Da euforia ao enfado: "Indignación" deportivista polos requisitos para abonarse á bancada máis popular

Bancada de Marathon Inferior, en Riazor, no último partido da pasada temporada © RC Deportivo

Da euforia ao enfado en poucas semanas. Así vive boa parte da afección do Deportivo o seu regreso a Primeira División logo de oito anos e tras pasar a peor época na historia do club. O ambiente masivo de orgullo e paixón branquiazul amosado tras o ascenso a finais de maio tornouse en indignación despois de que o club impuxese unhas estritas condicións para renovar o abono ás persoas socias da bancada de Marathon Inferior, a máis populosa e popular do estadio e onde se sitúan os ultras dos Riazor Blues. Unicamente a elas e a esa zona do estadio. 

O endurecemento das condicións para renovar o abono na bancada de Marathon Inferior, onde se sitúan os ultras, provoca a indignación de boa parte do deportivismo

"Moitas das medidas son difíciles de aceptar e xustificar, pero aínda peores son as formas: sen explicacións, sen dar a cara ante os medios, sen detallar nada". Esta reflexión dun afeccionado coincide coa de moitos, principalmente a dos socios da antiga bancada de General que a principios de mes, e antes de que se iniciase a campaña de abonados, recibiron un extenso correo electrónico advertindo das Condicións Particulares do Abono de Marathon Inferior que debían aceptar e asinar para poder renovar. 

Uns requisitos "específicos en materia de identificación e comportamento" que sorprenderon por estritos e esaxerados a tantos e que provocaron que, ás poucas horas, a Federación de Peñas do club, o colectivo Old Faces e os ultras emitisen un comunicado opoñéndose á medida para logo manifestarse —máis dun milleiro de persoas o pasado 16 de xullo— e iniciar unha campaña de boicot ás renovacións de abonos. Nesta semana, as mesmas entidades animaron, desta vez si, a renovar os carnés, pero reclamaron a solicitude masiva de follas de reclamacións, anunciaron accións legais contra moitas das medidas (logo de denunciar a entidade ante Protección de Datos) e unha folga de animación ata novo aviso. A protesta, no primeiro partido de pretempada do Deportivo en Santiago, xa se fixo notar con berros de "Marathon, solución" ou "Depor si, Abanca non".

Bancada de Marathon Inferior, en Riazor, no último partido da pasada temporada © RC Deportivo

Media hora dunha mañá na fila de afeccionados que agardan para renovar o seu carné —e asinar esas condicións no caso de Marathon Inferior— abonda para notar a indignación. Xeneralizada e entre calquera socia ou socio. 

Media hora na fila para renovar abonda para comprobar a "indignación" de nais, familias e xente maior polos requisitos "específicos" impostos a só unha bancada

Na ringleira, unha muller cunha autorización expresa para o fillo asinado polo marido, que traballa fóra; obrigada a volver con documentación extra "porque a un pequeno de once anos non o deixan facerse socio se non asinamos nai e pai". "É peor que firmar unha hipoteca para un piso, púxeos pingando", di indignada e "tras 35 anos de socia". Tamén xente maior que tivo que viaxar desde Ferrol e Pontevedra para identificarse ou un cativo de 14 anos obrigado a asinar os requisitos especiais malia ser menor de idade. 

"É surrealista e indignante", repite a nai, que vén de deixar "mil euros en renovacións". "Para que logo che fagan isto...". Outro mozo, resignado: vive fóra e tivo que pedir libre no choio para poder poñer a súa sinatura e acreditar a súa identidade. E un compañeiro contando o caso de quen, logo dunha sanción de hai anos e xa prescrita, foi vetado para facerse abonado. Todos e todas piden follas de reclamacións. E hai quen tira de retranca preguntando se esa é a ringleira "dos delincuentes". 

Para a bancada de General hai requisitos de todo tipo. Medidas estritas que, ao contrario do que se puido chegar a pensar nun principio, non foron exixidas pola Liga nin son as aplicables ás bancadas de animación de moitos estadios porque Riazor non ten. O club ten que cumprir, iso si, coa Lei do Deporte e elixiu un método que non gusta a practicamente ninguén. 

