“Que pasaría se os animais se instalasen dun xeito masivo nas vilas? Acollelos a todos entre nós, en contacto connosco, é impensable; rexeitalos é imposible; e exterminalos é cruel e perigoso para os equilibrios ecolóxicos. E logo que facemos?”. O ensaio Zoocities. Animais salvaxes na cidade, de Joëlle Zask, cuxa tradución ao galego vén de ser publicada por Kalandraka, trata de responder esta pregunta ante a evidencia da presenza cada vez maior de animais non domésticos nos espazos urbanos. “Algunhas vilas” -explica a autora- “están a converterse en auténticos parques zoolóxicos: albiscar un raposo en Londres ou un xabaril en Berlín ou en Lugo é unha experiencia cada vez máis recorrente”.
“Algunhas vilas” -explica a autora- “están a converterse en auténticos parques zoolóxicos: albiscar un raposo en Londres ou un xabaril en Berlín ou en Lugo é unha experiencia cada vez máis recorrente”
O cal se explica pola degradación ambiental, xa que “ante a falta de alimento e auga, a destrución dos seus hábitats polo lume e o desmonte, o aumento das temperaturas e as secas, a contaminación dos solos e dos mares, e a diminución e división dos seus territorios por unha urbanización desaforada, os animais salvaxes, coma os refuxiados climáticos, vense obrigados a exiliarse a paraxes máis hospitalarias”. Realidade ante a cal, indica, diversas urbes ao longo de todo o mundo adoptan plans para ecoloxizarse.
As vilas desempeñan, segundo subliña a autora, a función de refuxio para os animais. Porque a urbe, argumenta, podería ser mellor ca a natureza debido a factores como a ausencia de cazadores, a abundancia de auga e alimentos, temperaturas máis suaves, abeiros ben disimulados e menos depredadores ca nos ecosistemas naturais. O máis paradoxal ao respecto, engade, é que os animais circulan con bastante máis liberdade nas vilas ca en determinadas zonas agrícolas ou rurais, onde atopan valados electrificados, autoestradas infranqueables, muros altos e arames de ferro con pugas.
O máis paradoxal ao respecto é que os animais circulan con bastante máis liberdade nas vilas ca en determinadas zonas agrícolas ou rurais
Mais, polo xeral, a irrupción de animais salvaxes no eido da cidade perturba a idea que temos da condición urbana. Pois a vila foi considerada, historicamente, o que estaba intramuros, a vila fortificada, fóra da que quedaba a natureza. Nas utopías sobre a cidade ideal, desde a antigüidade, non cabía de feito o imprevisible, o non planificado, o incontrolable, como os animais. Do mesmo xeito, as teses “civilizadoras” que inspiran o labor colonial de fundación de novas vilas tamén se opoñen á natureza, non só por destruír plantas e animais, senón por excluír os seus propios habitantes, tildados de “salvaxes”. Humanidade a animalidade son definidos como termos opostos.
A connotación negativa do termo animalidade é un legado do pensamento dualista que asocia a humanidade á intelixencia e a espiritualidade e a animalidade á bestialidade e á ausencia de alma. Os proxectos de cidade ideal trataban, de feito, de promover o desenvolvemento moral, cívico e intelectual que unha natureza considerada imperfecta non fornecía. A función da vila era civilizar os costumes primitivos, educar, elevar os espíritos das persoas, a través dunha racionalización dos espazos que supón proxectos antidemocráticos de control social, de imposición dunha orde que neutraliza a vontade dos individuos para sometelos ao plan xeral.
Vila e cidade non son, porén, segundo esta autora, o mesmo. Na antigüidade, a cidade non é o lugar onde viven uns individuos, senón un proxecto político de comunidade. A cidade, segundo Aristóteles, é unha comunidade de vida feliz, isto é, cuxa finalidade é unha vida perfecta e independente, é dicir, unha asociación de xeometría variable fundamentada na independencia política e económica, que non se opón ao campo, pois este forma parte dela. Na vila os animais non deben estar porque vila e natureza son antitéticas. Polo que, se un animal salvaxe irrompe nela, débese a un erro, unha desviación, unha perversión da súa natureza. Un animal que vive na vila deixa de ser admirable pola súa independencia, liberdade, poderío e exotismo para ser considerado exemplo de degradación.O animal salvaxe é o “outro” da civilización entendida como cultura e domesticación, como o contrario da desnaturalización e da artificialización, polo que o animal salvaxe se sitúa por enriba na xerarquía respecto aos domesticados.
Un animal que vive na vila deixa de ser admirable pola súa independencia, liberdade, poderío e exotismo para ser considerado exemplo de degradación
Salvaxismo é tamén ferocidade que infunde temor. E o salvaxismo é o terreo sobre o que se desprega o espírito de conquista, de dominio da natureza, polo que a domesticación consiste en degradar o animal, en reducilo a un simple ben material que proporciona un servizo aos seres humanos. O doméstico oponse ao salvaxe e tamén ao público ou político, porque o doméstico é o campo do relacionado coa condición biolóxica do home, o que se oculta, o que se opón a funcións elevadas como a participación na vida pública.
