A selección galega reborda calidade no seu regreso ante Venezuela

Anuncio do partido entre Galicia e Venezuela © Federación Galega de Fútbol

A selección galega volverá aos campos de fútbol cun equipo ateigado de estrelas e referentes tanto na Liga española como noutras ligas europeas. Os dous adestradores, Míchel Salgado e Fran, ofreceron este venres a convocatoria do equipo galego para o partido que disputará o vindeiro venres 20 de maio en Riazor ante Venezuela. Malia a ausencia dos xogadores de Segunda División -que teñen aínda competición, o que mingua moito as opcións na defensa- e a do madridista Lucas Vázquez pola súa participación na final da Copa de Europa, o cadro de futbolistas convocados xuntan calidade dabonda para competir con calquera. E con plenas garantías. 

Míchel e Fran non poden contar nin cos xogadores de Segunda nin con Lucas Vázquez, que xogará a final da Champions

"Non hai nada máis bonito para empezar como adestrador que facelo na selección galega", asegurou Míchel Salgado, que agradeceu xunto a Fran os esforzos por recuperar a Irmandiña da que eles foran protagonistas -aínda que o ex deportivista non puidera xogar- na súa reestrea aló por 2005. Ambos os dous técnicos avogaron por "un Riazor cheo" e pediron deixar a un lado a rivalidade. "Todos van animar en Riazor. Só haberá as cores da bandeira galega, todos unidos", advertiu o ex capitán branquiazul. 

Foi logo de que os adestradores facilitasen unha lista de 20 xogadores que é, moi probablemente, a reunión da mellor xeración futbolística galega da historia. Ou, cando menos, a mellor desde que Luís Suárez, Amancio, Veloso ou Marcelino lideraban a selección española. 

"Todos van animar en Riazor. Só haberá as cores da bandeira galega, todos unidos", advirte Fran

Na portería, Salgado e Fran escolleron ao celtista Sergio Álvarez e o vigués Diego Mariño, gardameta titular do Levante nesta última fase da tempada. Diego López, un dos previstos, non poderá estar ao ter que disputar a final da Copa en Italia co Milan. 

É na defensa onde os seleccionadores tiveron máis problemas ante a imposibilidade de convocar futbolistas de Segunda. Nin Insua, nin Rubén, nin Iago Bouzón, nin Manu, nin Raúl poderán unirse á Irmandiña, que enche a lista de laterais que poderían actuar no centro da zaga e que inclúe o deportivista Álex Bergantiños, mediocentro que pode actuar máis atrás. 

Hugo Mallo (Celta), Barragán (Valencia), Jonny (Celta) e Roberto Lago (Getafe) completan a defensa xunto a Angeliño, futbolista de Coristanco que milita no Manchester City, a onde chegou procedente da canteira do Deportivo. 

Trashorras, Mosquera, Aspas, Lucas, Denís, Jota ou Falque son algunhas das referencias do equipo galego

No mediocampo, a selección galega contará coa calidade e experiencia de Roberto Trashorras, capitán do Rayo que xa formara parte do combinado galego na anterior etapa. Ademais, os deportivistas Mosquera e Juan Domínguez, Fran Rico, mediocentro do Granada, e Álex López, cuxa presenza dependerá da clasificación ou non do seu equipo (Sheffield Wednesday) para a fase final do ascenso á Premier League. 

No entanto, é o ataque de Galicia o que máis calidade xunta. Lidérano o celtista Iago Aspas e o deportivista Lucas Pérez, dous dos máximos goleadores e estrelas da Liga española nos seus equipos. Ademais, Denís Suárez, líder ofensivo do Villarreal e a un paso de fichar polo Barcelona, o valencianista Santi Mina ou o mediapunta do Eibar Jota. Tamén estarán a disposición de Fran e Míchel dous futbolistas que destacan nas potentes competicións italiana e inglesa: o centrocampista da Roma Iago Falque e o dianteiro de Silleda Joselu, no Stoke City. 

SELECCIÓN GALEGA 2016
Celta Sergio Álvarez, Hugo Mallo, Jonny e Iago Aspas
Deportivo Álex Bergantiños, Mosquera, Juan Domínguez e Lucas Pérez
Valencia Barragán e Santi Mina
Levante Diego Mariño
Manchester City Angeliño
Getafe Roberto Lago
Granada Fran Rico
Rayo Vallecano Roberto Trashorras
Sheffield W. Álex López
Villarreal Denís Suárez
Roma Iago Falque
Eibar Jota Peleteiro
Stoke City Joselu

Xa á venda ás entradas

Por outra banda, as entradas para o encontro do vindeiro día 20 xa están á venda desde o pasado xoves. Pódense adquirir na billeteira do estadio de Riazor (de 10 a 13.30 e de 16.30 a 19.30) e en calquera das sedes da Federación Galega de Fútbol. Ademais, nos vindeiros días habilitarse un servizo online a través de Abanca onde se poderán adquirir tamén os billetes. 

Os billetes para o partido poden comprarse nas sedes da Federación ou no estadio de Riazor

Os precios, asequibles, serán de 10 deuros para calquera das bancadas dos fondos (Pavillón e Marathon) e de 15 euros para os resto das zonas (Preferencia e Tribuna). Habilitouse tamén un sistema polo que aqueles colectivos (clubs, peñas ou agrupacións) que desexen asistir ao encontro poidan solicitar un número determinado de billetes na FGF para poder estar situados xuntos na bancada. 

Míchel Salgado e Fran © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.