De festa polos nosos: o "orgullo de pertenza" desborda á calor dos éxitos dos equipos galegos

Recibimento das afeccións aos buses de Deportivo e Celta © RC Deportivo / RC Celta

As imaxes da enorme marea de xente que ateigou as rúas da Coruña para celebrar o ascenso do Deportivo o pasado domingo deron a volta ao mundo. Milleiros de persoas de todas as idades e con camisetas branquiazuis percorreron as rúas, fosen ou non ao partido, nunha especie de romaría popular e masiva. Foi só unha semana despois da festa que supuxo a volta á Primeira División do equipo tras a vitoria en Valladolid, a onde viaxaron tamén milleiros de deportivistas, a maioría deles sen entrada. 

Celta e Deportivo gozan dun excelente momento social mentres a afección do Breogán recibe gabanzas polo ambiente no Pazo, o recinto con máis publico da ACB

Só un día antes, en Balaídos, o Celta celebraba a súa segunda clasificación consecutiva a Europa nun Balaídos ateigado e colorido, como adoita nos últimos anos, impulsado polo cambio social e comunicativo experimentado polo club coa chegada á presidencia de Marián Mouriño. Máis aboados, máis ambiente, máis venda de camisetas e máis interaccións nas redes certifican e reafirman unha viraxe que ten na identificación co local e con Galicia unha das claves. Un elemento que é tamén fundamental no Deportivo, que optou hai máis dunha década por empregar a bandeira galega como segundo uniforme e que afronta, tras unha campaña masivamente apoiada, o cambio de topónimo na súa denominación oficial

Afección deportivista cara a Riazor, o pasado domingo 31 de maio © RC Deportivo

Deportivismo e celtismo gozan dunha saúde e vigor social como nunca. Un apoio cidadán ao club local que tamén se reforza en Ourense e outras moitas zonas —como se comprobou co ascenso da UD Ourense— e que vai alén do fútbol. A afección do Breogán, en Lugo, volveu encher cada xornada un pavillón que queda pequeno para unha masa social admirable e admirada na elite do baloncesto. Tanto que o Pazo foi o recinto con máis asistencia nesta tempada de toda a Liga ACB. Alí a onde acaba de regresar o Obradoiro e a onde loitará por voltar o Básquet Coruña, dous equipos que tamén baten récords de asistencia e seguimento. Mesmo o Liceo supera todas as marcas nunha disciplina minoritaria como o hóckey. 

González Ramallal, sociólogo experto en deporte, define como "unha sorte de relixión laica compartida" o movemento xerado arredor do Deportivo, "que exerce como 'cemento' social e familiar"

A afección e fidelidade co equipo local en Galicia fortalécese fronte á afección aos equipos grandes e de fóra, malia que sexan estes os que acaparan títulos e atención mediática nun mundo cada vez máis global e interconectado. Un fenómeno que non pasa desapercibido e que semella mudar de vez unha tendencia que levaba anos virando. O sociólogo galego Manuel González Ramallal, doutor pola UDC, profesor na Universidad de La Laguna e coordinador do grupo de investigación Deporte, cultura e sociedade, afonda nas causas e nas consecuencias. 

"É unha sorte de relixión laica compartida", reflexiona González Ramallal ao analizar as imaxes da masiva festa na Coruña, na que inflúen, di "factores moi diversos" más aló "do propio ritual celebratorio que supón un éxito deportivo". Neste caso, este profesor e investigador especializado na socioloxía do deporte, repara no "forte vínculo entre cidade e club" que existe na Coruña, "un caso paradigmático neste proceso de hibridación urbe-equipo local". 

"Antes boa parte do vínculo afectivo era cos clubs con éxitos deportivos e o equipo local era segunda opción; agora inverteuse a relación e mesmo desapareceu o interese noutros"

"O Dépor é, en boa medida, a alma dunha cidade que late ao seu ritmo e exerce de cemento social e familiar, de pais e nais a fillos e fillas", explica quen destaca tamén que "non che ten que gustar o fútbol para ser do Dépor, vai máis aló: é un acto social, un momento festivo que reforza vínculos non só deportivos senón tamén sociais". 