Ao moverse do considerado o seu “hábitat”, o animal salvaxe pon en cuestión a oposición entre medio natural e hábitat humano e a idea de que o animal é parte integrante da natureza. Ademais, amosa un comportamento centrado en si mesmo, sen someterse á titoría dos humanos, sen respectar os intereses dos seres que se consideran donos do territorio, polo que as súas idealizadas liberdade e intelixencia calculadora pasan a resultar incómodas, xa que é o animal o que instrumentaliza o humano, que ata entón e explotaba e excluía, ao aproveitarse da súa comida ou do seu refuxio.
A reacción ante este feito, explica esta autora, adoita ser por un lado aumentar a cantidade de espazos verdes na cidade para protexer os animais e, por outra, librarse dos “intrusos”. “Na Idade Media” -explica- “sabían lidar ben cos lobos, os osos e as feras salvaxes: as xentes do campo pensaban que, se coidaban os animais e os respectaban, non os atacarían nin os prexudicarían. Pero esquecemos eses métodos e, pola contra, dedicamos bastante enerxía a expulsalos e, se é preciso, eliminalos, logo de incluílos nunha lista de “dañinos” que recolle as queixas, as avalía e lles dá resposta”.
A autora propón, ao respecto, un cambio de mentalidade que, en vez de considerar o animal salvaxe un ser degradado que merece a expulsión ou a morte, o conciba como un ser ao mesmo tempo salvaxe e urbano que se converteu no noso veciño. Porque os animais salvaxes non están necesariamente desvinculados do humano, de igual xeito que o animal doméstico non se afasta tanto do salvaxe. Os animais deberían ser considerados, segundo a autora, non seres que capturamos e domamos, senón socios na evolución humana, na civilización material e no desenvolvemento cultural. E os que chegan a entrar nas vilas, animais salvaxes que viven en contacto cos seres humanos, desde unha perspectiva menos dicotómica da relación entre o salvaxe e o doméstico que acepte a imprevisibilidade dos animais, que parece bater cos plans racionais da vila ideal.
“Os animais salvaxes non están necesariamente desvinculados do humano, de igual xeito que o animal doméstico non se afasta tanto do salvaxe”
A planificación urbanística funcional e racional infantiliza, porén, os animais, decidindo por eles o que é bo para “protexelos” e considerando a súa conduta un mero reflexo da sobrevivencia, sen observar nin valorar a súa atracción pola vila, a súa curiosidade, a súa desenvoltura ou a súa intelixencia. Mais, en realidade, asegura, “se os animais se instalan nun sumidoiro, nun aparcadoiro subterráneo ou nos paneis de sinalización onde constrúen os niños, como fan as cegoñas nas autoestradas portuguesas, non é por un erro de apreciación nin por unha desviación da natureza, senón porque, por motivos que ignoramos, é o que lles convén”.
E porque non teñen unha natureza inmutable, senón que aprenden, modifican os seus costumes. Cando chegan a un espazo novo, explórano, percórreno, evolucionan e instálanse, creando relacións cos humanos que ás veces son complementarias e outras conflitivas. E fano sen sentir afecto por nós: sen importarlles se molestan, mancan, infectan ou matan humanos, e pesar de que nós os consideremos inferiores. Os animais reinventan a vila sen someterse ao control humano, polo que a mellor maneira de convivir con eles é, segundo esta autora, comezar por respectalos e observalos.
Os animais reinventan a vila sen someterse ao control humano, polo que a mellor maneira de convivir con eles é, segundo esta autora, comezar por respectalos e observalos. Mais esta convivencia debería implicar, segundo esta autora, unha distancia axeitada
Mais esta convivencia debería implicar, segundo esta autora, unha distancia axeitada. Pois “a excesiva cohabitación cos animais salvaxes” -caso da causa da pandemia da covid- “que se deriva da destrución do seu hábitat, da súa utilización, da perturbación dos ecosistemas e da redución da biodiversidade ameaza a barreira entre especies que, polo xeral, impide a infección dunha especie a outra”. Nun réxime de biodiversidade cunha distancia concibida non desde a igualdade-identidade, senón desde a igualdade-pluralidade e desde a veciñanza. Con lugares de encontro, onde cruzarse en tropezar, indo e vindo cada un ao seu ritmo, seguindo o principio de non prexudicar o animal, é dicir, deixalo vivir como a partir da observación podemos saber como vive, acompañándoo e respectando a súa independencia, con nichos para que cada especie teña o seu espazo e pasaxes -corredores- entre elas.