"Faite ovella e comerate o lobo", "Gordo coma un becerro", "Chámame can e bótame pan", "Ir de burra e volver de albarda", "Se é un can, mórdeche", "Ser coma o burro do arrieiro", "Ás veces a carne está no prato por falta de gato", "Nunca o can traba a cadela", "Cara de beato e unllas de gato"... e tantas e tantas outras. A investigadora Andrea González vén de presentar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, titulada Os animais vistos polos galegos: análise das expresións figuradas galegas que retratan o mundo animal. O traballo analiza 1317 expresións e frases galegas que teñen como referentes os animais e que son froito do baleirado de dicionarios galegos, tanto de carácter xeral como especializados en fraseoloxía, e da realización de máis de 300 enquisas. Agora, a base de datos resultante da investigación, agrupada por animais e temas, queda a disposición da comunidade investigadora interesada en consultar este aspecto da fraseoloxía e da fala popular.
O obxectivo é "que non se perda un tesouro tan valioso para a nosa cultura, posto que as expresións figuradas son cada vez menos usadas e coñecidas, sobre todo nas xeracións máis novas"
“O estudo permite recuperar unha parte da historia da Galicia rural que hoxe en día parece cada vez máis esquecida”, explica a autora, que destaca que o obxectivo do seu traballo era "que non se perda un tesouro tan valioso para a nosa cultura, posto que as expresións figuradas son cada vez menos usadas e coñecidas, sobre todo nas xeracións máis novas, polo que moitas delas desaparecen coa morte das persoas anciás”. De feito, Andrea González inicia a súa tese cunha dedicatoria moi especial: “ao rural galego”, que acompaña dunha fotografía da súa propia familia, décadas atrás, posando cos cans existentes na casa.
Na súa investigación, González que os animais domésticos -can e gato- son os que con máis frecuencia aparecen na fraseoloxía e expresións populares, seguidos do burro. Xa a moita distancia, aparecen boi/vaca, becerro/cuxo/xato/xovenco, touro e lobo/loba. En canto ao significado das expresións ou á característica animal que se quere destacar na frase feita, o can relaciónase con agresividade (29 exemplos), precariedade/mala vida (16), gula (15) ou preguiza (14). O gato, pola súa banda, faino con gula (15), agresividade/fereza/voracidade (11) ou falsidade (7). E o burro con estulticia (15) e teimosía/insistencia (7). Chama atención, igualmente, que os galegos e galegas empregan os referentes animais para vehicular valores maioritariamente negativos (43,44%), e, en menor medida, neutros (32,77%) ou positivos (23,77%).
Can e gato son os animais que con máis frecuencia aparecen na fraseoloxía e expresións populares, seguidos do burro, de boi/vaca, becerro/cuxo/xato/xovenco, do touro e de lobo/loba
Na propia tese pódese facer unha procura expresión por expresión, agrupadas por tipoloxías, polo animal que nelas aparece ou polo seu significado. Así podemos ver que o valor de agresividade/ira/fereza está representado sobre todo polo lobo/loba; a gula polos cans, cadelas, gatos e gatas; a intelixencia polos cans/cadelas, o mesmo que a preguiza ou a boa vida; a falsidade polo gato/gata e lobo/loba: a maldade polas víboras; a astucia polos raposos/raposas; a mansedume polos cordeiros e ovellas; a estulticia polos burros e burras; e a rudeza polos porcos e porcas.
Das 1317 expresións analizadas, 264 son expresións monoverbais (cabalón: persoa de modais pouco refinados), 257 locucións non comparativas ("coller o porco polo rabo": cometer unha equivocación), 575 locucións comparativas ("humilde coma unha ovella"), 180 refráns ("o can vello, se ladra, dá consello"), 27 fórmulas ("a burra déitase!": cando alguén se rende) e 14 dialoxismos ("díxolle o corvo á pega: bótate alá, que es negra").
Empréganse os referentes animais para vehicular valores maioritariamente negativos (43%), e, en menor medida, neutros (33%) ou positivos (24%)
A autora destaca, igualmente, que "as expresións figuradas analizadas presentan imaxes procedentes de escenarios rurais, en grande medida do pasado, polo que o comportamento do animal que funciona como referente das ditas expresións será distinto, ou simplemente interpretado de xeito diferente ao actual, moi en especial, aínda que non só, nun ámbito urbano".