Vigo debate sobre a política cultural na cidade ás portas das municipais

Cartel do II Encontro pola Cultura ©

O pasado 16 de novembro celebrouse en Vigo o I Encontro pola Cultura, unha asemblea impulsada por varios colectivos que buscaba debater sobre a situación da cultura na cidade, procurando ademais tecer redes entre entidades e persoas para articular unha resposta ante varios dos problemas denunciados: falta de democracia no Concello, degradación da vida artística e dos dereitos sociais e un progresivo esmorecemento de estruturas cunha importancia clave na principal urbe de Galicia, como o MARCO.

As entidades convocantes alertan da "grave situación das políticas culturais e sociais na cidade de Vigo provocada pola flagrante falta de democracia participativa e transparencia"

Aquel evento, que acadou un importante éxito de participación, será continuado esta semana por un novo encontro, impulsado por colectivo CAÍN, Ateneo Atlántico, Agrupación de Amig@s do Marco, a asociación profesional de artistas de Galicia A Colectiva, Espazo Cubo, a plataforma +Social e o Instituto Galego de Praxe Actual.

Será este venres 22 ás 17.30 horas no IES Politécnico (Rúa do Conde de Torrecedeira, 88) e consistirá nun debate ao que foron convidadas distintas formacións políticas que concorren ás eleccións municipais en Vigo. O debate, moderado pola xornalista Fernanda Tabarés, contará coa participación de representantes locais de PP, Marea de Vigo, BNG e Compromiso por Galicia (CXG). O PSdeG-PSOE rexeitou o convite.

No debate, moderado por Fernanda Tabarés, participarán representantes de PP, Marea de Vigo, BNG e CxG. O PSdeG-PSOE rexeitou o convite

O obxectivo deste II Encontro pola Cultura é coñecer "cal é o compromiso político e as propostas de acción" das forzas políticas que concorren ás eleccións municipais en relación "á grave situación das políticas culturais e sociais na cidade de Vigo provocada pola flagrante falta de democracia participativa, transparencia e convocatorias públicas de acceso aos recursos". 

Unha análise semellante facía o Colectivo CAÍN nesta entrevista, na que denunciaba que "a concentración de funcións e de poderes en Alcaldía e nas persoas de confianza nomeadas polo alcalde é absoluta. Isto fai que toda a comunidade de creación da cidade non teña outra canle para participar no mundo cultural que non sexa a aprobación por parte de Alcaldía de propostas que non teñen procedemento transparente, avaliable ou democrático ningún".

I Encontro pola Cultura en Vigo, celebrado en novembro © CAIN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.