Remata unha tempada histórica para o fútbol galego. Os dous grandes, Deportivo e Celta, regresan á Primeira División logo dunha tempada brillante; o Ourense recupera o seu sitio na Segunda B e o Lugo camiña con paso firme cara á categoría de prata. Finaliza unha campaña redonda na que, dunha vez por todas, os xogadores galegos cobraron o protagonismo que se lles debeu durante anos.
Cun Celta ateigado de galegos e un Deportivo no que dous rapaces da terra foron claves, os futbolistas autóctonos non só sacan a cabeza, senón que son fundamentais nos seus conxuntos. Son moitos os xogadores que optarían agora a unha selección galega. Ese equipo de todos que semella máis necesario que nunca.
Malia os esforzos de moitos afeccionados, xornalistas e directivas por unha rivalidade sá e sen violencia, os últimos excesos dalgúns xogadores nas súas respectivas celebracións deixan ben claro que hai cousas difíciles de arranxar. O celtista Iago Aspas declarara xa hai tempo que deixaría a súa moza se fose coruñesa tras recoñecer que celebrara na bancada a agresión a un futbolista do Deportivo. Os deportivistas Bodipo e Aythami contestaron despois metendo a zoca até o fondo con insultos ao dianteiro moañés e algunha alusión aos celtarras durante a xolda do ascenso. As advertencias e o enfado do elegante Valerón non foron suficientes.
Os excesos de varios xogadores nas celebracións de Celta e Deportivo deixan claro que hai cousas difíciles de arranxar
Tampouco o exemplo do capitán celeste, Borja Oubiña, fixo efecto. Foron moitos os futbolistas celestes que este domingo, en plena euforia, decidiron dedicar varios dos seus cánticos, micrófono en man, ao presidente deportivista Lendoiro, á Coruña ou ao Deportivo. Entre eles, un futbolista coruñés que defende a camisola celeste. Houbo insultos e posteriores peticións de perdón.
Por iso, xusto agora, varias voces -e non é a primeira vez que o din- reclaman xestos e iniciativas que contribúan a relaxar o ambiente, a fomentar a deportividade e a promover un derbi exemplar, como debería ser máis que nunca en Primeira. A extinta selección galega é a reivindicación máis repetida. E lembran como naquela reestrea durante o Goberno bipartito, a existencia dun equipo común para celtistas e deportivistas colaborara, e moito, a esquecer as rivalidades mal entendidas.
Son moitas as voces que piden a volta da selección galega, unha iniciativa que axudou a rebaixar a tensión da rivalidade mal entendida
Pero aquela selección, malia ser competitiva, requería dunha busca máis que exhaustiva. Buscábanse xogadores onde fose, incluído o estranxeiro, para conformar un plantel de garantías. Logrouse, aínda que naquel primeiro once inicial da renacida Irmandiña non houbese apenas xogador ningún nin de Celta nin de Deportivo. “Nestes tempos non teriamos problemas para formar un bo equipo”, dicía o adestrador Luís César en Praza non hai moito.
“Unha das razóns fundamentais é o momento económico dos dous clubs, porque sempre houbo moi bos xogadores na canteira do Celta e na do Deportivo, pero non se lles deu a oportunidade”, dicía Xurxo Otero, canteirán celeste, a Praza sobre o rexurdimento da canteira. “En Galicia sempre tivemos boa materia prima, ás veces cústame entender porque durante tantos anos non saíron máis xogadores”, insistía Fran, símbolo deportivista. “Todo inflúe, pero o descenso a Segunda e a crise económica son a clave da aparición destes rapaces; non hai mal que por ben non veña”, engade Nacho, ex de Compostela e Celta.
Agora, xuntar os xogadores do club coruñés e vigués sería dabondo para formar un once inicial. Tal e coma este, por poñer só un exemplo: Yoel, Mallo, Rochela, Túñez, Lago; Álex Bergantiños, Borja Oubiña e Álex López; Toni, Juan Domínguez e Aspas. Pero hai moitos máis galegos, e aínda máis contrastados, que poderían formar parte dunha selección na que xa non faría falta rebuscar e rebuscar para atopar efectivos. No propio Deportivo: Borja Fernández, Pablo Álvarez, Juan Carlos ou Seoane. E sobre todo no Celta: Jonathan Vila, Sergio, Dani Abalo ou incluso Jota.
E aínda podemos achegar máis estrelas. Todos somos seleccionadores. Aí lles vai un once: Diego López (Sevilla); Roberto Lago (Celta), Túñez (Celta), Rubén (Osasuna), Mallo (Celta); Bergantiños (Deportivo), Thiago (Barcelona) e Álex López (Celta); Jonathan Pereira (Betis), Diego Castro (Getafe) e Aspas (Celta). Engádanlle onde queiran a Rodrigo (Benfica), Joselu (Castilla), Fran Rico e Roberto (Granada), Trashorras (Rayo), Julio Álvarez e Nano (Numancia), Denís (Manchester City), Piscu (Wigan), Rafinha (Barcelona), Mosquera (Getafe), Diego Mariño (Villarreal), Dani Mallo (Girona), Ian Mackay (Sabadell), Rubén (Málaga), Nacho Novo (Legia de Varsovia e ex Sporting)... E ben seguro que algún máis.
Poucas cousas fixeron máis pola unión das afeccións que a selección galega
Todos nun mesmo equipo, ese que rematou coa volta do PP ao poder baixo xustificacións de austeridade e acusacións de “utilización política”. Fose como fose, poucas cousas fixeron máis pola unión das afeccións galegas. Das de Deportivo e Celta, pero tamén das do Racing, Lugo, Ourense, Pontevedra, Compostela... Unha oportunidade xa perdida. Ou quizais non.