Uxía e Narf cántanlle á "Galiza imaxinaria"

Uxía e Narf, este mércores en Compostela Dominio Público Praza Pública

Uxía e Narf, Narf e Uxía. Dous dos maiores talentos da música galega das últimas décadas unen o seu talento e as súas voces no seu primeiro disco conxunto, As baladas da Galiza imaxinaria, que presentarán no Salón Teatro de Compostela o vindeiro mércores 10 de xuño. O álbum incorpora clásicos destes dous autores e tamén temas novos, como Onda soante ou Cantiga do neno da tenda, e outros coñecidos pero inéditos, como Encontrarte e Nana de Zemambiquo.

Na primavera de 2014 cantaron xuntos por primeira vez nunha xira por Chile, Arxentina e Uruguai. Alí descubriron que, aínda que diferentes, os seus xeitos harmonizaban na sinxeleza e no gusto pola experimentación e as espírito inquedo e viaxeiro. Así naceron estas Baladas. Este álbum móvese nun espazo emocional "que vai máis aló do puramente xeográfico", destacan. Os seus destinatarios non son só os habitantes de Galicia, senón os dunha Galicia imaxinaria, "que abrangue os galegos e as galegas e tamén os e ás que non o son, pero son amantes do noso, sen máis". De feito, Uxía e Narf percorrerán nos vindeiros meses os escenarios do país,pero tamén outros de fóra, e por exemplo a segunda parada despois de Compostela será Londres a o 17 deste mesmo mes.

O músico Santiago Auserón (Juan Perro, Radio Futura) viviu a xénese do disco e descríbeo deste xeito: “Ao escoitar por primeira vez o material que estaban a reunir Uxía e Narf, souben que ían producir un evento sonoro memorable, a confirmar un salto cualitativo na evolución do noso cancioneiro. O seu anhelo de sinxeleza é patente no conxunto: dúas voces cálidas en torno ao espiñazo dunha guitarra eléctrica pulsada con técnica diversa, xeralmente melodiosa e algunhas veces ruxidora”.

Baladas é tamén o primeiro disco de Edicións da Madriña, unha nova discográfica creada polos propios autores que agarda acoller no futuro moitos máis proxectos musicais.

Uxía e Narf, este mércores en Compostela Dominio Público Praza Pública
Uxía e Narf © Edicións da Madriña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.