O conflito no Dépor tingue Riazor de laranxa e o club responde censurando a prensa

Bancada de Marathon Inferior en Riazor, tinguida de laranxa CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O Deportivo regresou este luns a Primeira logo de oito anos e tras pasar a peor etapa deportiva e económica da súa historia, incluídas catro temporadas consecutivas fóra do fútbol profesional. Saneado, co soporte de Abanca, unha aposta decidida pola canteira e fichaxes prometedoras, o regreso á elite semellaba o escenario perfecto para que Riazor rebordase coa ilusión e a paixón que adoita. A que guiou o equipo ao ascenso hai tan só uns meses. Non foi tal. O estadio tornouse velorio durante o partido; ao remate, o club prohibiu aos xornalistas preguntar sobre o estraño ambiente no campo. "Non é procedente", advertiu o responsable de prensa ante os intentos. 

Non foi o único raro deste luns en Riazor. Nun estadio case cheo, moitas e moitos deportivistas cambiaron por un día o branquiazul polo laranxa, pingando desa cor todas as bancadas e tinguindo case ao completo Marathon Inferior, fondo afectado polas condicións especiais de acceso e control que son a orixe dun conflito que enfronta a propiedade (Abanca) con boa parte da afección.  

Afección deportivista entrando ao estadio para o Deportivo-Elche CC-BY-SA Chente Rocha

A Federación de Peñas, xunto aos ultras, convocou os seareiros a esta protesta visual, simulando co laranxa a cor habitual para os presos en moitos países e advertindo do "cárcere" no que se tería convertido o antigo fondo de General tras as novas medidas impostas aos seus socios: identificación con DNI, limitación da cesión do abono, posibilidade de controis, censura de "reivindicacións alleas ao feito deportivo" ou ausencia de dereitos adquiridos como abonados. 

A protesta polas novas condicións aos socios do fondo máis animoso tinguiu de laranxa un estadio en silencio pola folga de animación

O Deportivo argumenta que estas medidas buscan evitar máis sancións e sinala os ultras, pero impón exixentes condicións a toda unha bancada de 4.000 persoas, a máis popular e populosa. A resposta foron milleiros de camisetas laranxas —vestidas tamén por rapazada, familias enteiras ou anciáns— e unha folga de animación no fondo que ofreceu unha imaxe e un ambiente inédito en Riazor. Sen bandeiras, sen ruído, sen arengas e sen cánticos. 

Ata o minuto 40 e durante cinco minutos, os únicos nos que ruxiu General —apoiada por socios noutras bancadas— para bramar "Marathon, solución" ou "Dépor si, Abanca non". Tamén para aludir á vicepresidenta do club, Michelle Clemente Escotet, cabeza visible do labor diario na entidade, pedíndolle que fose ela quen animase. Nin o seu tío, Juan Carlos Escotet, presidente do Deportivo e máximo accionista de Abanca, nin Massimo Benassi, director xeral do club, foron amentados na protesta. 

O Deportivo censurou xornalistas aos que prohibiu preguntar sobre o ambiente en Riazor: "Esa pregunta non procede"

Sen solución á vista, e cun ambiente claramente prexudicial para o equipo, varios futbolistas, o adestrador e mesmo o director deportivo apelaron á "unión" e á necesidade de recuperar o ambiente de Riazor e advertiron da "pena" que provocaba a situación. Ningún directivo fixo aínda declaración pública ningunha e un dos capitáns do Deportivo, Ximo Navarro, foi preguntado polo conflito tras o encontro. 

"Como viches o ambiente do partido, da afección?", preguntou un xornalista da Radio Galega. "Esa pregunta non é procedente", interrompeu un dos responsables de prensa do club ante a cara de abraio e resignación do futbolista, tal e como se pode ver no vídeo que acompaña a información. 

O Deportivo impide a Ximo Navarro responder varias preguntras tras o remate do partido en Riazor

Censura inédita

Na última quenda, outro periodista insistiu: "Como capitán dóeche a situación que se está vivindo?". "Esa pregunta... Seguinte, por favor, máis preguntas", cortou de novo o club antes de rematar coas declaracións, nunha actitude que nin tan sequera é posible ver xa na política galega, onde o veto a preguntas dos profesionais da comunicación limítase a casos illados e anecdóticos, como os acontecidos nalgunha ocasión co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. 

O veto a determinadas cuestións foi só un capítulo máis dun conflito que ameaza con estragar a agardada volta do Deportivo á Primeira División, da que o equipo coruñés xa completou a primeira xornada. Empatou 1-1 contra o Elche. Foi o de menos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.