O Dépor voa á Primeira

A escultura de María Pita na praza que leva o nome da mítica heroína coruñesa, engalanada coas cores do Dépor en vésperas do partido que lle valeu o ascenso, nunha imaxe tomada o pasado venres CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ninguén lles quitou a festa dos fuciños. O Deportivo da Coruña volve ser equipo de Primeira División. Xa voa, como o animou a afección nos últimos partidos en Riazor.

Ninguén lles quitou a festa dos fuciños. Tras impoñerse 0-2 ao Valladolid no que que virou final polo ascenso o Deportivo da Coruña xa voa, como o animou a afección nos últimos partidos en Riazor.

Coa cidade herculina engalanada como nas súas grandes ocasións futboleiras, mais tamén como naqueles días das grandes decepcións, as fiestras, terrazas, coches e farois cubertos de branco e azul ficaron contra as seis e media da tarde deste 24 de maio de 2026 sen ninguén que mirase cara a eles. A ollada do deportivismo dirixíase a máis de 400 quilómetros, onde o conxunto dirixido por Antonio Hidalgo disputou ante o Valladolid o partido que virou en final polo ascenso.

O plantel deportivista celebra o ascenso sobre o céspede de Zorrilla, este 24 de maio de 2026 © RC Deportivo

E, desta volta si, o Dépor colleu billete para voar. E fíxoo impoñéndose por 0-2 ao conxunto castelán, que atrancou todo o posible a presenza da afección galega no estadio José Zorrilla para un partido que o Dépor comezou a encarreirar cedo, co 0-1 no minuto 10, obra de Nsongo Bil, que recuncaría no minuto 33 da mesma primeira parte co 0-2

Oito anos no inferno

O Deportivo ascende tras sufrir a peor época da súa historia. Agora si, con boa saúde económica, cunha afección entregada e cun proxecto de canteira asentado

O Deportivo ascende logo de oito anos fóra da elite do fútbol español e tras sufrir a peor época da súa historia, logo de botar catro destas últimas tempadas na terceira categoría. Faino, agora si, con boa saúde económica, sendo propiedade de Abanca, cunha afección entregada que mantivo o seu masivo apoio e cun proxecto de canteira asentado.

Yeremay, a súa estrela, Mella, Villares —o capitán—, Barcia, Loureiro e mozos emerxentes como Noé e o hoxe goleador Nsongo Bil pasaron pola factoría de Abegondo e foron protagonistas desta campaña, que supón o regreso á Primeira División, que o club tocou por última vez aló por 2018. Desde aquela, un play-off perdido a última hora en Mallorca para volver á elite, un descenso a Segunda B en plena pandemia (co polémico caso Fuenlabrada polo medio) e catro anos na terceira categoría, con varias decepcións de última hora. Un inferno que virou ceo.

Afección deportivista en Catro Camiños celebra o ascenso, este 24 de maio de 2026 © Concello da Coruña

A expedición deportivista procedente de Valladolid chegou ben entrada a madrugada á explanada anexa ao estadio de Riazor, onde o club instalou unha fan zone e onde incontables siareiros, que tamén anegaron de ledicia a contorna de Catro Camiños, fixeron fronte ás treboadas que azoutaron a cidade na noite do domingo para agardar polos seus.

Tras unha noite ben longa, a festa continúa este luns na Coruña. En cada recuncho tinguido de branco e azul, nas olladas produto da ledicia e do pouco sono e, a partir das sete da tarde, na Praza de María Pita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.