A Xunta abre un proceso sancionador contra a Liga e o Fuenlabrada por incumprimentos graves do protocolo sanitario

Alberto Núñez Feijoo, este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta © Xunta

A Xunta de Galicia abriu un procedemento sancionador contra La Liga e o C.F. Fuenlabrada polo "incumprimento grave" do protocolo sanitario que supuxo a viaxe á Coruña do equipo madrileño despois de ter coñecido a existencia de varios casos de coronavirus no seo do equipo. A apertura do proceso sancionador foi anunciada polo presidente en funcións do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

A investigación encargada pola Xunta concluíu que houbo "incumprimento sistemático dos protocolos deportivos e sanitarios xerais existentes na normativa sanitaria"

Núñez Feijóo detallou que a investigación encargada pola Xunta concluíu que houbo "incumprimento sistemático dos protocolos deportivos e sanitarios xerais existentes na normativa sanitaria", provocando ademais unha situación de alarma social na cidade e unha situación "moi difícil" para o hotel no que se atopan aloxados. Engadiu, así mesmo, que os feitos "afectan á credibilidade de Galicia como unha marca de seguridade". Ademais, subliñou "a gravidade dos feitos investigados", uns feitos "moi graves dende o punto de vista da saúde pública". 

Xogadores do Fuenlabrada chegando ao aeroporto de Alvedro na mañá do luns 20 de xullo © CF Fuenlabrada

A pasada semana a Consellaría de Sanidade abriu unha 'información reservada previa' para analizar o sucedido coa crise sanitaria provocada polo brote do Fuenlabrada na Coruña e para identificar "as persoas ou institucións que na nosa opinión son responsables". Rematada esta investigación, o instrutor "considera procedente o inicio dun procedemento sancionador" contra o C.F Fuenlabrada e contra a Liga Profesional de Fútbol, que serían responsables do sucedido en opinión do instrutor, sinalou Feijóo. O inicio deste proceso sancionador será notificado nos vindeiros días. Posteriormente dariase paso ao período de alegacións.

O inicio deste proceso sancionador será notificado nos vindeiros días

Pouco despois, a Liga de Fútbol respondía ao anuncio do inicio deste proceso sancionador a través dun comunicado. A entidade sinala que "é sorprendente que a día de hoxe, cando pasaron dez días desde que se iniciou o proceso, non se recibiu en LaLiga ningunha petición de información do procedemento por parte da Xunta de Galicia e, o que é peor, que se xulgue publicamente á nosa institución, sen nin sequera ter oportunidade de defenderse nin achegar un só documento". O organismo presidido por Javier Tebas denuncia ser vítima de "declaracións e medidas inxustas e arbitrarias por parte das administracións públicas que nos retrotraen a tempos pretéritos que criamos felizmente superados".

Este xoves a Consellaría de Sanidade notificou a aparición de 22 novos casos de coronavirus en toda Galicia, o que eleva a 260 o número de casos activos en todo o país. Deses 260 positivos totais, a maior parte atópase nos seus domicilios, con síntomas leves. Os dez restantes atópanse hospitalizados, un deles na UCI.

Este xoves a Consellaría de Sanidade notificou a aparición de 22 novos casos de coronavirus en toda Galicia

76 corresponden á área sanitaria da Coruña, 80 á de Lugo, 7 son da área de Ourense, 23 da de Pontevedra, 49 da área de Vigo, 23 da de Santiago, e 2 da de Ferrol. Nas últimas 24 horas os maiores incrementos corresponden á área da Coruña (onte eran 71), con aumentos tamén en Santiago, Pontevedra, Ourense e Ferrol.

O brote da Mariña mantense estable, co mesmo número de casos activos que este mércores (44), sen novos positivos nin novas altas. Dúas persoas con covid-19 permanecen ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Na última xornada, realizáronse 59 PCR asociadas ao brote, resultando todas negativas.

Nas últimas horas detectouse un novo brote na área da Coruña, con 17 positivos que teñen a súa orixe nun ximnasio da localidade de Meicende (Arteixo)

Con todo, nas últimas horas detectouse un novo brote na área da Coruña, con 17 positivos que teñen a súa orixe nun ximnasio da localidade de Meicende (Arteixo). Un dos seus usuarios é un varón, porteiro en varios locais nocturnos da comarca, que deu positivo hai uns días. O rastrexo dos seus contactos permitiu localizar estes 17 casos, que só en parte aparecen reflectidos nos datos de casos activos notificados pola Consellaría de Sanidade (o resto figurará nos datos que se coñecerán mañá venres). 

Ante a posibilidade de novos contaxios, está a ampliarse o círculo de contactos obxectos de estudo, co obxectivo de limitar o risco novas infeccións. Este xoves tamén se notificou a aparición de dous novos brotes en Vilar de Barrio e Baños de Molgas, cun total de 7 positivos entre as dúas localidades da provincia de Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.