40 anos do Mundobasket 86: os días que Tkachenko foi un ferrolán máis

Un momento do partido entre URSS e Angola no pavillón da Malata en xullo de 1986 e dous dos carteis da fase ferrolá do Mundial © Carteis publicados pola Federación Española de Baloncesto e recollidos por Fer Agras

Entre o 5 e o 10 de xullo de 1986 Ferrol acolleu os partidos do grupo B da primeira fase do Campionato do Mundo de Baloncesto, o Mundobasket'86. Pola cidade naval pasaron as seleccións de Cuba, Uruguai, Australia, Israel, Angola e, sobre todo, da URSS

Entre o 5 e o 10 de xullo de 1986 Ferrol acolleu os partidos do grupo B da primeira fase do Campionato do Mundo de Baloncesto, o Mundobasket'86. Pola cidade naval pasaron as seleccións de Cuba, Uruguai, Australia, Israel, Angola e, sobre todo, da URSS. Un equipo soviético no que destacaban os nomes de Sabonis, Tkachenko, Volkov, Tikhonenko, Kurtinaitis, Belostenny, Valters ou Chomičius.

Durante unha semana Ferrol vibrou cos 15 partidos xogados no pavillón da Malata e coa presenza na cidade dos xogadores das distintas seleccións, uns días que deixaron un feixe de anécdotas e que quedaron marcados a ferro nas persoas que os viviron, multiplicando a xa daquela importantísima afección ao baloncesto. Xusto cando se está a xogar o Mundial de fútbol e cando aínda está sobre a mesa a posibilidade de que Vigo acolla algúns partidos do campionato 2030 de balompé, lembramos a única vez que o principal torneo baloncestístico do mundo por seleccións pasou por Galicia.

O Mundobasket'86 rematou coa vitoria dos EUA, que derrotaron á URSS 87-85 na final © FIBA

Ferrol era sede do Mundial, xunto a cidades moito máis grandes (Zaragoza, Málaga, Tenerife, Oviedo, Barcelona e Madrid) a pesar de contar -nese momento- con 87.000 habitantes e atravesar xa unha importante crise derivada da reconversión naval

Hai que dicir, en primeiro lugar, que non se pode explicar o paso por Ferrol do Mundobasket 86 sen falar do OAR. O equipo da cidade, presidido por Juan Fernández, sumaba nese momento sete tempadas consecutivas na máxima categoría e mesmo xogara a Copa Korac en tres ocasións. Animados pola entusiasta afección existente na cidade, os máximos resposables do club -Juan Fernández e Juan Roca- solicitaron oficialmente a Ernesto Segura de Luna, presidente del Comité Organizador do Mundobasket, que Ferrol acollese unha das sedes.

A proposta foi aprobada grazas ao apoio de Concello, Deputación e Xunta, que coas súas achegas sumaron un orzamento total de 90 millóns de pesetas que serviu para remodelar o pavillón da Malata, adecuándoo ás esixencias mundialistas. Porén, non houbo cartos abondos para incrementar a súa capacidade, limitada a pouco máis de 4.000 espectadores, que mesmo quedaban pequenos para os partidos do OAR. Por suposto, o recinto encheuse en todos os partidos do Mundial e o éxito animou á directiva do OAR a solicitar acoller a final da Copa de Europa de Baloncesto do ano 1987, algo que non lle foi concedido.

A cidade adiantou parte das súas festas de verán -que habitualmente se celebran a finais de agosto- para acompañar a cita mundialista. O Concello programou o ciclo Qué hai de novo? Galicia!, que buscaba amosar aos visitantes o "extraordinario momento cultural galego contemporáneo"

Ferrol era sede do Mundial, xunto a cidades moito máis grandes (Zaragoza, Málaga, Tenerife, Oviedo, Barcelona e Madrid) a pesar de contar -nese momento- con 87.000 habitantes e atravesar xa unha importante crise derivada da reconversión naval. Durante uns días a mobilización obreira virou nunha festa deportiva que monopolizou a vida da comarca.

A cidade adiantou parte das súas festas de verán -que habitualmente se celebran a finais de agosto- para acompañar a cita mundialista. O Concello programou o ciclo Qué hai de novo? Galicia!, que buscaba amosar aos visitantes o "extraordinario momento cultural galego contemporáneo", con exposicións de artes plásticas, proxeccións, concertos, representacións teatrais e unha feira do libro, na que as obras das seleccións participantes tiveron un espazo destacado. Mesmo se queimou na clausura da fase de grupos unha falla de inspiración baloncestística instalada na Praza de Armas e realizada para a ocasión polo escultor César Lombera.

No plano deportivo non houbo sorpresas. A URSS gañou todos os seus partidos por amplas marxes (a diferenza media superou os 39 puntos)

No plano deportivo non houbo sorpresas. A URSS gañou todos os seus partidos por amplas marxes (a diferenza media superou os 39 puntos) e Israel e Cuba foron as outras dúas seleccións clasificadas, nun grupo no que todas as seleccións gañaron cando menos un partido. Os afeccionados vibraron coa selección soviética, que xogou a medio gas e que acabaría perdendo a final do campionato contra os Estados Unidos (87-85). 

