacional, e mesmo se estudan en clases de deseño e arte". E engade que "na súa faceta de pintor, que era a más importante para a el, tamén foi bastante recoñecido pola crítica para a súa idade, e todo iso a pesar de vivir nunha vila, de pasar bastante do ambiente artístico, e de estar nunha permanente búsqueda dun discurso radicalmente moderno". Conclúe que "oxalá que a súa obra chegue ata onde se merece, pero a verdade é que a el non creo que lle importara moito".

Alberto Gende Dominio Público Praza Pública
Algunhas das creacións de Alberto Gende para Franc3s, na exposición "Esta canción atopeina tirada" © intrusosenlared.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.