Verín replica obras de Banksy para "rehabilitar espazos degradados" da vila

Réplica dunha obra de Banksy en Verín © Concello de Verín

Réplicas de pintadas orixinais de Banksy para "rehabilitar espazos degradados" da vila que conformarán "un percorrido turístico". O Concello de Verín tirou do artista local Álex Araújo para replicar os graffitis orixinais nunha iniciativa que se iniciou este xoves coa primeira das obras, Naked man hanging from window, unha das máis coñecidas do artista británico.

A réplica desta pintada, unha das máis coñecidas de Banksy e que apareceu en 2006 nun muro de Bristol, formará parte da mostra ao aire libre Verín, territorio Banksy, que "fará un percorrido pola obra do autor a través de muros e paredes sen uso".

Fotografía dunha obra orixinal de Banksy, no norte de Londres CC-BY Szater

O artista local Álex Araújo será o encargado de replicar as obras de Banksy en muros e paredes sen uso de Verín

"É a primeira das diferentes obras que formarán parte da exposición que se desenvolverá en Verín. Deseños icónicas do autor, que teñen ido aparecendo no Reino Unido, Gaza ou París. A serie de pintadas conformará un percorrido turístico seguindo unha orde e indo acompañadas de información pedagóxica", explica o Concello, que destaca a Banksy como, "posiblemente, o artista gráfico máis famoso do mundo".  

"Xogou un papel enorme na dignificación do graffiti, no paso de consideralo vandalismo a arte. O autor caracterízase pola súa crítica do sistema, a súa implicación nas causas sociais e o seu anonimato", remata. 

O artista verinense Álex Araújo xa foi o encargado de decorar escaparates da vila, ademais da biblioteca do colexio María Inmaculada, entre outras zonas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.