Sabonis era a grande estrela da selección adestrada por Vladimir Obukhov. O xogador lituano de 22 anos fora xa seleccionado polos Porland Trail Blazers para xogar na NBA, pero non puido abandonar a liga da URSS ata 1989 (primeiro no Fórum Valladolid, despois no Real Madrid e por fin en 1995 nos Blazers). En Ferrol os xornalista cansaron de preguntarlle a Sabonis (e aos restritivos servizos de prensa da selección soviética) polas posibilidade de xogar na NBA.

Tkachenko era o xogador máis reclamado pola afección ferrolá. A súa estatura facía que non pasara desapercibido polas rúas de Ferrol, onde foi visto con frecuencia, mesmo mercando chanclas no Simago do centro da cidade

Xunto con Sabonis, Tkachenko era o xogador máis reclamado pola afección ferrolá. O xigante de 2'20 metros causaba sensación e aínda que non xogaba moitos minutos -por limitacións físicas e por desavinzas co adestrador-, foi habitual que nos últimos minutos de cada partido Obukhov lle dese entrada para deleite do público. A súa estatura facía que non pasara desapercibido polas rúas de Ferrol, onde foi visto con frecuencia, mesmo mercando chanclas no Simago do centro da cidade, nunha das moitas anécdotas que deixaron estes días.

Outros dos nomes propios da selección da URSS foi o de Chomičius, aínda que en clave negativa. O escolta sufriu unha importante lesión -un escordamento de nocelo- que o tivo varios partidos sen xogar. O xogador foi tratado por Xosé Luís Torrado, coñecido como O Bruxo, masaxista e curandeiro que traballou como recuperador deportivo das seleccións española de atletismo e baloncensto, e tamén de club como o OAR Ferrol e o Breogán de Lugo, ademais de tratar persoalmente a Manuel Fraga durante máis de 15 anos.

Exterior do pavillón da Malata CC-BY-SA PepedoCouto

A afección ferrolá tiña unha selección favorita por riba de calquera outra: Angola

A afección ferrolá, con todo, tiña unha selección favorita por riba de calquera outra: Angola. O equipo africano (que en 1992 derrotou a selección española nos Xogos de Barcelona) chegaba coa etiqueta do equipo máis débil do grupo e posiblemente do Mundial. E deste xeito gañou inmediatamente o cariño e o favor do público, que non cansou de animalos ao longo dos cinco partidos que xogaron en Ferrol. Despois, ademais, o seu bo xogo levou o entusiasmo ás gradas, conseguindo unha vitoria ante Australia e ficando preto de facelo ante Uruguai. Representantes de varias seleccións, entre elas a soviética, destacaron o bo comportamento e o "elevado coñecemento do baloncesto" da afección ferrolá.

Chamou a atención a extraordinaria seguridade que rodeaba ao equipo israelí, que pediu desocupar dous andares do Hotel Almirante e confundiu o lanzamento de fogos artificiais coa explosión dunha bomba

Durante esa semana de xullo falouse da ampla presenza de seleccións de países comunistas (tres de seis) nunha cidade obreira como Ferrol. A agrupación local do PCG mesmo aproveitou para levar representantes destas seleccións amigas a barrios populares como Caranza. Tamén foron comentadas as escapadas nocturnas dalgúns xogadores -disque sobre todo os uruguaios e os angolanos- e, sobre todo, a extraordinaria seguridade que rodeaba ao equipo israelí, acompañado dun inxente servizo de protección. De feito, aínda que todas as seleccións foran inicialmente aloxadas no Hotel Almirante (ocupando cada unha un andar do edificio), Israel esixiu desocupar os andares superior e inferior ao seu por razóns de "seguridade". Ademais, parece que unha das noites a selección israelí confundiu o lanzamento de fogos artificiais coa explosión dunha bomba, o que xerou a alerta no combinado.

Cada país plantou nos Cantóns unha árbore representativa. Israel plantou unha oliveira, a URSS un bidueiro, Uruguai unha acacia, Agola unha iuca, Cuba unha catalpa e Australia unha cica

O Mundobasket sementou afección polo baloncesto en Ferrol, iso é innegable. Pero deixou tamén outras sementes, cuxo froito aínda se pode ver nos Cantóns da cidade. Alí representantes de cada unha das seis seleccións participantes, ademais de embaixadores ou cónsules, plantaron cadansúa árbore, especies todas representativas dos seus países. As árbores, que 40 anos máis tarde acadan na súa maioría unhas dimensións importantes, foron acompañadas de monolitos de pedra co nome do país e da especie e co ano do Mundobasket.

Israel plantou unha oliveira, a URSS un bidueiro, Uruguai unha acacia, Agola unha iuca, Cuba unha catalpa e Australia unha cica. No acto protagonizado polo secretario da embaixada da URSS en España, Igor Kondrachev, o representante soviético destacou o seu agradecemento polos días que a selección pasara "nesta pequena e bonita cidade habitada por un pobo traballador". Ademais, cada país legou á cidade tamén algún elemento igualmente representativos; así, por exemplo, a URSS deixou películas e fotos do país. Australia quixo traer a Ferrol unha parella de canguros, pensando que existía na cidade un zoo. Ante a súa ausencia, tivo que escoller outro agasallo.

O bidueiro plantado por representantes da URSS en 1986, nos Cantóns de Ferrol CC-BY-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.