O 'caso Fuenlabrada': unha semana de ocultacións, imprudencias e aínda moitas preguntas

Xogadores do Fuenlabrada chegando ao aeroporto de Alvedro na mañá do 20 de xullo © CF Fuenlabrada

Hai sete días, nalgún momento da tarde do pasado domingo 19 de xullo, ao C.F. Fuenlabrada foille notificado que contaba con catro positivos de coronavirus no seu cadro de persoal, entre xogadores, equipo técnico e outros traballadores. Xa o día anterior, sábado, soubera do primeiro caso, entre un dos xogadores. Mesmo así ao día seguinte o club viaxou á Coruña para xogar contra o Deportivo, con coñecemento de La Liga e incumprindo os protocolos sanitarios que rexen para a totalidade da poboación.

O resto da historia é coñecida: o luns pola tarde confírmanse máis positivos entre o grupo do Fuenlabrada aloxado nun hotel coruñés e La Liga decide a suspensión do partido, pero non dos demais encontros da xornada decisiva e que tiña que xogarse de forma simultánea para non beneficiar nin prexudicar a ningún dos participantes.

Aínda que co paso dos días veñen coñecéndose cada vez máis detalles sobre unha situación na que nun comezo houbo numerosas ocultacións e vulneracións de protocolos sanitarios e normativas de todo tipo, aínda son moitos os elementos que fican ocultos e que de seguro estenderán no tempo o conflito xerado polas decisións do Fuenlabrada e da dirección de La Liga.

Un dos xogadores do Fuenlabrada, no avión que os levou a Coruña © C.F. Fuenlabrada

E, máis aló da cuestión estritamente deportiva, a realidade é que a consecuencia da viaxe do Fuenlabrada á Coruña neste momento están confinados na cidade herculina 20 positivos de coronavirus -nunha cifra que non deixa de medrar- e igualmente o resto da expedición do Fuenlabrada, que mantivo un contacto estreito coas persoas infectadas. Estes 20 casos fixeron que o número de casos activos de coronavirus na área sanitaria da Coruña se duplicase nos últimos días, provocando un prexuízo directo á hostalaría e ao turismo da cidade e poñendo xa en dúbida a celebración das festas deste mes de agosto.

Así foi a cronoloxía dos feitos na última semana, sete días de ocultacións, imprudencias e aínda moitas preguntas abertas.

 

Sábado 18

65 integrantes do cadro de persoal do Fuenlabrada (xogadores e resto de traballadores) realizan ás 9 de mañá unha proba PCR. Ás 22.30 comunícase a aparición dun primeiro positivo, que é notificado a La Liga.

 

Domingo 19

O domingo pola tarde engádense outros dous positivos e un terceiro resultado dubidoso, confirmado unhas horas despois. Porén, o club madrileño mantén o seu plan de viaxe á Coruña, a pesar de que o virus xa se estendera dentro do vestiario.

Luns 20

O Fuenlabrada viaxa á Coruña o luns pola mañá e alóxase no Hotel Finisterre. A pesar de que hai xa catro casos confirmados no cadro de persoal e que o resto de xogadores son contactos estreitos, realizan vida normal nos arredores das instalacións e mesmo fan uso do complexo da Solana, incumprindo todos os protocolos sanitarios.

O luns pola tarde hai xa catro positivos confirmados e outros catro casos pendentes de confirmación, dos que horas máis tarde dous se engaden á cifra de positivos. 25 minutos antes do seu comezo, o partido aprázase "por causas sanitarias de forza maior"; porén, a pesar das protestas de varios equipos, La Liga determina que o resto da xornada debe seguir adiante. La Liga fixa o 30 de xullo como nova data para a celebración do Deportivo-Fuenlabrada.

Mesmo antes de que se confirmase a suspensión do partido, o Fuenlabrada reprogramara xa o seu voo de volta para as 22.30 horas, cando aínda se tería que estar xogando e sen comunicar a existencia de positivos ás autoridades sanitarias, tanto da Comunidade de Madrid coma da Xunta de Galicia. Porén, a Consellería de Sanidade impide que o equipo abandone A Coruña e os xogadores e equipo técnico do Fuenlabrada teñen que ficar confinados no Hotel Finisterre.

Instalacións da Solana, empregadas polos xogadores do Fuenlabrada antes do partido © clubmetropolitan.net

Martes 21

Sucédense as reaccións ao sucedido, con grandes críticas tanto á actitude do Fuenlabrada como da propia Liga e do seu presidente, Javier Tebas, ao tempo que se van desvelando as relacións persoais e económicas que unen a Tebas co club madrileño, directamente e a través do seu fillo.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifesta a súa indignación pola "irresponsable viaxe" do Fuenlabrada. A rexedora sinala que "a Liga non está por riba da normativa sanitaria, que diferenza hai entre un futbolista e calquera traballador?

De igual xeito, a Xunta anuncia que abrirá unha investigación para determinar se o equipo madrileño viaxou sendo coñecedor de que había un positivo no seu persoal. O Xerente da Área Sanitaria da Coruña, Luís Verde, afirma que o Fuenlabrada non tiña que ter viaxado á Coruña

Finalmente, o propio Deportivo da Coruña anunciou a través do seu presidente, Fernando Vidal, a súa intención de denunciar á Liga por "adulterar a competición", esixindo a repetición da xornada ao completo.

Os positivos por coronavirus de varios xogadores do Fuenlabrada obrigan a suspender un congreso sobre o Camiño de Santiago que Turismo da Coruña ía celebrar dende este martes no hotel Finisterre.