Aplicable ao Celta e a outros equipos, este profesor coincide na maior conexión e identificación cos conxuntos da terra que se dá en Galicia nos últimos anos. "Sempre houbo unha afección prioritaria polos clubs fronte á selección española, pero non sempre a predilección ía cara aos equipos locais; hai décadas, boa parte do vínculo afectivo centrábase nos que tradicionalmente obtiñan éxitos deportivos e o equipo local era, se cadra unha segunda opción", explica. "Actualmente, esta relación inverteuse en favor dos clubs locais e mesmo ese interese polos segundos equipos desapareceu totalmente", di. 

Afección do Celta en Balaídos © RC Celta

"Paradoxalmente —continúa— e ante un imparable proceso de globalización, tamén no deportivo, búscanse referentes próximos que acheguen certa seguridade arredor do nós e, polo tanto, tamén unha maior proximidade emocional", engade González Ramallal, que cre que os éxitos pasados inflúen pero que é moi importante para o "reforzo" desa idea "a presenza de certas iconas futbolísticas locais e a reivindicación dun fútbol de canteira". 

"Paradoxalmente, e ante un imparable proceso de globalización, búscanse referentes próximos"

Cita, en concreto, os casos de Iago Aspas, canteirán, capitán e símbolo do Celta durante case dúas décadas, ou Lucas Pérez, dianteiro coruñés que renunciou a xogar en Primeira e a un contrato millonario por xogar no Deportivo na terceira categoría. 

Pero ademais, reflexiona Ramallal, hai outra peculiaridade a nivel sociolóxico que marca a afección ao fútbol e aos equipos nos últimos anos: a incorporación de xente nova e de mulleres, algo que non era tan habitual no pasado. "Hai unha especie de proceso de socialización deportiva que se transmite no ámbito familiar, no grupo de pares e mesmo no marco educativo", explica quen advirte que "xa non resulta un anacronismo que a xente máis nova e as mulleres leven distintivos dos seus equipos locais con orgullo e non con certos reparos ou vergoña como podía ocorrer en épocas pasadas". 

"O importante non é tanto obter a vitoria como manifestar o orgullo de pertenza coa túa contorna", engade o sociólogo, nunha máxima que entronca con reivindicadas estrofas do himno oficial do centenario do Celta ("Na ledicia son celeste, celtista no padecer") ou no oficioso do Deportivo que cantaron Os Diplomáticos de Monte Alto ("Non existe a derrota na clasificación, a auténtica vitoria é sentir a paixón"). 

O influxo da pandemia

Para González Ramallal, a corrente social arredor dos clubs locais xera, ademais, "novos espazos de expresión, diversión e participación para os máis novos e tamén para as mulleres, que en moitos casos estaban tradicionalmente excluídas do acontecemento fútbol, entendido este como un escenario que tradicionalmente expresaba unha masculinidade hexemónica". O auxe das redes sociais, no que ten que ver coa xente moza, tamén é un factor a ter en conta: "Apóianse nelas para facer máis evidente ese sentido de pertenza". 

Pero ademais, o profesor e investigador galego cre que, "sen dúbida", a pandemia pola COVID e as restricións que supuxo hai poucos anos inflúen agora no feito de que as celebracións deportivas sexan tan multitudinarias e compartidas. "Fronte aquilo produciuse unha maior busca de espazos de liberdade, unha recuperación do tempo perdido e unha necesidade de vivir experiencias de lecer individuais e colectivas", di. 

Afección do Breogán durante un partido da Liga ACB en Lugo © Carlos Castro

De aí, explica, o incremento das viaxes e da afluencia a concertos e festivais, o auxe do deporte, o tardeo, as experiencias gastronómicas... "E neste sentido o fútbol e outros deportes son un espazo privilexiado para rachar coa norma e expresar emocións espontáneas sen experimentar sancións sociais", engade, en referencia aos berros celebrando un gol, os abrazas cos compañeiros de bancada ou as invasións pacíficas dun campo. 

"O fútbol é un espazo privilexiado para rachar coa norma e expresar emocións espontáneas sen sancións sociais"

Por último, González Ramallal detense no fútbol e no movemento social arredor del para advertir da posible resposta que moitas e moitos seareiros están a dar ante un deporte "que está a experimentar unha transformación" ao ser afastado das clases máis populares. "O deporte rei sempre pertencera á clase media e popular, que está sendo desposuída dun fútbol que se sitúa no centro dun gran mercado global só accesible, nalgúns casos, a certas elites", remata, lembrando o "símbolo de status" que supón xa para algúns, os "elevados prezos das entradas" en moitas ocasións ou a proliferación de "palcos e palcos VIP onde se toman decisións políticas e económicas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.