O 24 de febreiro conmemórase coma todos os anos o aniversario do nacemento da poeta en 1837 en Compostela. Pero este non é un ano máis: o 17 de maio farán 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o fito que marcou o inicio do rexurdimento cultural de Galicia. Dende hai meses son moitas as entidades e persoas que veñen reclamando que coincidindo con esta efeméride o 2013 se dedique ao coñecemento e á reivindicación da poeta e se dote á celebración dun carácter oficial.
O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura, pero non figura oficialmente no calendario escolar. A CIG reclamou recentemente que se recoñeza "como unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura" e pediu que "a Consellaría mude a súa postura insensíbel e inexplicábel cara ao idioma galego e admita esta proposta". Oficial ou non, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega (AELG) celebra lecturas colectivas en numerosas cidades e vilas o sábado 23 de febreiro e está organizando un acto nacional que se celebrará o domingo 24 no Panteón dos Galegos Ilustres. De igual xeito o 22 de febreiro haberá lecturas colectivas de poemas de Cantares Gallegos en moitos centros de ensino de todo o país. Ademais, anima a cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía.
No pasado 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.
Alén das lecturas colectivas que terán lugar o venres e sábado, o prato forte chegará o domingo 24 ás 12 horas. No Panteón de Galegos Ilustres terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral acompañada da lectura dun manifesto a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Xina Vega.
Tamén dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra. Na mañá do domingo 24 de febreiro animan a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos..., para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto que explica o motivo e razón da iniciativa. De igual xeito tamén organizarán actos de homenaxe ao longo da fin de semana O terzo da fala en Bos Aires, a Asociación de Mulleres Floralba de Ponteareas, o Concello de Fisterra, ou a Asociación Cultural “Vagalumes” da Estrada.