O Deportivo xustifica prohibir preguntas sobre o conflito coa bancada malia as duras críticas

Bancada de Marathon Inferior, en Riazor, tinguida de laranxa CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

En lugar de ser protagonista pola súa volta a Primeira logo de oito anos de ausencia, o Deportivo saltou ás portadas pola protesta laranxa de boa parte dos seus afeccionados e, sobre todo, tras a censura exercida sobre varios xornalistas, aos que o club prohibiu preguntar sobre o conflito aberto entre a entidade e a bancada de Marathon Inferior. "Esta pregunta non é procedente", interviu un responsable de comunicación ante dous intentos, nunha secuencia repetida e criticada en numerosos medios de todo o Estado e publicada masivamente nas redes sociais. Tampouco houbo cuestións sobre o tema na rolda de prensa do adestrador, Antonio Hidalgo. 

A decisión do Deportivo de impedir preguntas relacionadas coas diferenzas entre o club e boa parte da súa afección, lonxe de calmar o problema, acabou por expandilo e difundilo. O Colexio Profesional de Xornalistas reaccionou advertindo que "rexeita o veto ás preguntas e apoia os e as profesionais que realizan a cobertura informativa" do Deportivo. "Cumpren coa súa obriga: preguntar", lembrou. 

Afección deportivista entrando no estadio de Riazor CC-BY-SA Chente Rocha

A Asociación da Prensa da Coruña, pola súa banda, instou o club a "respectar a liberdade dos xornalistas para formular preguntas", asegurando que o acontecido no estadio tiña un "evidente interese informativo", mostrando o seu "malestar" por unha actitude "fóra de lugar" por parte do Deportivo. Tamén a Asociación Galega de Xornalistas do Deporte reclamou "respecto polo traballo das e dos xornalistas" e defendeu a súa "liberdade para preguntar sobre calquera asunto de actualidade informativa". 

O Colexio de Xornalistas rexeita "o veto ás preguntas" e apoia os xornalistas; a Asociación da Prensa da Coruña denuncia a actitude "fóra de lugar" do club

A reacción do Deportivo foi emitir un extenso comunicado denunciando os "insultos e presións" que estarían a sufrir algúns dos seus xogadores para se pronunciaren sobre o conflito aberto. O club xustifica que non se permitan preguntas sobre a situación —nin na rolda de prensa do técnico nin na zona mixta— alegando a estas supostas presións aos futbolistas. E non atende ás demandas das asociacións de xornalistas para asegurar a posibilidade de realizar calquera pregunta a futbolistas ou técnicos. 

Eses comentarios no quecemento do partido, en ámbitos privados ou nas redes sociais —di a entidade— "tiveron como consecuencia a decisión adoptada nas comparecencias posteriores ao partido ante o Elche, nas que adestrador e xogadores se limitaron a responder a cuestións estritamente deportivas, manténdoos á marxe dun tema que nada ten que ver con eles nin co seu desempeño no terreo de xogo". 

"Tender a man á solución"

Alén das presións que os futbolistas puidesen recibir fóra do estadio ou dalgún caso illado no estadio, o ambiente do pasado luns en Riazor foi, en xeral, de apoio aos xogadores —recibidos e despedidos con aplausos— e de crítica á directiva. 

O Deportivo impide a Ximo Navarro responder varias preguntras tras o remate do partido en Riazor

En resposta, noutro comunicado, a Federación de Peñas (xunto ao colectivo Old Faces e aos ultras) negou os insultos aos xogadores e dixo "tender a man á solución". A entidade pide sentar "nunha mesa de diálogo" para buscar "unha solución real ao conflito de Marathon Inferior" e denuncian o que consideran un "atropelo" á afección. 

As voces que reclaman unha solución e unha cesión por ambas partes no conflito son cada vez máis maioritarias. O Deportivo non volve xogar en Riazor ata o vindeiro domingo 30 de agosto contra o Valencia. Once días por diante para arranxar un conflito que está a estragar a ansiada volta do equipo branquiazul á elite logo da peor época da súa historia e catro anos fóra do fútbol profesional. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.