"De La Coruña" ou "da Coruña": 17 de xuño, referendo definitivo sobre o topónimo do Dépor

Escudo do Deportivo, co 'L' riscado, ao pé da praia de Riazor CC-BY-SA M. Pereira

Entre o 17 e o 21 de xuño. Esas son as datas escollidas polo Deportivo para levar a cabo o referendo polo que as persoas socias e abonadas elixirán se o club adapta ou non a súa denominación ao topónimo oficial e legal da cidade: A Coruña. Unha mudanza que, no caso de aprobarse, sería ratificada xa nunha xunta ordinaria convocada para dous días despois da votación.

Os socios e socias elixirán entre "manter a nomenclatura actual" ou "adecuar o nome do club e os elementos gráficos á toponimia oficial da cidade"

A entidade vén de publicar na súa web as claves desta "consulta vinculante". As opcións na votación, segundo explican, serán dúas: a de "manter a nomenclatura actual: Real Club Deportivo de La Coruña ou "adecuar o nome do club e os elementos gráficos á toponimia oficial da cidade, adoptando a denominación Real Club Deportivo de A Coruña en castelán e Real Club Deportivo da Coruña en galego". 

A entidade non explica, con todo, se a denominación oficial sería en galego ou en castelán (da Coruña ou de A Coruña). Si aclara que a "adecuación" ao topónimo oficial "unicamente se producirá no caso de que esta opción obteña a maioría simple dos votos emitidos, procedendo os órganos competentes do club neste escenario ás xestións necesarias para que a nova denominación se implemente de cara á temporada deportiva 2026/2027". 

Adhesivo repartido en Riazor CC-BY-SA ATSF

Sería daquela cando a entidade iniciaría "os trámites administrativos e xurídicos correspondentes para adaptar oficialmente a denominación social". No caso de vencer o non, a entidade "manterá a nomenclatura oficial vixente". 

O Deportivo asegura que "non existe motivación política ningunha" nun proceso no que poden participar todos os socios e socias a partir dos 12 anos

O Deportivo explica que a consulta "responde exclusivamente a criterios administrativos e xurídicos relacionados coa adecuación ao marco vixente en materia de toponimia oficial" e aclara que "non existe motivación política ningunha detrás deste proceso". "O club mantén unha posición de absoluta neutralidade institucional e este proceso é alleo a calquera interpretación política ou partidista", di. 

Ademais, a entidade branquiazul explica que neste referendo poderán participar todas as persoas abonadas e socio amigo —arredor de 30.000—, aínda que a consulta exclúe a aquelas que non teñan 12 anos ou máis cumpridos na data de inicio da consulta, o 17 de xuño. A decisión de implicar persoas menores de idade xorde do "consenso" acadado no Foro Social que entidade e representantes da masa social celebraron nas últimas semanas.

Unha vella reivindicación impulsada por Aquí Tamén Se Fala

A votación levarase a cabo mediante un sistema online, aínda que haberá tamén unha canle telefónica específica "para persoas maiores de 65 anos e outros colectivos que poidan precisar asistencia". A consulta desenvolverase desde as 9 horas dese 17 de xuño ata as 18 horas do día 21

Afección deportivista en Riazor, no partido ante o Andorra desta tempada CC-BY-SA RC Deportivo

O Deportivo explica que os detalles da consulta serán comunicados a partir do 15 de xuño e que o resultado será vinculante. Tamén aclara que o proceso "non afecta a identidade histórica da entidade, os seus valores nin o vínculo emocional construído xunto a afección durante máis dun século".

Unha consulta non vinculante entre persoas socias xa ofreceu resultados esmagadores a favor do cambio

Malia que o Deportivo ten decidido hai tempo apostar polo cambio na denominación, o club decidiu finalmente someter esta posibilidade a referendo, logo de que unha consulta non vinculante entre os seus abonados realizada a pasada tempada —na que se cuestionaba sobre diversas cuestións sociais e deportivas— a opción polo topónimo A Coruña fose a elixida moi maioritariamente

A reivindicación para o cambio na denominación do club está presente desde hai anos entre a masa social deportivista, pero colleu pulo nos últimos anos grazas á iniciativa Aquí Tamén Se Fala, campaña de dinamización da lingua galega impulsada polo alumnado do IES Rafael Dieste, situado a poucos metros do estadio de Riazor. 

A iniciativa Aquí Tamén Se Fala critica que o club non recoñeza o seu traballo e que presente como equivalentes "opcións que non o son desde o punto de vista institucional nin lingüístico"

Este venres, tras coñecerse a data e características da consulta, desde o IES Rafael Dieste e a iniciativa Aquí Tamén Se Fala expresaron a súa "fonda decepción pola actitude" do club "ao longo destes dous anos coa campaña #oDéporédaCoruña". O comunicado critica que malia os apoios sociais e institucionais á campaña "a resposta institucional do club foi practicamente inexistente". 

"Non se nos quixo recoñecer como interlocutores válidos, malia representar unha mobilización social e educativa inédita", critican, engadindo que "resulta especialmente doloroso que non existise nin unha mínima referencia pública ao traballo realizado". Tamén censuran que "o club formule unha consulta pública presentando como equivalentes opcións que non o son desde o punto de vista institucional nin lingüístico" e que "o deseño desa consulta contribúa a fragmentar artificialmente un consenso social moito máis amplo arredor da fórmula 'da Coruña', amplamente asumida por afeccionados, institucións e colectivos culturais e deportivos".

Nova placa da Rolda Real Club Deportivo, na Coruña CC-BY-SA ATSF

Unha xunta para ratificar a mudanza

A campaña Aquí Tamén Se Fala implicou administracións (Xunta, Deputación ou Concello), a Real Academia Galega, ilustres ex-deportivistas como Álex Bergantiños, referentes culturais e boa parte da afección branquiazul. Entre as accións da devandita campaña incluíronse a celebración de concertos de bandas galegas ou o reparto masivo de adhesivos co lema O Dépor é DA Coruña, nunha iniciativa que recibiu un importante apoio na cidade e nos seareiros deportivistas. 

Ademais, o Deportivo anunciou tamén a convocatoria dunha xunta extraordinaria só dous días despois da consulta para informar aos socios do resutlado da votación e facer efectivo o cambio para adaptar o topónimo ao nome oficial da cidade, no caso de que así o decidise a maioría. A primeira convocatoria será o 23 de xuño e a segundo, o día seguinte, polo que sería nesas datas nas que o Dépor, definitivamente, pasaría a ser "da Coruña". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.