Visitas cruzadas: Sés, Xurxo Souto ou Iria Pinheiro exercerán de guías no Museo de Pontevedra

Visita ao museo guiada por Isabel Risco, o pasado ano © Deputación de Pontevedra

O informe Diagnose da cultura galega, que a pasada semana lle entregou o CCG á Xunta de Galicia, destaca que "os museos galegos teñen unha gran potencialidade, cunhas coleccións moi boas. Non hai que esquecer que, xunto coas bibliotecas e cos arquivos, son os custodios da memoria colectiva". Porén, sinala que "Galicia encabeza a lista das comunidades autónomas nas que hai unha menor asistencia aos museos". É necesario levar a cabo iniciativas de promoción e difusión dos seus contido, de achegamento á cidadanía. Un bo exemplo son as Visitas Cruzadas que o pasado puxo en marcha no Museo de Pontevedra a Deputación provincial.

En esencia trátase de visitas guiadas ao museo, nas que a explicación corre da man dun persoeiro da cultura galega, referentes no seu ámbito. Dúas visitas cada domingo (de 12 a 13.30 horas) que percorren a institución e que se cruzan polo medio. Despois da primeira media hora, os e as asistentes cambian de guía, que repite a explicación.

Sés, Xurxo Souto, Iria Pinheiro, David Cortizo, Nieves Rodríguez, Francisco Castro, Margarita Ledo e Xacio Baño son os e as guías este ano

Trala fenomenal resposta acadada o pasado ano coas visitas a cargo de Uxía Senlle, Isabel Risco, Manuel Gago ou Jorge Coira, este domingo 8 de abril regresa a iniciativa, da man de Sés e Xurxo Souto (que ce centrarán na música e na literatura). Posteriormente será a quenda de Iria Pinheiro e David Cortizo (15 de abril, música, artes escénicas e edición), de Nieves Rodríguez e Francisco Castro (22 de abril, audiovisual e edición) e de Margarita Ledo e Xacio Baño (29 de abril, cinema).

Pódese asistir de balde a cada unha destas visitas, previa inscrición por mail (catro persoas por reserva) dende o luns anterior a cada unha das citas e ata acadar o máximo de 50 participantes por día.

"Esta iniciativa demostra que este é un Museo moderno, que non é estático, pétreo, e que responde a un dos grandes retos actuais que é o de abrirse á cidadanía con acción interesantes", subliñou Francisco Castro

Na presentación desta nova edición de Visitas Cruzadas, o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e o deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal, destacaron o éxito que tivera a iniciativa o pasado ano. Tamén interviron Nieves Rodríguez e Francisco Castro, que salientou que "esta iniciativa demostra que este é un Museo moderno, que non é estático, pétreo, e que responde a un dos grandes retos actuais que é o de abrirse á cidadanía con acción interesantes". "Aínda que é un Museo coñecido en toda Galicia, hai persoas que aínda pensan que segue sendo un lugar reservado a determinado tipo de xente, cun certo status, e estas Visitas Cruzadas permitirán que deixe de ser así", destacou Rodríguez.

As visitas coinciden co Día das Artes Galegas, que este ano homenaxea o arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, a quen se lle dedica unha exposición antolóxica no Museo

Nesta ocasión as visitas teñen lugar en abril, coincidindo co Día das Artes Galegas, que este ano homenaxea o arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, a quen se lle dedica unha exposición antolóxica nas salas de exposición temporal do Sexto Edificio do Museo. Na preparación dos percorridos de cada un e cada unha destas guías ocasionais ten un papel inestimable o asesoramento do equipo técnico do Museo, e nomeadamente o gabinete didáctico, ao que Xosé Leal agradeceu especialmente toda a súa colaboración e profesionalidade para sacar adiante con éxito esta iniciativa.

Visita ao museo guiada por Uxía Senlle, o pasado ano © Deputación de Pontevedra
Presentación da nova edición de 'Visitas Cruzadas' © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.