A selección feminina de fútbol sala tamén volve. Logo da reestrea do combinado de fútbol no pasado mes de decembro, a Irmandiña tamén regresará ás pistas. Farao o vindeiro 7 de xaneiro no polideportivo Santa Isabel de Santiago, tamén ata Catalunya e nun encontro organizado pola Federación Galega de Fútbol (FGF) xunto ao Concello compostelán e o Santiago Futsal.
O partido enmárcase dentro dos actos polo Día Internacional da Muller Traballadora do Concello de Santiago
Será un "evento histórico", segundo asegura a FGF, que ademais está integrado dentro dos actos que o Concello de Santiago ten programados para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora do 8 de marzo e cunha "clara finalidade de promover o fútbol sala feminino en Galicia". "Será unha magnífica oportunidade para reivindicar a igualdade de xénero no deporte", asegura a Federación, que lembra que Galicia é "unha referencia" da disciplina a nivel estatal. De feito, na actual primeira división feminina estatal militan catro equipos galegos: o Burela Pescados Rubén -con varios títulos acadados nos últimos anos-, o Poio, o Cidade das Burgas e a Ponte Ourense.
O encontro será o primeiro do combinado absoluto feminino desde 1998
O partido do vindeiro 7 de marzo será o primeiro da selección galega absoluta feminina de fútbol sala desde 1998, logo de que a Federación Española, que organizaba daquela campionatos estatais de combinados autonómicos, deixase de facelo para centrarse nas categorías sub23 e sub21, onde a Irmandiña acadou tamén éxitos nos últimos anos.
"A Federación Galega quixo recuperar as seleccións galegas de fútbol sala, igual que fixo o ano pasado coas de fútbol, cun gran éxito e un enorme apoio social", destaca a FGF, que dispuxo un prezo para as entradas de 5 euros para os adultos e de 2 euros para os menores de 18 anos. Os billetes poden adquirirse no Multiusos Fontes do Sar, nas oficinas do Santiago Futsal ou na delegación de Santiago da FGF, no estadio de San Lázaro.
Para a reestrea da selección absoluta, a FGF elixiu para o banco a parella formada por Manuel del Castillo e María del Carmen Carro, Queru, ambos dous con grande experiencia na dirección técnica de diferentes equipos galegos.