Vídeos en galego desde os colexios: DígochoEu premia escolares de toda Galicia

Escolares, durante a galega dos premios DígochoEu © CRTVG

Escolares de centros de Santiago, Ferrol, Pontevedra, Cangas, A Fonsagrada e As Neves foron os gañadores da segunda edición dos Premios DígochoEu de vídeos en galego, impulsados polo espazo sobre a lingua da TVG. 

Na tarde deste pasado martes, na gala celebrada na Cidade da Cultura, anunciáronse os centros escolares premiados nesta edición do curso escolar 2022-2023. En Primaria, foron premiados as pezas polo CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, co #DígochoEu de Ouro; o do CEIP Plurilingüe de Ponzos (Ferrol), co de Prata; e o do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Praceres, que gañou o #DígochoEu de Bronce. 

Na categoría de Secundaria o gañador do premio de ouro foi o IES Monte Carrasco de Cangas, seguido do IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada) que levou o #DígochoEu de Prata e o EFA A Cancela, das Neves, o de Bronce.

É a segunda edición dos Premios DígochoEu, espazo da TVG que busca achegar o galego a todo o mundo, especialmente a xente nova, dunha "forma dinámica e entretida"

En canto aos premios especiais do xurado aos vídeos enviados polos propios centros educativos, foron para o CEIP de Quiroga (Lugo) na categoría de Primaria e para IES Nº1 da Estrada, de Secundaria.    

Tamén houbo premio para o concurso Unha canción para Esther. Entre os cinco grupos finalistas, o gañador foi King Kids co tema Dígocho eu. En segundo lugar quedou Olimpíadas rurais, de Diego de Braelle, seguido de Mentiras que o lume prendeu, de Chamaquito Pistolas; Río, de Rhome; e Dáche igual, de Hydn e Chris Indian.

Os vídeos que optaron ou gañaron os premios pódense ver nesta ligazón

Foron máis de 700 nenos e nenas de 20 centros escolares os que asistiron á gala de entrega dos premios, que este mércores 17 emítese na TVG ás 12 horas. O acto, que contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Gadis, contou coa presenza como xurado de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; a actriz María Foscaldo, máis coñecida pola súa personaxe Virtudes, e a xornalista e presentadora da TVG Loli Gómez.

DígochoEu é un proxecto da CRTVG para achegar o galego "dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos", segundo destaca a Corporación, e emítese desde xaneiro de 2020, cun capítulo diario "para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública". 

Os vídeos co cancelo #DígochoEu superan os 120 millóns de reproducións nas redes sociais, 90 deles só en TikTok. E en Twitch, é a conta galegofalante nesta plataforma con máis seguidores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.