Mércores 22

O mércores coñécese que o Fuenlabrada voou a Alvedro malia ao veto nos aeroportos a persoas en contacto con positivos por coronavirus. O Concello da Coruña advirte de que "non desbota tomar medidas legais para que se depuren as responsabilidades que sexan necesarias". "Queremos saber cando lles fixeron as probas aos xogadores e se a Comunidade de Madrid, as autoridades sanitarias e a Liga tiñan constancia de que había un brote no Fuenlabrada", di Inés Rey.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña e o Colexio de Médicos da Coruña denuncian que se incumpriron protocolos sanitarios. A Liga apraza sine die os play-off de ascenso.

Coñécese un informe elaborado o luns polos servizos médicos do Fuenlabrada no que nas horas previas ao partido se recomendaba a corentena domiciliaria do equipo, tras constatar que había integrantes do cadro de persoal con coronavirus.

A última hora da tarde o Consello Superior de Deportes, dependente do Goberno central, emite un duro comunicado no que asegura que o Fuenlabrada incumprira "gravemente" o protocolo e puxera en risco a saúde pública. O organismo segura que a Liga soubo "o domingo ás 22h30" da existencia dun brote de coronavirus no Fuenlabrada, que viaxou igualmente o luns á Coruña para enfrontarse ao Deportivo.

Rolda de prensa de Inés Rey © Concello da Coruña

Xoves 23

A Comunidade de Madrid afirma que soubo dos positivos do Fuenlabrada cando o equipo xa estaba na Coruña e asegura que está a investigar por que "non se notificou no seu momento" a existencia de positivos entre o persoal do Fuenlabrada.

O número de positivos no Fuenlabrada elévase xa a 16, 12 deles confinados na Coruña, e os outros catro en Madrid, pois non viaxaran a Galicia ao dar positivo con anterioridade ao luns. O Sergas confirma o illamento de tres condutores de autobús e un afeccionado que tiveron contacto co persoal do Fuenlabrada na Coruña. Porén, finalmente as súas probas resultan negativas.

O Concello da Coruña presenta na Fiscalía da Audiencia Provincial unha denuncia contra a Liga e contra o Fuenlabrada por permitir a viaxe á Coruña cando xa se detectaran positivos por Covid-19 entre o cadro de persoal, incumprindo polo tanto os protocolos das autoridades sanitarias. Ao día seguinte a Fiscalía abre dilixencias.

Tal e como determina a Estratexia de Detección Precoz, Vixilancia e control da COVID-19 do Ministerio de Sanidade, calquera "contacto estreito" dunha persoa con infección confirmada debe permanecer baixo vixilancia e "en corentena durante os 14 días posteriores ao último contacto" coa persoa infectada. Un "contacto estreito", segundo este protocolo, é -entre outras- "calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso, a unha distancia menor de 2 metros e durante máis de 15 minutos".

 

Venres 24

O número de positivos aumenta ata 28, 20 deles na Coruña e os outros 8 en Madrid. Coñécese que a expedición do equipo madrileño fixo uso das instalacións do complexo da Solana a pesar de contar con casos de coronavirus no grupo.

O presidente do Fuenlabrada responsabiliza á Liga de ter autorizado a viaxe á Coruña: "É a Liga a que nos di sempre cando temos que viaxar. Tiña evidentemente coñecemento de que había catro positivos no equipo e eles son os organizadores da competición, das viaxes e de absolutamente todo".

Un dos xogadores do Fuenlabrada comeza a manifestar síntomas máis importantes da enfermidade e ten que ser trasladado ao hospital, onde permanece estable e fóra de perigo.

Imaxe da campaña do Deportivo nas redes sociais © R.C. Deportivo

Sábado 25 

Os 20 casos do brote do Fuenlabrada que se atopan na cidade herculina fan que o número total de casos activos na área sanitaria da Coruña se dupliquen. Este domingo (con datos ata o sábado pola noite) son xa 59, cando o pasado luns eran só 27. Comeza a barallarse a posibilidade de suspender as festas, programadas para agosto.

 

Domingo 26

Na tarde deste domingo a Liga anunciou que proporá suspender definitivamente o Dépor-Fuenlabrada e que o Elxe xogue o play-off de ascenso, do que fica fóra o equipo madrileño. Con todo, non se aclara de que xeito se resolverían os descensos. Nun comunicado, o organismo dedica grandes gabanzas ao C.F Fuenlabrada, sinalando que se escoulleu entre as dúas solucións propostas por este club: "agardar para disputar o encontro á recuperación dos xogadores ou suspender o partido definitivamente". A Liga subliña a "xenerosidade" do Fuenlabrada e o "enorme sacrificio" que supón abandonar "o conseguido co seu esforzo e traballo durante toda unha tempada".

O texto non dedica unha soa palabra ao Deportivo da Coruña e ao resto de equipos afectados pola situación creada e limítase a sinalar, de novo en relación ao Fuenlabrada, que "xestos así, que representan os valores deportivos do fútbol, afrontando un sacrificio individual en beneficio do colectivo, fanse especialmente relevantes en momentos tan difíciles como os que estamos a vivir e nos que vimos poucas actitudes tan xenerosas".

Pouco despois de facer público o comunicado da Liga, Javier Tebas, o seu presidente, publicou nas redes sociais outra mensaxe de agradecemento ao Fuenlabrada na que afirma que o club madrileño seguiu "todas as instruccións que vos deu a Liga" e "o único responsable de viaxar á Coruña son eu, que tomei esa decision. Ninguén máis". 

Pola súa banda, o Fuenlabrada respondeu a través dun comunicado que non renuncia a xogar o partido, non se considera fóra dos play-off e que a Liga "non é o órgano competente único para tomar esta decisión", que tamén depende da Federación e do Consello Superior de Deportes, sinala.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.