Volve #onosoderbi: o Dépor regresa a Primeira, onde o agarda un Celta asentado na elite

O Celta celebra a clasificación europea en Balaídos e o Dépor, o regreso a Primeira en Valladolid CC-BY-SA RC Celta / RC Deportivo

"O puto Dépor está de volta", rezaba a pancarta que os xogadores do Deportivo luciron no campo do Valladolid. O Deportivo regresa a Primeira oito anos despois, logo dunha dura travesía e tras pasar polo peor momento da súa historia cando está a piques de celebrar o seu 120º aniversario. Volve O Noso Derbi e faino na máxima categoría, onde o equipo coruñés volve atoparse cun Celta asentado na elite, coa súa segunda clasificación consecutiva para a Europa League no peto e nun excelente momento social e deportivo. 

O Celta sumará a súa 15ª campaña consecutiva en Primeira, a xeira máis lonxeva de toda a súa historia, e farao con medio equipo de canteiráns e un adestrador, tamén da casa, que caeu de pé nun Balaídos cunha afluencia masiva e unha afección entregada. Un impulso social no que tivo moito que ver a viraxe comunicativa do club desde que a presidenta, Marian Mouriño, se puxo á fronte. Cunha aposta polas raíces e a identidade ben celebrada. 

David Mella celebra o ascenso do Deportivo en Valladolid CC-BY-SA RC Deportivo

Na Coruña, tampouco falta a entrega e a paixón. Nunca faltou, nin no peor momento, cando Riazor batía marcas de afluencia en Primeira Federación, o terceiro chanzo do fútbol español de onde o Deportivo tardou en saír catro anos. Agora volve á elite que tocou por última vez aló por 2018. Desde aquela, golpe tras golpe: un play-off perdido a última hora en Mallorca, un descenso a Segunda B en plena pandemia (co polémico caso Fuenlabrada polo medio) ou os dramas nas eliminatorias de ascenso ante Albacete ou Castellón. Épocas convulsas e de continuos cambios nun infermo que, agora, tornouse ceo. 

O Celta sumará quince anos seguidos en Primeira, a súa etapa máis lonxeva, coa segunda clasificación a Europa consecutiva e nun excelente momento social e de canteira

Un horizonte moito menos escuro. Co apoio económico de Abanca, entidade que se fixo co control do club e achegou a estabilidade da que careceu desde a marcha de Lendoiro, abafado polas débedas millonarias que agora son historia. Un banco e un presidente venezolano, Juan Carlos Escotet, que acabaron por ser os primeiros en afrontar o cambio na denominación do club para acabar coa anomalía do topónimo no Deportivo

Será da Coruña un club que ten tamén agora unha aposta firme por un proxecto de canteira que xa dá os seus froitos. Yeremay, o canario estrela do equipo, formouse na cidade deportiva de Abegondo, onde Barcia e Mella levan media vida. Por ela pasaron tamén Villares, o capitán, e Miguel Loureiro, e desde alí irromperon este ano Noé ou Bil Nsongo, que ascenderon tamén este ano co filial do Deportivo á categoría onde o primeiro equipo estaba hai tan só dous anos. 

O Dépor regresa acompañado dunha afección fiel, masiva e que nunca abandonou e cunha estabilidade económica inédita nos últimos tempos

O dianteiro camerunés, de tan só 21 anos, confirmou o ascenso deportivista con dous novos goles en Valladolid. En Vigo, outro dianteiro, a piques de facer 39 anos, volveu ser clave no Celta. Palabras maiores. Iago Aspas, símbolo e lenda do club, renova por unha tempada máis para volver presumir de escudo por Europa. 

O de Moaña será o líder e guía dun lote de canteiráns formados na Madroa, a base e clave do éxito celeste. Hugo Álvarez, Yoel Lago, Javi Rodríguez, Sergio Carreira, Fer López... E Borja Iglesias, que apunta ao Mundial tras outra brillante temporada. 

Iago Aspas celebra a clasificación do Celta a Europa CC-BY-SA RC Celta

Rivalidade

Todos eles —os do norte e os do sur, celestes e branquiazuis— reencontraranse nun derbi galego que non se disputa desde hai oito anos. Daquela, en Balaídos, un Deportivo xa descendido empataba a un tanto nun Balaídos que non desaproveitou a oportunidade de mofarse da traxedia rival. Naquel Celta xogaba Iago Aspas que, ao igual que o seu actual adestrador, Claudio Giráldez, manifestou o seu desexo de disputar de novo o encontro de rivalidade galega. 

O gol deportivista naquel lonxano derbi fora de Lucas Pérez, coruñés que hai dous anos anotaba tamén o tanto que sacaba o club do inferno da Primeira Federación e que onte marcou e foi clave para o Cádiz mentres o seu Deportivo ascendía a Primeira. El e Iago Aspas pularon xuntos nos últimos anos por unha rivalidade sa, pola selección galega e polo ben do fútbol do país. Non coincidirán no campo pero gozarán tamén de #onosoderbi. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.