O escritor e xornalista Diego Giráldez está de dupla estrea. Vén de lanzar o seu primeiro traballo literario, 'Galería de saldos' (Xerais, 2016), recentemente galardoado co premio Manuel Murguía, e para promocionalo estrea o que xa é o primeiro booktrailer galego en realidade virtual, que acompaña estas liñas.
O traballo audiovisual, dirixido por Antón Veiga e realizado por Mon Moares, é un vídeo que permite que o público percorra virtualmente, nunha experiencia de 360 graos, unha galería de arte na que pode "visitar e descubrir as ilustracións que acompañan os diferentes relatos do libro", obra de Iago Sánchez Losada. Tamén atoparán a portada da obra, ilustrada por Antonio Seijas.
O traballo permite percorrer virtualmente unha galería de arte coas ilustracións do libro
A realidade virtual é accesible tanto dende pantallas -táctiles ou non- como dende os novos dispositivos de realidade virtual. Así, nun computador convencional é posible desprazarse pola galería movendo o rato. Nos teléfonos de última xeración, no entanto, o paseo pódese desenvolver a través do headtracking e dos sensores espaciais.
Con este avance Giráldez quere convidar o público a achegarse á súa Galería de saldos, unha "colección de relatos curtos" nos que "personaxes moi apegados á actualidade se mesturan con obras de arte orixinais ou reproducións baratas". O libro do tamén colaborador de Praza.gal estará á venda en librarías dende o vindeiro 9 de xuño.