As persoas socias e abonadas do Deportivo votarán desde este mércores se o club adapta a súa denominación á toponimia oficial e en galego ou se mantén La Coruña no seu nome. Arredor de 25.000 deportivistas —todos os de 12 ou máis anos de idade dun total de case 30.000 con carné— están chamados a participar neste referendo vinculante entre a mañá de hoxe e o vindeiro domingo 21 de xuño ás 18 horas.
O club, decidido ao cambio, busca ratificalo cunha consulta na que se prevé un apoio maioritario á opción en galego e oficial
Esta consulta foi o xeito elixido polo club para confirmar un cambio de denominación que na directiva está decidido desde hai xa moito tempo, logo do esmagador resultado a favor da mudanza nunha enquisa realizada hai varios meses, e pola demanda maioritaria na masa social deportivista, impulsada e reforzada nos últimos anos pola campaña desenvolvida por Aquí Tamén Se Fala desde o IES Rafael Dieste.
As opcións na votación serán dúas: a de "manter a nomenclatura actual: Real Club Deportivo de La Coruña ou "adecuar o nome do club e os elementos gráficos á toponimia oficial da cidade, adoptando a denominación Real Club Deportivo de A Coruña en castelán e Real Club Deportivo da Coruña en galego".
A votación levarase a cabo mediante un sistema online, aínda que haberá tamén unha canle telefónica específica "para persoas maiores de 65 anos e outros colectivos que poidan precisar asistencia". Os socios e socias puideron empezar a votar desde pasadas as 9 entrando na web oficial do club, aínda que a consulta non foi promovida nin anunciada pola entidade, que non achegou información nas horas previas. Só cando xa estaba aberto o referendo, pasadas as 10 da mañá, os e as abonadas recibiron un mail animando a participar e explicando o xeito.
Unha xunta extraordinaria dous días despois da votación oficializará a mudanza: agás sorpresa maiúscula, o Deportivo será da Coruña
A pregunta é a seguinte: Estás de acordo en que o Real Club Deportivo adopte oficialmente as denominacións "Real Club Deportivo de A Coruña (castelán) e "Real Club Deportivo da Coruña" (galego) en concordancia co nome oficial da cidade, e incorpore a actualización evolutiva do escudo e demais elementos gráficos esta nova etapa? As opcións de resposta: si ao cambio ou non. Non se ofrece a posibilidade, como moitos afeccionados pensaban, de que o nome fose exclusivamente en galego.
Con todo, e agás sorpresa maiúscula, o Deportivo cambiará a súa denominación oficial para adaptarse á toponimia oficial e en galego, unha opción que é a única que contempla o club. Tanto é así que pouco despois de anunciar o referendo anunciou tamén a convocatoria dunha xunta extraordinaria só dous días despois da consulta para informar aos socios do resultado e facer efectivo o cambio. Abondará con que a maioría simple dos e das persoas que voten o apoien.
O Deportivo cambiaría a súa denominación 85 anos despois, logo de que en 1941 recuperase o adxectivo de Real que fora suprimido durante a República. Farao case dúas décadas despois de que o Concello asumise A Coruña e 42 despois de que a Xunta establecese que os topónimos tiñan como "única forma oficial a galega".
Arraigamento, lei e márketing
É unha decisión meditada e argumentada. Na memoria que o Deportivo fai chegar ás e aos accionistas, na que xustifica a convocatoria da xunta extraordinaria do día 23, o consello de administración reflexiona sobre algúns dos motivos que o levaron a impulsar a mudanza: cumprir coa lexislación, unificar a nomenclatura e a vinculación ao territorio. "A adaptación do nome ao galego responde a unha estratexia de mercado que reforza o arraigamento da sociedade coa súa contorna xeográfica habitual, mellorando a percepción dos clientes, provedores e traballadores", di.
As peñas deportivistas únense a Aquí Tamén Se Fala para solicitar o voto polo cambio, "pola opción que une identidade, respecto e coherencia"
Neste pasado martes, nun comunicado conxunto, Aquí Tamén Se Fala, a Federación de Peñas do Deportivo, o colectivo Old Faces e os Riazor Blues pediron á afección deportivista que vote "pola forma galega: Real Club Deportivo da Coruña".
"Chegou o momento de que o nome do noso club estea en plena harmonía co nome oficial da cidade que o acolle e que o viu medrar", di o texto, no que se anima á masa social branquiazul a participar nunha "consulta histórica" e a optar "pola opción que une identidade, respecto e coherencia".
"Votar por Real Club Deportivo da Coruña é respectar a historia e proxectala cara ao futuro. É reforzar o vínculo entre o club, a cidade e a súa xente. É afirmar con orgullo quen somos e de onde vimos", di o comunicado.
A petición vai na liña na que xa se manifestaran diversas administracións en apoio á iniciativa impulsada por Aquí Tamén Se Fala. O Concello da Coruña, a Deputación ou a Xunta amosaran o seu apoio á mudanza, así como a Real Academia Galega ou ilustres ex-deportivistas, como o ex-capitán Álex Bergantiños, e numerosos persoeiros do mundo da cultura.
Concello, Deputación, Xunta ou RAG amosaran xa o seu apoio á mudanza do topónimo
Se se cumpre co agardado, o Deportivo pasaría a ser da Coruña xa a vindeira semana, tras a celebración da xunta extraordinaria de accionistas. Acometería un cambio que, malia as continuas demandas, non foi atendido polos anteriores presidentes do club, todos eles galegos. Tampouco polos dos últimos anos, incluído Augusto César Lendoiro, que botou máis de un cuarto de século á fronte da entidade.