Unha romaría en liña une este 25 de xullo os galegos e galegas dos cinco continentes

A romaría en liña terá lugar o 25 de xullo © REGA-UK

Hai galegos e galegas nos cinco continentes, comunidades e persoas que conforman unha galeguidade na diáspora e que decote aproveitan as posibilidades que ofrecen as redes para estar en contacto coa actualidade do país e coa cultura galega. Desta volta, mesmo poderán asistir e participar nunha romaría no mesmo Día Naciona de Galicia, este 25 de xullo. 

Está confirmada a participación de músicos como Bieito Romero, Carlos Núñez, Belém Tajes, Xabier Díaz, a familia Seivane, Zeltia, os irmáns Carlos e Fran Barcia, Dequenvessendo, David Carril e Son da Illa

A asociación Rede Galega en UK (REGA-UK), con sede en Londres, celebrará este sábado unha Romaría online "para celebrar o Día da Matria". Nos últimos anos a entidade viña organizando unha romaría en Hyde Park, pero nesta ocasión a pandemia de coronavirus obrigou a substituíla por un evento en liña no que participarán artistas de distintos puntos do planeta. A partir das 7 da tarde, hora galega (18 horas GMT, 14 horas na Arxentina), a páxina de Facebook de REGA-UK emitirá a romaría, converténdose nun punto de encontro "para a cultura galega que se artella na terra e fóra dela", tecendo redes entre artistas de Galicia, Londres e Arxentina.

Nos últimos anos a entidade viña organizando unha romaría en Hyde Park © REGA-UK

Nos últimos anos a entidade viña organizando unha romaría en Hyde Park, que a pandemia obirgou a levar ás redes

Durante a romaría vanse alternar actuacións musicais con intervencións de actores e poetas e mais con saúdos de numerosos artistas. Polo de agora xa está confirmada a participación de músicos como Bieito Romero, Carlos Núñez, Belém Tajes, Xabier Díaz, a familia Seivane, Zeltia, os irmáns Carlos e Fran Barcia, Dequenvessendo, David Carril e Son da Illa. O programa completarase coas colaboracións dos actores Touriñán e Diego Freire e do poeta Enrique Gavilanes.

Ademais, durante o evento vanse presentar en exclusiva dous novos temas musicais. Por unha banda, o último single de Ugía Pedreira, que, acompañada de Pier El Gabacho, vai musicar un poema de Enrique Gavilanes. Por outra banda, será tamén a presentación oficial do novo tema do gaiteiro Alberto López, membro do grupo Sete Netos de Bos Aires.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.