O Deportivo di querer evitar máis sancións e sinala os ultras, pero impón exixentes condicións a toda unha bancada de 4.000 persoas, a máis popular e populosa

Logo de elevadas sancións e multas (90.000 euros confirmados e 340.000 en expedientes abertos) por cánticos ofensivos que saen dunha zona de Marathon Inferior e tras a invasión do céspede no último partido da pasada tempada —que non foi exclusiva desde esa bancada—, o club decidiu apuntar os ultras e aumentar o control no fondo que ocupan. "Fóiselles a man", coinciden moitos abonados dunha bancada onde collen 4.000 persoas e dúas terceiras partes delas non se sitúan onde os Riazor Blues. 

Nun primeiro intento, o club tratou de que as estritas medidas de control abranguesen só a zona onde se sitúan os Riazor Blues e outros colectivos de animación, dunhas 1.500 persoas. Mesmo propoñendo unha rebaixa nos prezos dos carnés, que sufriron aumentos no importe de ata o 60% nalgúns casos, aumentando e espallando aínda máis a indignación que provocaran os requisitos de Marathon Inferior. Os ultras —que se resisten a unha grada de animación que vinculan cun excesivo control— non aceptaron e o Deportivo dobrou a aposta: as polémicas medidas ampliábanse a toda unha bancada de 4.000 onde conviven nenos, mozos e anciáns. Xente de todo tipo e condición. 

Manifestación de deportivistas, o pasado 16 de xullo na Coruña © RC Deportivo

"Discriminación" é a palabra que máis se repite entre os socios de General. Son os únicos abonados que teñen que renovar de maneira presencial porque teñen que acreditar a súa identidade co DNI tras asinar as condicións de comportamento. Tamén serán os únicos que teñen que asumir "condicións reforzadas de identificación" ou controis "específicos" de "accesos, videovixilancia e verificación de identidade", que poderían incluír alcoholímetros ás portas. Ao carón de zonas VIP que serven todo tipo de bebidas e logo da polémica sobre controis aleatorios de alcoholemia a pasada tempada —tamén unicamente nesa bancada— que levaron mesmo a alcaldesa da Coruña a protestar ante a Delegación do Goberno de España

Abono "intransferible"

Ademais, advírteselles de que o abono é "estritamente persoal, nominativo e intransferible", prohibindo a práctica habitual (mesmo fomentada polo club nalgunha ocasión) de ceder o carné a un familiar ou amizade no caso de non poder acudir, opción que si se permite no resto de bancadas onde non hai control estrito sobre a identidade. Unha medida que logo o club xustificou pola necesidade de "individualizar responsabilidades cando sexa necesario". Pero nin sequera se ofrece a opción de ceder o abono rexistrando outra persoa cos seus datos: se o afeccionado libera o seu abono, será o club quen dispoña del para vendelo ou dispoñer del. 

Tamén advirte o club que "a falta reiterada de asistencia" ou "a liberación inxustificada da localidade" poderían determinar "a perda do dereito preferente de renovación ou revogación desta modalidade de abono". Coa prohibición explícita de ceder o carné a un amigo ou familiar. 

O club obriga só os abonados de 'General' a renovar en persoa, identificarse con DNI, non ceder o carné ou non facer "reivindicacións alleas ao feito deportivo" no estadio

Entre as medidas máis polémicas, a que outorga ao Deportivo a potestade de modificar as condicións a futuro do abono de Marathon Inferior, cambiar os beneficios, reorganizar a bancada ou os accesos ou mesmo eliminar esta modalidade de abono. Tamén garda o dereito de "recolocación" de afeccionados, de "sectorización" da bancada ou de "limitación de capacidade" e mesmo de "modificar as condicións de utilización de abono cando as circunstancias do partido o aconsellen". Tamén "deixar sen efecto beneficios accesorios vinculados a esta modalidade de abono, sen que isto xere dereito de indemnización, compensación ou reclamación ningunha"

A renovación deste carné, e só en esta zona, "non constitúe un dereito adquirido, nin xera expectativa ningunha de continuidade en temporadas futuras". O Deportivo, advirte, revisará cada tempada "as condicións desta modalidade de abono" e conservará "a facultade exclusiva para establecer, modificar ou suprimir os seus criterios de contratación, acceso, permanencia, renovación, funcionamento e beneficios asociados a el". En definitiva, pagar o abono non asegura practicamente nada. 

