O Dépor xa é 'da' Coruña: o 79% vota a prol do nome galego e legal da cidade

Unha camisola do Deportivo, co topónimo corrixido polo seu propietario CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

O 79,4% das persoas que participaron na consulta vinculante convocada polo club apoiaron o uso da forma galega da cidade e a participación superou o 50%, chegando ao 55,96% sobre o censo de abonados con dereito a voto

Xa é oficial: o Dépor é da Coruña. A Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas, reunida este martes pola mañá, aprobou o cambio de denominación social do club, que pasa a empregar a forma galega e legal do topónimo da cidade, abandonando o La Coruña que aínda se podía ler no propio escudo do equipo. O acordo societario, aprobado por unanimidade dos accionistas presentes, culmina un proceso nacido dende abaixo, dende a reivindicación iniciada pola afección do equipo e, nomeadamente, pola iniciativa lanzada pola rapazada de Aquí tamén se fala.

O proceso tivo o seu capítulo final nos últimos día coa consulta vinculante proposta ás persoas abonadas (25.000 deportivistas —todos os de 12 ou máis anos de idade dun total de case 30.000 con carné—), que entre o 17 e o 21 de xuño tiveron que votar se aceptaban a adecuación da denominación social do Club ás disposicións da Lei 2/1998, que establece a obriga de utilizar a denominación “A Coruña” para referirse ao topónimo da cidade.

Alberto Pombo, profesor e director do IES Rafael Dieste e un dos impulsores da iniciativa Aquí Tamén Se Fala que iniciou a campaña para a mudanza do nome, di que "esta decisión ten un valor que vai moito máis alá dun cambio de denominación. É a materialización dun sentimento que levaba anos vivo na rúa, na bancada e na memoria colectiva da cidade"

O resultado non deixa lugar a dúbidas: o 79,4% das persoas que participaron apoiaron o uso da forma galega da cidade e a participación superou o 50%, chegando ao 55,96% sobre o censo de abonados con dereito a voto. Percibíase que este era o sentir xeral da afección e da cidade e a consulta realizada polo club confirma os resultados doutras enquisas previas.

As opcións na votación eran dúas: a de "manter a nomenclatura actual: Real Club Deportivo de La Coruña ou "adecuar o nome do club e os elementos gráficos á toponimia oficial da cidade, adoptando a denominación Real Club Deportivo de A Coruña en castelán e Real Club Deportivo da Coruña en galego". Así, o nome oficial do Dépor pasa a ser Real Club Deportivo da Coruña.

Pombo engade que "hai algo que fai este momento especialmente emocionante: que a faísca partise da mocidade. Que fosen un grupo de rapaces e rapazas dun instituto quen decidisen dar o paso, alzar a voz e poñer en marcha unha iniciativa capaz de mobilizar á cidadanía"

Alberto Pombo, profesor e director do IES Rafael Dieste da Coruña e un dos impulsores da iniciativa Aquí Tamén Se Fala que hai un ano lanzou a campaña para que o club mudase a súa denominación, salienta en conversa con Praza.gal que "para nós, esta decisión ten un valor que vai moito máis alá dun cambio de denominación. É a materialización dun sentimento que levaba anos vivo na rúa, na bancada e na memoria colectiva da cidade. A masa social do Deportivo apoiaba e reivindicaba amplamente esta sincronía entre o nome do club e o da Coruña".

Pombo engade que "hai algo que fai este momento especialmente emocionante: que a faísca partise da mocidade. Que fosen un grupo de rapaces e rapazas dun instituto quen decidisen dar o paso, alzar a voz e poñer en marcha unha iniciativa capaz de mobilizar á cidadanía e de chegar ata o corazón dunha das institucións máis queridas do país". E remata: "celebramos, cheos de orgullo, que o Deportivo escoitase á súa xente e dese este paso histórico".

'Aquí tamén se fala' repartiu 15.000 adhesivos co lema "O Dépor é dA Coruña" en Riazor CC-BY-SA ATSF

O cambio foi chegando aos poucos e fíxose efectivo entre a afección e na cidade antes da súa aprobación definitiva

A pasada primavera a rapazada do instituto coruñés comezou a recoller apoios para o cambio de denominación, destacando os do presidente da Real Academia Galega, a presidenta do Consello da Cultura Galega, o reitor da Universidade da Coruña, o conselleiro de Educación e os responsables de Lingua da Xunta, da Deputación e do Concello da Coruña, o presidente da Federación de Peñas, ex-capitáns do club, como Álex Bergantiños ou Dani Mallo, e representantes do tecido cultural ou expertos en toponimia. A campaña foi acompañada de concertos, reparto de adhesivos e mobilizacións.

O Deportivo, que en 1911 pasou de ser Real Club Deportivo de la Sala Calvet a Real Club Deportivo de La Coruña, adapta agora o seu nome á legalidade, 42 despois de que a Xunta establecese que os topónimos tiñan como "única forma oficial a galega"

O cambio foi chegando aos poucos e fíxose efectivo entre a afección e na cidade antes da súa aprobación definitiva. En xuño do pasado ano, hai doce meses, a terceira rolda da cidade, inaugurada en 2011 e bautizada co nome do club, mudou a súa denominación. Aquí Tamén Se Fala e o Concello descubriron as novas placas da Rolda Real Club Deportivo da Coruña, que ata agora mantiñan o 'L' do topónimo deturpado.

Nos últimos meses o cambio dábase por seguro por parte do club e a mudanza converteuse nunha das grandes apostas da entidade para celebrar o seu 120º aniversario, neste 2026, acompañando o retorno á Primeira División masculina. Só faltaba a aprobación oficial e definitiva, precedida dunha consulta ás persoas socias, "con garantías societarias e pleno respaldo accionarial", como destacou este mesmo martes o club nun comunicado. 

Juan Carlos Escotet e outros directivos na Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas do Deportivo da Coruña, reunida na mañá deste martes © RCD Deportivo da Coruña

O Deportivo, que en 1911 pasou de ser Real Club Deportivo de la Sala Calvet a Real Club Deportivo de La Coruña, perdeu no seu nome a condición de Real durante dez anos, tras a chegada da República en 1931 e a posterior recuperación do adxectivo en 1941. Agora, 85 anos despois, acorda usar o topónimo en galego e único oficial, case dúas décadas despois de que o Concello asumise A Coruña e 42 despois de que a Xunta establecese que os topónimos tiñan como "única forma oficial a galega". Non foi sen tempo. 

A entidade coruñesa comezou a aplicar a mudanza este mesmo 23 de xuño. Así, aproveitando a noite de San Xoán presentou á afección a nova imaxe do seu escudo, xa co topónimo corrixido, e aplicouno aos seus perfís nas redes sociais no marco da presentación completa da nova identidade visual do club.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.