A xuíza ve “sorprendente” a acusación policial de corrupción ao capitán do Dépor polo partido co Fuenlabrada e arquívaa

O capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, e fragmento do auto de arquivo CC-BY-SA Praza Pública - RCDeportivo

A maxistrada salienta que os axentes non achegaron “ningún elemento obxectivo e serio de proba ou indicio de criminalidade” máis alá dunha conversa do xogador

A maxistrada do xulgado de Instrución número 3 da Coruña emitiu este mércores un auto, feito público este xoves, co que arquiva a causa aberta ao capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, por posible corrupción entre particulares, delito que a Policía Nacional apreciaba nunha gravación dunha conversa do xogador cos seus compañeiros sobre o partido co Fuenlabrada adiado tras coñecerse que varios xogadores dese equipo se desprazaran á Coruña malia ter un diagnóstico de coronavirus. A maxistrada argumenta que as palabras de Bergantiños non son encadrables en ningún tipo penal e critica a actuación “sorprendente” da policía. 

Segundo a maxistrada, na gravación Bergantiños comenta cos seus compañeiros “en ton de confianza” as circunstancias en que se ía celebrar o encontro adiado co Fuenlabrada. Coas súas verbas, di a xuíza, non se pode acusar a Bergantiños de pretender “amañar” o resultado do partido para alterar os resultados da competición xa que “sería o Fuenlabrada o que podería saír favorecido dun suposto amaño entre clubs”

Argumentación da xuíza no auto de arquivo da acusación contra Bergantiños CC-BY-SA Praza Pública

“Se a acusación se refire a un posible amaño do resultado para obter lucro con apostas deportivas”, engade a xuíza, “tampouco tería ningún sentido, tendo en conta o resultado do partido, vencendo o equipo da cidade herculina por dous goles a un, cun final vertixinoso no tempo de desconto, dificilmente previsible e moito menos “arranxado” entre os xogadores”. Por todo iso, a xuíza considera que en ningún caso resulta xustificada “a perpetración do delito”.

A xuíza cualifica de "intempestiva" a detención de Bergantiños sen que a policía practicase antes ningunha proba

No seu auto a xuíza considera en varias ocasións “sorprendente” a actuación dos axentes do Centro Nacional de Policía de Integridade no Deporte e Apostas (Cenpida) con Bergantiños “procedendo á súa detención de maneira intempestiva, trasladando incluso efectivos policiais desde a capital para iso, sen practicar proba algunha con xogadores do outro equipo por exemplo”. A policía, di, non lle achegou “ningún elemento obxectivo e serio de proba ou indicio de criminalidade” máis alá da conversa do xogador.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.