Afección deportivista en Riazor, no partido ante o Andorra da pasada tempada CC-BY-SA RC Deportivo

O documento chega a prohibir "reivindicacións alleas ao feito deportivo" e bandeiras ou pancartas "que incorporen simboloxía, mensaxes ou representacións cuxa utilización se atope prohibida na lexislación vixente, polo Regulamento Interno do Recinto Deportivo ou as condicións particulares". 

A renovación do carné en Marathon Inferior "non constitúe un dereito adquirido, nin xera expectativa ningunha de continuidade en temporadas futuras"

Ademais é o club quen decide os encargados de dirixir ou coordinar a animación e que tifos e pancartas se amosan, un control que xa se leva desde hai anos e que inclúe as forzas de seguridade, pero que non impediu reivindicacións sociais, laborais ou políticas en moitas ocasións. Sen atranco ningún durante ben tempo, o mesmo no que moitas visións e posturas do club coincidían coas de parte do fondo agora sinalado. Parece que xa non hai a mesma sintonía. Ou que xa non é tan necesario que a haxa. 

"Máis orde, seguridade e control"

O club xustifica as medidas —primeiro só ante algúns medios e sen rolda de prensa pública— para evitar que as sancións a Riazor "vaian a máis". Logo, nun comunicado no que advertía dunha opción online para a renovación que non exime de acreditar a identidade en persoa, xustificaba as medidas na necesidade dunha bancada "chea, ordenada e protexida". "Non hai vontade de limitar a animación nin de sinalar as persoas abonadas, senón precisamente de preservar a súa continuidade, garantir que cada abonado ocupa a localidade que lle corresponde e evitar que condutas individuais ou usos indebidos poidan derivar en prexuízos colectivos", dixo tras alertar de que o regreso a Primeira "exixe maiores estándares de orde, seguridade e control" e que o club cre "imprescindible anticiparse e adoptar medidas"

A resposta dalgúns dos empregados que atenden as numerosas queixas é, moitas veces, máis directa e sincera. "Isto é todo pola invasión e as cousas que pasan nesa bancada", xustificou un deles, que tampouco puido evitar compartir a indignación de quen explicaba que nin era ultra, nin cometera ningunha ilegalidade nunca. "Eu estaría igual de indignado pero non podo facer nada", responde ante as queixas. 

As protestas previstas contra Abanca e a directiva ou a folga de animación fan prever un peor ambiente nun estadio que destaca pola súa animación

O excelente e gabado ambiente que adoita ter Riazor, e que apuntaba aínda mellor en Primeira, pode verse afectado se non hai solución antes. A Federación de Peñas e outros colectivos xa anunciaron que cesan "toda actividade de animación organizada no estadio de Riazor ata novo aviso" nunha bancada que é a que marca o ritmo do estadio. E prevense máis medidas de protesta que apuntarán directamente a Abanca, dona do club, e moi posiblemente ao presidente do club e máximo accionista do banco, Juan Carlos Escotet, que non dubidou en darse algún baño de masas nos últimos meses, correspondidos con bos xestos tras o ascenso, o saneamento do club, as ilusionantes fichaxes e o desexado cambio no topónimo, levado a cabo pola actual directiva tras anos de demandas. 

Juan Carlos Escotet, presidente do Deportivo e máximo accionista de Abanca CC-BY-SA RC Deportivo

"Van ter que aguantar moitos cánticos se non hai algún tipo de cesión ou rectificación; e non creo que se amañe nin gañando partidos agás que algo mude", reflexiona un socio ante as oficinas do club. "O que ides ter que aturar", comenta outro á encargada de atender os seareiros. "Pois si", di resignada. 

"Que se prepare Escotet e vaia comprando cascos para o que vai ter que soportar", alertaba na fila para renovación de abonos unha señora indignada coas condicións impostas en Marathon Inferior. Advertindo, tamén, da inconsciencia da directiva do club á hora de abordar as protestas. "Viven nunha burbulla", xustifica outro seareiro que non entende as formas nin a falta de temor no club polas consecuencias sociais e deportivas que poidan ter as súas decisións. "No ano máis ilusionante en tempo", engade outro abonado entre amolado e frustrado. Pode que o acabe sendo, pero non polo momento. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.