Xacarandaina cruza por primeira vez o Atlántico para levar o patrimonio tradicional galego ao Brasil e representar o país no mundial do folclore. O grupo de música e baile tradicional comeza a vindeira semana —entre o 27 de agosto e o 11 de setembro— a súa primeira xira transatlántica nos seus 48 anos de historia.
O grupo de música e baile tradicional cruza o Atlántico por primeira vez en 48 anos e participará no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026 representando a Galicia
Unha expedición de 29 persoas levará a música e o baile tradicional de Galicia aos festivais internacionais de folclore de Imigrante e Nova Prata, no estado brasileiro de Rio Grande do Sul. Ademais, Xacarandaina competirá no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026, que se desenvolverá no marco da 22ª edición do devandito festival, e reunirá formacións internacionais entre o 2 e o 6 de setembro.
A participación do grupo coruñés, fundado en 1978, xorde logo da selección realizada pola propia organización deste mundial da Federación de Festivais Internacionais de Danza, que convidou a Xacarandaina logo de coñecer o seu traballo hai tres anos no Festival Internacional de Zamora.
Tal e como se destaca nun comunicado, Xacarandaina e os seus integrantes percorreron durante décadas aldeas e lugares de toda Galicia "para documentar músicas, bailes, danzas, cancións, instrumentos, indumentarias e costumes, nun intenso labor de investigación etnográfica que permitiu recuperar máis de 500 bailes tradicionais e contribuíu de maneira decisiva á conservación e transmisión deste patrimonio".
Xunta con ese labor, o grupo ten unha intensa actividade escénica e xa participou en máis de 150 festivais estatais e internacionais, ademais de competir e saír premiado en certames como o Dances et Traditions Populaires de Châteauneuf-du-Faou, en Francia, ou o Festival Zemplén de Hungría.
Xacarandaina afronta un "sigular desafío", o de "condensar en oito minutos cada noite diferentes expresións do patrimonio tradicional galego"
A participación no Campionato Mundial FIDAF obrigará a Xacarandaina a "afrontar un singular desafío artístico: condensar en oito minutos cada noite diferentes expresións do patrimonio tradicional galego".
A competición desenvolverase durante varias xornadas, con repertorios diferentes en cada unha delas, antes da gran final do 6 de setembro. O xurado internacional valorará aspectos como a técnica e a interpretación artística, a música, o vestiario, a identidade das propostas coreográficas e a impresión xeral.
Para afrontar este reto, Xacarandaina preparou diferentes programas que permitirán realizar unha auténtica viaxe pola xeografía e diversidade do baile tradicional de Galicia. Ao escenario brasileiro chegarán pezas procedentes de lugares como O Couto, no concello de Zas; Liñares, en Avión; Santa Comba; Vilar, en Padrenda; Lavadores, en Vigo; Anxeriz ou As Nogais, entre outros.
O grupo levará ao Brasil pezas de Zas, Avión, Santa Comba, Padrenda, Vigo ou As Nogais e xotas, muiñeiros ou danzas cerimoniais
Mazurcas, xotas, muiñeiras, maneos e danzas cerimoniais convivirán cunha ampla mostra da indumentaria tradicional galega, desde traxes de gala de diferentes comarcas ata vestimenta aldeá das primeiras décadas do século XX. "A música, o baile e o vestiario converteranse así nunha maneira de contar Galicia ante un público internacional", explican.
A viaxe de Xarandaina conta co apoio institucional do Concello da Coruña, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Permitirá levar a tradición e o folclore galego a un dos mellores escaparates mundiais a través dos membros deste grupo. "Para volver facer aquilo para o que naceron: ser bailados, escoitados e compartidos", rematan.